Novas Consellería

Distribuir contido
Actualizado: hai 7 min 8 seg

Román Rodríguez anuncia a licitación da renovación da cuberta do IES Pontepedriña cun investimento de máis de 300.000€

fai 1 hora 57 min

Summary: 

O Goberno galego está a investir 6M€ en grandes obras en centros da cidade, entre elas a ampliación do IES Eduardo Pondal, que vén de comezar

Dentro da primeira fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Consellería de Educación destinou 5,5M€ á mellora e ampliación de 13 centros de Santiago

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, anunciou hoxe en Santiago a próxima licitación da renovación da cuberta do Instituto IES Pontepedriña. Durante a súa visita ao centro presentouse o proxecto desta actuación que conta cun investimento de case 317.000 euros e está incluída nos Orzamentos da Xunta para 2025.

A renovación da cuberta permitirá mellorar as instalacións do instituto optimizando ademais a súa eficiencia enerxética. Segundo indicou o conselleiro, unha vez que se adxudique, os servizos técnicos prevén executar a obra nun prazo de catro meses. O Goberno galego amplía así o compromiso con este centro, no que xa se investiron máis de 294.000 euros en distintas actuacións.

A renovación desta cuberta forma parte do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para modernizar os centros educativos de Galicia. O plan entra agora na súa segunda fase cun investimento de 200 millóns de euros nos próximos catro anos tras executar máis de 2.700 intervencións desde o seu inicio en 2021 cun orzamento de 278M€.

5,5M€ na cidade 

Román Rodríguez lembrou que entre 2021 e 2024 a Xunta destinou 5,5 millóns de euros á reforma, ampliación e modernización de 13 centros educativos en Santiago a través deste plan. Na segunda fase, o investimento na capital superará os 6 millóns de euros con proxectos destacados como a ampliación do Instituto IES Eduardo Pondal, cun orzamento de 3 millóns de euros que vén de comezar; a rehabilitación integral do instituto IES Arcebispo Xelmírez II, por 2 millóns de euros; a renovación da cuberta e instalación dun ascensor no instituto IES Rosalía de Castro, cun investimento de 500.000 euros, e as melloras no Centro Integrado de FP Politécnico que suporán máis de 350.000 euros.

Ademais destas grandes intervencións, o pasado verán realizáronse 16 actuacións dentro do Plan de benestar e accesibilidade na escola BEN_Estar 2024 centradas en mellorar o confort e a sustentabilidade en 13 centros educativos da cidade cun investimento total de 370.000 euros.

Deste xeito, a Xunta de Galicia reafirma con estas actuacións o seu compromiso coa creación de espazos educativos máis modernos, accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta salienta a colaboración co tecido empresarial como un elemento clave no impulso das titulacións marítimo-pesqueiras

Ven, 22/11/2024 - 17:41

Summary: 

A directora xeral de FP e o delegado da Xunta en Lugo participan nunhas xornadas sobre este sector que se celebran en Viveiro

A Xunta oferta este curso un total de 1.602 prazas de novo ingreso na Mariña Luguesa, un 32% máis ca o pasado ano para 63 ciclos formativos e dous másteres

Idioma Gallego

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, salientou hoxe a colaboración entre a Xunta de Galicia e o tecido empresarial como un elemento clave para o impulso das ensinanzas de FP no eido marítimo-pesqueiro, que aseguran man de obra cualificada e relevo xeracional. Así o destacou esta mañá na localidade de Celeiro (Viveiro) con motivo da súa intervención nas Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, nas que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor o acordo cos armadores do Porto de Celeiro e a Confraría de pescadores de Celeiro en colaboración tamén coa Consellería do Mar, para, desde o ano 2018, traballar conxuntamente na posta en marcha de ciclos de FP Dual que implica unha ducia de empresas. “Este aproveitamento de sinerxías fixo posible que o pasado curso puideramos implantar por primeira vez unha oferta vinculada ao sector pesqueiro na Mariña Luguesa”, asegurou a directora xeral de FP en referencia ao ciclo dual en Navegación e pesca de litoral no Instituto IES María Sarmiento de Viveiro. Un ciclo para o que a Consellería puxo a disposición todos os medios co obxectivo de que se consolide na Mariña dado a súa relación co tecido socio-económico desta zona. Tamén vinculado co sector nesta comarca, este curso está en marcha o ciclo dual de grao medio en Cultivos acuícolas no Instituto IES Marqués de Sargadelos de Cervo.

Incremento da oferta

Eugenia Pérez explicou que, ao abeiro do Plan Conecta FP Galicia para o deseño dunha oferta formativa axeitada ao tecido produtivo, na comarca da Mariña Luguesa ofértanse este curso un total de 63 ciclos formativos e dous másteres de FP, o que supón un incremento da oferta do 22,6%, e un total de 1.602 prazas en 1º curso, isto é, case un 32% máis ca o pasado curso.

No que atinxe á familia profesional Marítimo-pesqueira, hai 787 persoas matriculadas nas cinco titulacións que se ofertan como son o ciclo de FP Básica en Actividades marítimo-pesqueiras, os ciclos de grao medio de técnico en Mantemento e control da maquinaria de buques e embarcacións (mecánico naval) e en Navegación e pesca de litoral (patrón de litoral) e os de grao superior en Organización do mantemento de maquinaria de buques e embarcacións (mecánico naval maior) e en Transporte marítimo e pesca de altura (patrón de altura).

