Na época do Imperio Romano o núcleo principal de poboación que recibía o nome da cidade emprazábase en San Martiño de Tiobre, cuxa igrexa matriz consagrou o arcebispo Diego Xelmírez. Neste vello emprazamento Betanzos padeceu as incursións normandas ao mando de Horrich e posteriormente do propio rei Olaf en 1015. En 1219 a poboación trasladouse da súa antiga localización (San Martiño de Tiobre, coñecido como Betanzos O Vello) á súa localización actual, sobre o antigo castro de Untia, onde houbo unha encomenda templaria onde actualmente se levanta o mosteiro de San Francisco.
Betanzos xogou un papel central na Grande Guerra Irmandiña. Líderes da Irmandade como Alonso de Lanzós ou Joan Branco foron naturais da cidade. Precisamente, en 1465 Henrique IV concedeu á poboación o título de cidade, e en 1467 permitiulle a celebración dunha feira franca anual grazas á mediación de Joan Branco. Grazas a este capitán irmandiño a cidade de Betanzos recuperou o seu voto nas Cortes.