Visitas á Biblioteca Municipal dos alumnos de 1º Ciclo da ESO

Sala principal BPM de Brión

Abril, mes do libro, é tamén o inicio dunha nova etapa da Biblioteca Municipal de Brión. Dende comezos de mes, unhas renovadas instalacións están a disposición de todos os usuarios da biblioteca pública de Brión. A nova localización, no primeiro andar da antiga Casa Consistorial, permite a biblioteca duplicar o seu espazo, pasando dos case 100 aos máis de 190 m2 cos que agora conta. Unha mellora que se aprecia nada máis entrar, sobre todo cando se combina coa maior altura e luminosidade do local, que dispón dun teito de madeira no que se localizan tres puntos de iluminación natural que ambientan a sala principal, creando unha agradable atmosfera que favorece a lectura.

O espazo estruturase en tres salas. A central, acolle o fondo principal, e nela atópase o mostrador de atención ao público, as computadoras de acceso a internet e 16 postos de lectura. Dende ela pódese acceder a ás outras dúas, que se sitúan nas esquinas do edificio. Trátase de espazos especializados, un deles pensado para o estudio, con 8 postos de lectura, e outro para acoller aos usuarios máis pequenos.

O mobiliario foi aproveitado na súa gran parte, coma os andeis ou ou o mostrador de atención ao público. Incorporáronse novas mesas e cadeiras moito máis cómodas que as anteriores, tanto no servizo de acceso a Internet coma para lectura e estudo. A lectura informal na biblioteca dispón agora duns cómodos sofás, recuperados da vella alcaldía.

Coa idea de dar a coñecer as novas instalacións aos máis novos do concello, a Biblioteca Municipal e o IES de Brión organizan esta semana un programa de visitas guiadas dos alumnos de 1º Ciclo da ESO á Biblioteca Pública de Brión. Con elas preténdese non só dar a coñecer as novas instalacións, tamén informar sobre os servizos que a biblioteca obrece á comunidade e o xeito de acceder a eles.