VISITA DIDÁCTICA A VILELA (NAVIA) PARA O ALUMNADO DE 3º E 4º DA ESO.

Estes dous grupos tiveron a oportunidade de gozar desta actividade formativa, denominada moi acertadamente "Latexa Ancares", deseñada e organizada pola "Asociación ambientalista e cultural Ser", que preside Óliver Laxe, e que tivo lugar na aldea ancaresa de Vilela, onde se ubica a sede desta asociación.

O alumnado de 4º acudiu o xoves 16 de decembro e parte do alumnado de 3º o mércores 17. Todas e todos participamos, en primeiro lugar, nunha xincana didáctica, proposta para achegar aos visitantes, dun xeito lúdico e participativo, o patrimonio socio-económico e natural da aldea e da súa contorna(castro do Teso da Ermida, o muíño de Vilela, ...), poñendo en valor o espazo natural da Reserva da Biosfera dos Ancares e o seu patrimonio cultural, sen esquecer a súa proxección de futuro.

Posteriormente, e despois de repoñer forzas cunha exquisita comida caseira e unha atención persoal insuperable na casa de Mara, Suso (antigo alumno do noso centro) e Alexia, acudimos á casa de O. Laxe, Casa Quindós, para ver a proxección da reportaxe realizada por el para o proxecto "Galicia Futura", na que se amosan os traballos colectivos desenvoltos na aldea ultimamente: desde a excavación arqueolóxica no castro do Teso da Ermida ata os traballos desenvoltos polos veciños para a implantación do silvopastoreo con gando caprino.

Queremos trasladar o noso agradecemento máis fondo e sincero a todas as persoas que organizaron a actividade e colaboraron en atendernos: Pepé, Paula, Oliver, Manuel, Antonio, Espín, Mari Carmen, Sebas, Silvia, Mara, Alexia e Suso,  que fixeron da xornada unha vivencia única e inesquecible, tanto polo orixinal da fórmula buscada para desenvolvela como, sobre todo, polas atencións coas que nos recibiron e trataron, que foron moito máis aló do que é habitual noutras actividades complementarias. PREME AQUÍ para ver unha selección de imaxes destas dúas xornadas.

VISITA DIDÁCTICA A VILELA (NAVIA) PARA O ALUMNADO DE 3º E 4º DA ESO.