Os tres equipos do IES de Becerreá que competiron na edición do Parlamento Xove 2016, campións na categoría da ESO e Bacharelato e subcampións de Bacharelato, foron recibidos no Concello de Becerreá polo Alcalde, Manuel Martínez, o Concelleiro de Cultura, Claudio Vázquez e outros membros da corporación. Despois das palabras de recoñecemento á labor e esforzo desempeñados e do agradecemento polo feito de dar repercusión mediática á nosa comarca a través destes logros, os membros dos equipos e os seus coordinadores, así como o propio centro, fomos agasallados cunha medalla do Concello de Becerreá e un dvd glosando a figura do poeta Manuel María, a quen este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Non obstante, o mellor agasallo está por chegar: será o día 23 de xuño, as 21:30 na Praza do Concello, cando os membros dos equipos, invitados polo Concello de Becerreá, sexan o pregoeiros/as da festa de San Xoán 2016, o que representa unha verdadeira honra para eles/as e un fondo recoñecemento aos seus éxitos. Parabéns da nosa comunidade educativa a todos/as eles/as e aproveitamos para confirmar a nosa asistencia ao pregón!! |
|||