Iniciar sesión: Acceso

Historia

O IES Camilo José Cela. Parte I

Esta primeira parte da historia do Instituto, da que é autor Celestino Menéndez, foi publicada en Leliadoura, a revista do centro. Recollémola aquí con lixeiras modificacións e algúns datos novos.

Idade Antiga

Esta Idade Antiga, de incerta orixe, transcorre desde un ano sen precisar ata 1973. Son coñecidos algúns intentos, por parte de autores locais, de relataren estes anos escuros. Pero, xa por falta de documentación, xa por falta de recursos narrativos, a historia antiga agarda aínda polo seu contador.

Parece que todo comezou en 1967, coa creación dun Colegio Libre Adoptado. Certas notas xornalísticas falan de “comisiones especiales integradas por prestigiosos vecinos”; de “activas gestiones secundadas con entusiasmo por la Corporación Municipal”; de que a noticia, en fin, “fue acogida en todos los sectores de la villa y su comarca con natural y lógica satisfacción". Finalmente o BOE número 224 de 19 de setembro publicaba o Decreto de adopción do antigo Colegio Libre de Enseñanza Media de Grado Elemental.

A noticia era que o 16 de outubro de 1967 comezaran as clases de Bacharelato Elemental, coa asistencia 320 alumnos, nese Colexio Libre Adoptado. Foi habilitado para o mester un edificio antigo no que se instalou o mínimo que debía ter un Centro escolar, ou algo menos que o mínimo: unhas mesas, unhas cadeiras e pizarras.

Pero, como era o único da comarca, o centro naceu prestixioso. Foi importante para Padrón que os nosos fillos e as nosas fillas non precisasen desprazarse a Santiago para estudaren o Bacharelato. Viñan estudar a Padrón mozos de ambos sexos (así di o cronista), procedentes de Dodro, de Rois, de Valga, de Pontecesures. Algunhas crónicas precisan que, á parte de teren clases, eses mozos practican fútbol, balonmán e voleibol; visitan museos e fábricas, e dan paseos... sobre todo, os sábados pola mañá. O que non teñen son pistas deportivas, nin instalacións de tipo ningún. Pero aos prestixiosos veciños, a todos os sectores da vila, non lles falta intención de conseguilo todo. Conseguirano en 1982. Ah, os prestixiosos veciños! Ah, os sectores da vila!

Imaxinamos aquel primeiro día de curso, seguramente chovendo sete choveres, pero todos felices: acabara a incomodidade da dupla madruga, do ríxido horario do tren ou o autobús. Para estudar, os mozos e as mozas xa non tiñan que se desprazar a Santiago.

No curso 69-70, o Colegio Libre Adoptado convértese en Sección Delegada, tal e como recolle o decreto publicado con tal finalidade no BOE de data 13 de xaneiro de 1970.

Idade Media

O 20 de setembro de 1973 o número 226 do Boletín oficial do Estado publicaba un decreto (2.220) polo que se creaban varios Institutos Nacionales de Bachillerato mixtos. “Para atender la creciente demanda de puestos escolares” decretábase a extinción das seccións delegadas de Melide, Padrón e Santa Uxía de Ribeira. Como consecuencia creábase o Instituto de Bacharelato de Padrón que comezaría a desenvolver as súas actividades no curso 1973-74 nos locais da sección delegada extinta, en tanto non fose construído o edificio previsto. O libro de inventario máis antigo do Instituto que se conserva é de outubro de 1973, e iníciase cunha relación de material "que procede de la extinguida Sección Delegada (Mixta) dependente do Instituto Arzobispo Gelmírez, de Santiago", segundo se di na primeira páxina.

No curso 1973-74, por tanto, o que era Sección Delegada pasa a ser Instituto, aínda que se lle viñese chamando así desde o comezo. Case nada cambiara: había 19 profesores neste curso e 250 alumnos. A que era xefa de estudos da Sección Delegada, María Isabel Véliz Carril, pasa a ser agora a primeira directora do instituto, manténdose no cargo ata 1977. O edificio consistía aínda nos mesmos barracóns, que estaban no campo onde se instalan os chigres nas festas da vila.

