PARTICIPACIÓN DO ALUMNADO DE 1º E 2º DE ESO NA OLIMPIADA DO COLEXIO DE ENXEÑEIROS DE CAMINOS

Á chegada á Escola de Camiños, Canles e Portos, había unha recepción no salón de actos aos 14 equipos participantes de centros de toda Galicia. Tras unha explicación por parte de Victor Barrientos, organizador e Xefe de Estudos da escola, os nosos dous equipos ("As Fragas" e "Eume") realizaron a primeira das probas consistente na construción dunha presa de materiais soltos con 1 quilo de arxila, 2 quilos de area e 2 quilos de grava miúda. Dispoñían dun máximo de 5 minutos para construíla con dous condicionantes, unha altura mínima e que filtrase a menor cantidade de auga posible. O equipo Eume, realizou unha gran proba aforrando moito material e cunha mínima filtración que o colocou nos postos dianteiros.

A continuación, repartíronse os equipos nas probas restantes entre as que había que construír a ponte de Leonardo Da Vinci con listóns de madeira, a resolución dun quebracabezas con seis imaxes de obras civís, a repartición de colectores entre cinco cidades mediante un camión teledirixido e a resolución dun xogo de simulación por computador de construción de pontes con diferentes materiais, onde os nosos dous equipos ocuparon as posicións máis altas da clasificación da proba.

Unha vez feito o reconto de puntos por parte da organización, o equipo "As Fragas" obtivo o segundo posto na Olimpíada. Pero o máis importante foi a convivencia con estudantes doutros centros e gozar dunha mañá onde puxeron en práctica o aprendido estas semanas, demostrando a súa capacidade de aprendizaxe, colaboración e compromiso co equipo.

Parabéns!

 

 

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer