ENTREGA DO "III PREMIO IES BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES"

Terceira primavera xa para este galardón creado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro, cuxo acto de entrega tivo lugar o venres 3 de xuño, coa asistencia e intervención dos representantes das dúas agrupacións premiadas, a Asociación Cultural "Abrente" (As Nogais) e a Sociedade Deportiva Becerreá, do alcalde das Nogais, Jesús Núñez e do concelleiro de cultura do Concello de Becerreá, Claudio Vázquez. Como peche do acto, un grupo de alumnos/as da asociación, todos/as estudantes (ou ex-alumnos) do noso centro, agasalláronnos cun baile e varias pezas que nos serviron aos presentes para valorara o seu traballo e a súa competencia.

Nesta ocasión, as pezas da artesanía entregadas como galardón eran dous hórreos, elementos arquitectónicos comúns na nosa comarca, creados por Lolo, artesán afincado en Coro (Val de Rao, Navia). Que as pezas sexan sempre creacións dun artesán local é unha das premisas coas que se desenvolve este acto de entrega do premio.

A Asociación Cultural "Abrente" naceu no ano 2008, centrando a súa labor inicial na recuperación de pezas e bailes da zona, así como a vestimenta. Destaca a recuperación de "Os Maios" e, como consecuencia disto, a "Danza das Cintas", que antigamente se celebraban nas Nogais. Hoxe en día a escola de música e baila da asociación conta con 48 alumnos/as de distintos concellos da comarca e ampliou o seu ámbito de actuacións a outras alternativas de ocio activo e social. Como eles mesmos afirman: "trabállase para conseguir que haxa unión entre as familias, algo que a día de hoxe está bastante en desuso, facendo de moitas unha soa".

Pola súa parte, a Sociedade Deportiva Becerreá, premiada dentro do ámbito das iniciativas privadas, recibiu o premio por desenvolver toda a súa actividade e comunicarse co seu entorno (cartelería, comunicacións, redes sociais ...) en galego, sendo exemplo de normalización lingüística moi importante, toda vez que se produce no ámbito da actividade deportiva, tan atractiva para a mocidade. Fundada na tempada 1985/86, nos seus equipos comparten experiencias rapaces dos concellos de toda a comarca e doutros limítrofes coas terras dos Ancares, ofrecendo unha oportunidade única de vinculación co deporte, que doutro xeito sería imposible acadar.

Por todos estes e outros méritos das dúas agrupacións, os parabéns da nosa comunidade educativa e o noso respectuoso recoñecemento a súa labor, esperando que sexa tan frutífera no futuro como ata agora.

PREME AQUÍ para ver unha selección de fotos do acto e AQUÍ para ver o vídeo da actuación do alumnado de "Abrente".

ENTREGA DO "III PREMIO IES BECERREÁ Á PROMOCIÓN DA LINGUA E CULTURA GALEGAS NA COMARCA DOS ANCARES"