Precisamente, a máxima preocupación do Claustro de profesores nesta época foi, desde o comezo, conseguir un edificio digno, porque nin as instalacións, nin a situación no "campo da feira" eran as adecuadas. Pero esas cousas van lentas.

A pesar da escaseza de medios, o Instituto crece en alumnado e profesorado. Os profesores e as profesoras eran arredor de 25, e cando no ano 1976 o alumnado chega a 355, a Directora, alarmada, expón nunha reunión do Claustro a necesidade de insistir na Delegación e no Ministerio para conseguir un novo Centro.

Ao remate do curso 74-75, nunha reunión extraordinaria do claustro, celebrada o día 23 de maio, déuselle ao Instituto o nome de "Camilo José Cela" (14 votos favorables).

Propuxéranse tamén para a mesma votación os nomes de Amor Ruibal (3 votos), Macías o Namorado (1 voto) e Rodríguez de la Cámara (1 voto).

No curso 76-77 cursan estudos no instituto 355 alumnos e alumnas e a directora comenta nunha reunión do claustro de comezos de curso que o edificio é insuficiente. Os profesores eran daquela 26. Na reunión final do Claustro deste mesmo curso, a directora propón facer presións na Delegación e no Ministerio (sic) para conseguir un novo centro. Tamén se protesta pola invasión que as barracas da feira fan no que se consideraba campus do Instituto, que máis ben era pratus.

Curso 77-78. Chega novo profesorado, un catedrático de Matemáticas e unha profesora de Francés. Neste curso será director accidental do centro o catedrático de Xeografía e Historia, Xosé Manuel González Reboredo. Seguen as xestións sobre os terreos para o novo instituto. Xa está todo concedido, pero aínda non o están a facer.

En 1978, deixa o centro un dos seus profesores emblemáticos, o poeta e académico Bernardino Graña, que deixou para a posteridade a mención ao alumnado do centro no famoso poema que comeza "En Padrón os alumnos do instituto", pertencente á súa obra Se o mar e os peixes Sar arriba andasen.

Entre 1978 e 1980 ocupará a dirección María del Carmen González Teixeira e no curso 1980-1981, o director será Bieito Silva Valdivia.

O IES Camilo José Cela. Parte II

Idade Moderna

Comeza este tempo coa construción, por fin, do novo edificio. Inaugúrase en 1982, sendo de novo directora María Isabel Véliz, que deste xeito se converte tamén, ata 1984, na primeira directora da nova sede do instituto. Á inauguración asistiu o escritor do que toma o nome, Camilo José Cela. O que uns anos despois sería premio Nobel de Literatura descubriu unha placa conmemorativa, que se pode ver hoxe no acceso principal, e que foi doada polo artista rianxeiro Alberto Iglesias Sánchez, a petición do seu fillo, que estaba no Consello Escolar como representante do alumnado naquel momento.

De 1984 a 1986 será director Antonio López Estrada e entre 1986 e 1989 ocupará a dirección Carmen San León Martín. Nestes anos constátase, polos documentos da época, que o centro, a pesar de ter novo edificio, presentaba aínda moitas carencias e o claustro do profesorado non deixa de solicitar a súa subsanación. Ademais, algún desastre fortuíto, como un pequeno incendio producido en xullo de 1988, contribúe a agravar a situación. Nesta década atópase abundante documentación con diversas reclamacións: en 1987 xa se rexistra unha "petición de ampliación" e, en 1988, a directora presenta unha reclamación ao concello polo estado das "aulas prefabricadas".

En decembro de 1986 comeza a publicarse a revista Leliadoura, que terá un longo percorrido e que dinamizará a vida cultural do Instituto. Antes xa houbera algunha outra publicación de prensa escolar, como a revista Meda, que sacara o seu primeiro número en 1980.

