COMEZA A PARTICIPACIÓN DOS NOSOS EQUIPOS NO PARLAMENTO XOVE 2017 E O EQUIPO DA ESO CLASIFÍCASE EN PRIMEIRO LUGAR.

Como vixentes vencedores nas dúas modalidades do Parlamento Xove (www.parlamentoxove.com), os equipos do IES de Becerreá comezan a súa andaina na presente edición. O primeiro turno correspondeu ao equipo da ESO (24 equipos de toda Galicia nesta categoría), que este sábado 4 de marzo debateu contra os equipos do IES A Pinguela (Monforte), IES Río Cabe (Monforte) e IES Fontem Albei (A Fonsagrada), sendo o tema desta fase preliminar o seguinte: "En España a idade legal para mercar alcol é 18 anos. Variar este límite influiría nos hábitos de consumo de alcol entre a xuventude?"  Impuxéronse nos tres enfrontamentos e clasificáronse en primeiro lugar (237 puntos) para a fase final (Santiago, 21 e 22 de abril) como xusta recompensa ao seu esforzo e valía como grupo. Os nosos parabéns aos compoñentes do equipo: Gabriela, Marcos, Paula e Xoel; ao seu coordinador, Jesús, e ao preparador, Xulio

COMEZA A PARTICIPACIÓN DOS NOSOS EQUIPOS NO PARLAMENTO XOVE 2017 E O EQUIPO DA ESO CLASIFÍCASE EN PRIMEIRO LUGAR.

ENTROIDO 2017

Seguindo a tradición do noso centro, de novo o alumnado de 4º da ESO encargouse de organizarnos a festa do Entroido, sempre esperada con verdadeira ansia.

A xornada festiva comezou co concurso de disfraces, máis concorrido que nos últimos dous cursos, grazas a que houbo máis animación entre o alumnado (aquí hai que recoñecer que os que nunca fallan son os profesores/as coa súa comparsa). Desde concursantes individuais ou en parellas, ata comparsas multitudinarias (a voda do alumnado de 4º). pasando por comparsas noveles (a de 1º da ESO) e outras mixtas, compostas por alumnado de distintos cursos (3º e 4º). E tamén dous concursantes tradicionais, Andrea e Vili (2º de BAC), que se despediron desta celebración despois de tantos cursos, participando en parella.

A continuación, procedeuse a queima do espantallo. Este ano, escolleuse a un coñecido personaxe, moi poderoso el.

E todo rematou repoñendo forzas, co concurso de doces, que gañou Jessica, alumna de 2º da ESO.

ENTROIDO 2017

ALUMNADO DE 4º DA ESO, PARTICIPANTE NO PROXECTO "ESCOLA DE PRENSA", ENTREVISTA A SANTIAGO JAUREGUíZAR E A DEPORTISTAS DE CLUBS LUCENSES

Dentro das tarefas que o grupo de 4º da ESO está desenvolvendo pola súa participación no proxecto "Escola de prensa",  do diario El Progreso, relatamos a que levaron a cabo uns alumnos e alumnas do grupo nunha triple entrevista que tivo como protagonistas a Santiago Jaureguízar, escritor e xornalista dese mesmo diario, ao baloncestista lucense e xogador do Breogán, Sergi Quintela, e ao xogador de fútbol do C.D. Lugo, Damiá Sabater. Esta actividade estivo coordinada polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro.

As entrevistas publicaranse na web do citado proxecto: http://www.escoladeprensaelprogreso.es/

Preme aquí para ver outras imaxes dos eventos.

 

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

Para conmemorar o Día de Rosalía (24 de febreiro), ademais da pequena exposición que poderás ver nestas fotos, no noso centro desenvolverase unha poxa de recitado, organizada por alumnado de 1º de BAC. Igualmente, o alumnado da materia de Música deste mesmo curso actuará para versionar coñecidas pezas sobre poemas de Rosalía. Os actos terán lugar o xoves 16 de marzo, para non facer coincidir esta celebración coa do Entroido. Do que aconteza, daremos cumprida información a través de máis fotos e un vídeo.
CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

AS BROCHETAS DO AMOR (14 de febreiro)

Co obxectivo de recadar fondos para a excursión de fin de curso, @s alumn@s de 4º da ESO e 1º de BAC sacaron partido  do día d@s namorad@s, poñendo á venta as "brochetas do amor" durante o tempo de lecer. Tamén aproveitamos para inmortalizarnos nunhas fotos que poderedes ver premendo AQUÍ, e así teredes unha idea de como foi este evento.

AS BROCHETAS DO AMOR (14 de febreiro)

RECREACIÓN MEDIEVAL DO ALUMNADO DE 3º DA ESO

PREME AQUÍ para ver o vídeo do traballo desenvolto polo alumnado de 3º da ESO, coordinado polos profesores Fernanda e Ramón, e realizado en estreita colaboración con alumnado, profesorado e equipo técnico da Fundación TIC.

O ALUMNADO DE 1º DE BAC E DE TECNOLOXÍA II DE 2º VISITAN A FUNDACIÓN TIC

AQUÍ podes ver o vídeo editado pola propia Fundación TIC co "TICODIARIO",  o noticiario protagonizado por este alumnado, na visita realizada en xaneiro de 2017. Como verás, o resultado é inmellorable e a experiencia, única.

FESTA DE NADAL NO IES DE BECERREÁ

Para despedir o trimestre e dar a benvida ás vacacións de Nadal: un miniconcerto a cargo do alumnado de 1º de Bac da materia de Música, moitas panxoliñas, comida para compartir, chocolate con roscón de Reis, os xa tradicionais doce "lacasitos" para despedir o ano académico e, sobre todo, moita e moi boa convivencia.

Se queres ver un pequeno vídeo do acontecido,preme aquí.

E aquí se queres ver as fotos que completan oa vídeo.

A tod@s boas festas e un venturoso 2017!!

4º DA ESO PARTICIPA NO PROXECTO "ESCOLA DE PRENSA" DE "EL PROGRESO"

http://www.escoladeprensaelprogreso.es/

Ademais doutros moitos traballos de interese realizados polo alumnado deste curso, premendo no enlace superiro poderás ler o relato sobre a experiencia da noticia anterior, a participación deste alumnado na "English Week" nos Peares.

ALUMNADO DE 4º NA "ENGLISH WEEK"

O alumnado de 4º da ESO que aparece na fotografía, atópase aproveitando unha semana de inmersión lingüística (inglés) no centro que a Consellería de Educación ten nos Peares. A actividade está convocada pola Consellería e foron seleccionados, por puntuación, 21 centros públicos galegos, entre eles o noso, por segunda vez en catro convocatorias.

Ao remate da actividade farán pública a súa experiencia nesta páxina web, incluíndo o relato de como se pode sobrevivir durante unha semana sen teléfono móbil !! Guiño

ALUMNADO DE 4º NA "ENGLISH WEEK"
Distribuir contido