Comunicamos que o próximo venres día 9 de decembro non haberá clase no IES Camilo José Cela, ao ser escollido polo centro como día non lectivo e autorizado pola Xefatura Territorial.
Difundimos desde a nosa web a convocatoria para a creación da ANPA do IES Camilo José Cela:
Desde o curso pasado, un grupo de nais de alumnado do centro veñen traballando na constitución dunha ANPA, que represente as familias no centro e na toma de decisións no Consello Escolar. Este proceso está a piques de completarse, para o cal convidan a participar a pais, nais e titores e titoras legais na Asemblea Fundacional, que terá lugar o vindeiro xoves 1 de decembro de 2022 ás 19:00 h en primeira convocatoria e ás 19:30 en segunda convocatoria.
Puntos a tratar:
1. Elección do nome da ANPA.
2. Aprobación dos estatutos.
3. Elección da xunta directiva, para a cal son elixibles todas as nais, os pais e os titores e titoras legais do alumnado.
4. Determinar a contía da cota de socio/a.
Comunicamos que a día de onte, xoves 3 de novembro, quedou constituída a Xunta Electoral que regulará as eleccións a representantes no Consello Escolar do IES Camilo José Cela dos distintos sectores da Comunidade Educativa. Renovaranse dous/dúas representantes do alumnado, un ou unha representante dos pais, nais ou titores/titoras legais e tres representantes do profesorado.
O prazo de presentación de candidaturas dos distintos sectores estará aberto ata o luns 14 de novembro ás 13:00 horas. As persoas interesadas deberán inscribir a súa candidatura nas dependencias de administración do centro.
Nos seguintes enlaces pódese consultar a información detallada por sectores:
Lémbrase ás familias beneficiarias dos vales de 50 euros para material escolar que poden pasar polo centro a retirar o vale adicional de 25 euros. Recoméndase pasar canto antes, xa que estes vales deben empregarse nas librerías antes do 1 de decembro.
No día de onte saíu publicada a Resolución provisional de centros públicos beneficiarios das axudas para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado en linguas estranxeiras.
O alumnado de 2º de Bacharelato do IES Camilo José Cela que presentou a solicitude foi seleccionado na súa integridade para recibir a subvención para a realización das probas. Pódese consultar a listaxe de centros e cursos seleccionados no seguinte enlace.
O alumnado que presentou solicitude deberá consultar ao seu profesorado de linguas estranxeiras para recibir asesoramento sobre a proba e será informado en breve das posibilidades para a súa realización.
Informamos ás familias de que, a partir do 22 de xullo, poden consultar no taboleiro da entrada do centro a listaxe definitiva do fondo de libros de texto. A entrega dos libros realizarase en setembro, antes do inicio das clases (día 8 de setembro). Avisarase por este medio das datas e horarios de recollida.
A partir o 26 de xullo estarán a disposición os vales de material escolar na oficina do centro. Poderanse recoller en horario de 9:00 a 14:00.
A Resolución do 10 de xuño de 2022, da Direccion Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se regula a xestión de probas de nivel lingüístico para o alumnado que curse estudos durante o curso 2022/2023 en centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, regula a xestión de probas de nivel lingüístico (B1, B2 ou C1) para o alumnado que curse 4º de ESO, 1º de BAC e 2º de BAC no curso 2022/2023.
O alumnado interesado e os seus responsables legais deberán cubrir un compromiso de participación e entregalo asinado na oficina do centro antes de setembro. O impreso para cubrir figura como adxunto ao final desta nova e pódese descargar premendo neste enlace.
O alumnado escollerá, asesorado polo profesorado de lingua estranxeira, o nivel de competencia da proba á que se presentará. Cada alumno e cada alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua, que será, preferentemente, a cursada como primeira lingua estranxeira. O centro seleccionará as probas ás que se presentará o alumnado con criterios de comodidade e proximidade. As familias encargaranse do traslado ao lugar do exame en caso de que este non se poida realizar no propio centro educativo.
A realización destas probas, que se desenvolverán durante o curso 2022/2023, recibirá financiamento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Se a dotación económica non fose suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, o centro seleccionará o alumnado participante por rigorosa orde de entrada da solicitude no rexistro do centro.
Están xa actualizadas as listaxes de libros de texto para o curso 2022-2023. Pódense consultar no apartado correspondente desta mesma páxina ou no seguinte enlace.