En 1856, coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral, ten lugar o Banquete de Conxo, tamén coñecido como o Banquete Democrático de Conxo, un xantar de confraternización entre artesáns e estudantes que causou o terror entre as forzas vivas dunha cidade universitaria e clerical como Compostela.
A xuntanza interclasista, na que os estudantes universitarios serviron aos traballadores nun xesto considerado subversivo, tivo lugar na carballeira de Conxo e contou coas intervencións destacadas duns novísimos Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal.
O banquete de Conxo converteuse nun acontecemento de grande importancia simbólica para o galeguismo e del xurdirá a xeración que vai promover o Rexurdimento pleno da cultura galega.