Entre 1989 e 1992, a directora, Enma Fernández Fernández, intensifica as demandas de construción da ampliación do edificio orixinal de 1982. Eran os anos da incorporación masiva do alumnado ao ensino secundario e o centro quedábase tan pequeno que houbo que instalar dúas novas aulas, de novo nos vellos barracóns que xa prestaran servizo na localización anterior do centro, no Campo do Souto.

Idade Contemporánea

No ano 1992, por fin se estrea o bloque de ampliación do centro, obra longamente reclamada. Para conseguila, foi necesaria unha gran mobilización da comunidade escolar, sobre todo do alumnado, que non dubidou en liderar a reivindicación con accións como o peche no centro ou unha sentada cortando o tráfico da estrada N550.

Na década dos noventa puxéronse en marcha importantes iniciativas, como a radio escolar, que emitía nos recreos para o instituto (a través duns altofalantes estratexicamente situados) e tamén para o resto da bisbarra. O Club de lectura Galeano comeza a súa andaina nestes anos: foi un dos primeiros clubs de lectura que funcionaron nos institutos galegos. Tanto a radio como o club de lectura foron iniciativas novidosas que tiveron repercusión en prensa e ata na TVG da época.

Os anos noventa foron moi dinámicos e convulsos no centro e isto reflíctese nas alternancias que se produciron na dirección: entre 1992 e 1996 ocuparon cada ano sucesivamente a dirección as seguintes persoas: José Campaña Ferro, Leopoldo Bahillo Varela, Amalia Villar Calvo e Socorro Liste López. En 1996 comeza o seu período na dirección Celestino Menéndez Muñiz, que se prolongará máis dunha década, ata 2007, ano en que accede de novo unha muller ao cargo: María Xesús Senín Fernández.

Xa no século XXI, no curso 2004-2005, produciuse unha significativa novidade: o centro pasa a organizarse en aula-materia, non sen certa polémica entre alumnado e familias, que mesmo se reflectiu na prensa. A medida foi impulsada por un grupo de profesores e profesoras, ata que foi aprobada en claustro. Despois houbo moitos centros da contorna que seguiron o camiño aberto polo Cela...

No 2011 hai relevo na dirección e será Anxo Vidal Vidal quen a ocupe durante un curso e, tras a súa xubilación, será Manuel Baña Porto o director entre 2012 e 2017. Nestes anos avánzase na dixitalización do ensino, chegando ás aulas os "ultraportátiles" do programa Abalar.

Chegamos ao 2020 e a pandemia da COVID-19 provoca o confinamento da poboación. A dirección, ocupada desde 2017 por Manuel González Alvarellos, debe seguir as directrices establecidas no estado de alarma decretado o 16 de marzo dese ano e pechar o centro durante o tempo preceptivo. Ese curso só o alumnado de 2º de Bacharelato volveu ás aulas nun breve período de tempo e o alumnado e o profesorado seguiron o seu labor a través dos medios telemáticos, facendo un gran esforzo por rematar o curso da mellor maneira.

Nos cursos 2020-2021 e 2021-2022 implantouse nos centros o protocolo que, ademais de establecer a norma de respectar a distancia social de metro e medio e obrigar a que todos e todas levásemos máscara, fixo pasar moito frío nas aulas, posto que había que abrir as ventás para ventilar e evitar a propagación de virus. O sacrificio tivo resultados e no centro houbo moi poucos casos de "coronavirus".

O edificio "novo" vai cumprindo anos: en 2019 reformouse e ampliouse o recibidor do centro, creándose a Aula de Convivencia e a Sala de Atención a Familias. En 2023 alcánzase unha necesaria reforma: o cambio das cubertas, que xa estaban moi deterioradas. Con tellado novo, pero aínda con algunha pingueira, no curso 2023-2024 celébrase o 50 aniversario do IES.

 

 

Distribuir contido