O IES DE BEADE COLABORA NA FABRICACIÓN DE MATERIAL PARA PERSOAL SANITARIO

Hoxe queremos compartir con toda a comunidade educativa unha boa nova: o IES de Beade, a través do departamento de Tecnoloxía, está a colaborar na fabricación de viseiras de protección para o persoal sanitario. Como sabedes, temos no instituto unha impresora 3D, coa que algúns alumnos xa tedes traballado, e, desde hai uns días, estamos a usala para este cometido.

 

A idea xurdiu de varios profes de Tecnoloxía, de diferentes centros, que empezaron a traballar en equipo, cada un desde a súa casa, para obter os planos e os parámetros necesarios para a fabricación das viseiras. Cando as profesoras de Tecnoloxía de Beade soubemos desta iniciativa, pensamos que sería estupendo poder colaborar en representación de todos vós, así que decidimos unirnos ao grupo de Telegram coronavirusmaker, para compartir con outra xente con impresoras 3D información, consellos, e formas de resolver os problemas que ían xurdindo. De especial importancia foi contar coa inestimable axuda de María Loureiro, profesora de Tecnoloxía no IES Primeiro de Marzo de Baiona.

 

Nuria foi a encargada de levar a impresora para a súa casa e, tras varias incidencias, como a rotura dunha peza, que tivo que amañar como puido, ou a búsqueda de laca do cabelo no supermercado para adherir as viseiras á cama da impresora, hai uns días, porfin!, conseguiu a primeira unidade cunha calidade suficiente.

 

A partir de entón, a casa de Nuria mudou nunha fábrica de alta produtividade, de xeito que, a día de hoxe, xa enviamos varios lotes para que sexan repartidos entre o persoal sanitario. Para a pantalla protectora, utilizamos as láminas de PVC para encadernar do propio instituto, que son enviadas en caixas sen abrir, para preservar a hixiene. Como hai uns días xa esgotamos todo o filamento que tiñamos, o instituto mercou máis, para poder seguir producindo e enviando. E nesas estamos!

 

Como sempre dicimos “A tecnoloxía mola!”... e, ás veces, tamén axuda a salvar vidas.

 

Para rematar, unha pequena reflexión: nestes tempos de incertidume, nos que moitas veces nos sentimos impotentes e superados polos acontecementos, sempre podemos atopar unha maneira de colaborar, ben sexa coidando aos enfermos, vendendo no supermercado, limpando as rúas, transportando alimentos, facendo viseiras, axudando na casa, animando aos que levan mal o encerro, chamando por teléfono aos avós, ou, simplemente, quedando na casa e aplaudindo cada día ás oito da tarde. O importante é saber que todas as persoas temos algo que aportar e que, todas xuntas, imos sair desta!

 

#EsteVirusParámoloUnidos

Nos arquivos adxuntos tedes fotos de diferentes momentos do proceso e un vídeo na canle de YouTube do instituto

 

AdxuntoTamaño
1 O DESEÑO.jpeg142.24 KB
2 PEZA ROTA.jpeg123.1 KB
3 PEZA ARRANXADA.jpeg85.91 KB
4 LACA.jpeg109.87 KB
5 PRIMEIRA UNIDADE.jpeg64.43 KB
6 PRIMEIRO LOTE.jpeg223.42 KB
7 NOUTRAS CORES.jpeg169.27 KB
8 LISTAS PARA ENVIAR.jpeg253.17 KB
9 XUSTIFICANTE DE ENVÍO.jpeg117.4 KB