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta dota a nova Unidade de hospitalización infanto-xuvenil de Vigo dun docente con perfil de orientación

Ven, 22/11/2024 - 14:38

Summary: 

A Consellería de Educación abriu hoxe a vacante para cubrir este posto cun profesional que guíe, coordine e acompañe o alumnado para que se incorpore a vindeira semana

Idioma Gallego

A Xunta dota a nova Unidade de hospitalización infanto-xuvenil do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo dun docente con perfil de orientación que se incorporará a vindeira semana e que será o encargado de guiar, coordinar e acompañar o alumnado que fai uso deste servizo hospitalario.

Hoxe mesmo, tal e como estaba comprometido publicamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de abrir a vacante para a cubrir ese posto de traballo logo de que a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa en coordinación co equipo médico desta unidade de recente creación, avaliaran nas últimas semanas o perfil profesional máis axeitado para atender o alumnado que fai uso do mesmo.

Así pois, a persoa encargada de dar apoio a estes alumnos no que atinxe á relación académica cos seus centros educativos de referencia será un orientador que tamén é profesor. Deste xeito, ademais do que atinxe aos aspectos de índole académica, conta coa preparación axeitada para prestar tamén guía e acompañamento no eido emocional.

A maiores, a Consellería traballa tamén para dotar de máis medios técnicos esta unidade, atendendo así a solicitude formulada pola propia unidade. Neste senso, está previsto enviar equipamento informático axeitado ao servizo do alumnado para o que así está recomendado. Deste xeito, baixo a supervisión do profesor orientador, poderá compatibilizar o seu tratamento nesta unidade coas clases, sempre tendo en conta as situacións e particularidades que se dan. 

Cómpre lembrar que esta unidade, que foi creada a finais do ano pasado, dotouse inicialmente, a modo de proba piloto, dun profesor que dependía da aula hospitalaria do Cunqueiro. Agora, tendo en conta as distintas tipoloxías agudas de saúde mental, é necesario avanzar nunha atención máis personalizada a través de profesionais expertos que tamén conten coa formación adecuada para atender os diferentes casos. Este perfil complementa o resto de profesionais que atenden dunha forma permanente ás persoas hospitalizas en idade escolar.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Galicia comparte coas Illas Baleares o seu modelo de Formación Profesional innovadora que é referente a nivel estatal

Xov, 21/11/2024 - 16:10

Summary: 

Coinciden na necesidade de seguir impulsando as ensinanzas de FP, que en Galicia acadan cifras récord de matrículas e inserción laboral

Coñecen os diferentes proxectos que se están a desenvolver nas catro áreas de especialización do Centro Galego da Innovación da FP en Ourense

Comproban o funcionamento do Centro Integrado de FP Carlos Oroza de Pontevedra, especializado na hostalaría, un sector moi importante na economía balear

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares, Antoni Vera, visitan hoxe dous centros de referencia na Formación Profesional: o Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, e o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza, en Pontevedra, para dar a coñecer e compartir o modelo galego nestas ensinanzas.

Deste xeito, Galicia amósalle á delegación balear o seu facer na Formación Profesional, con accións que poderían ser exportables á Comunidade balear e que xa se están aplicando nas nosas aulas. Como afirmou o representante do Goberno balear, a industria de servizos demanda cada vez máis perfís especializados, polo que é preciso impulsar unha maior oferta formativa e ampliar as súas infraestruturas da rede de centros integrados.

No transcurso da visita, os dous conselleiros coincidiron na necesidade de seguir impulsando o avance das ensinanzas de FP, que se teñen consolidado nos últimos anos como un referente de calidade, innovación e empregabilidade e xeran unha enorme confianza nos sectores produtivos. Neste sentido, Román Rodríguez reafirmou que a FP é “un eixo estratéxico, unha política de país que nos serve para dar oportunidades laborais e de futuro a cada vez máis persoas”.

En Galicia, declarou o representante da Xunta, a FP “avanzou en todos os ámbitos, pero destaca o incremento de alumnado, con preto de 69.000 matriculados este curso, o dobre que en 2009, e unha taxa de empregabilidade do 86 %”.

A innovación do Eduardo Barreiros

Neste sentido, Román Rodríguez destacou a labor que se realiza desde o Centro Eduardo Barreiros, onde se concentran as liñas estratéxicas da Formación Profesional: a conexión co mundo laboral, o emprendemento e a innovación. Alí, Antoni Vera e o seu equipo puideron coñecer os diferentes proxectos e iniciativas que se están a desenvolver nas catro áreas do centro: Innovación aplicada, Emprendemento industrial, Formación de alta especialización e Comunicación estratéxica e internacionalización.

Así mesmo, coñeceron como se traballa na visibilización do labor do centro como un referente de innovación, formación e emprendemento industrial no ecosistema da Formación Profesional.

O conseller de Educación e Universidades das Illas Baleares tamén se interesou polo programa de formación de alta especialización para docentes de FP que se imparte neste centro, con 96 actividades multidisciplinares e 1.440 prazas, así como polo programa InnovaTech FP, a través do que os alumnos se enfrontan á resolución de retos tecnolóxicos expostos por empresas. Así mesmo, Antoni Vera e o seu equipo coñeceron como se traballa na visibilización do labor do centro como un referente de innovación, formación e emprendemento industrial no ecosistema da formación profesional.

O sector da hostalaría

A visita remata no Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza de Pontevedra, un centro especializado na hostalaría, un sector moi importante para a economía balear, onde a delegación insular coñece a oferta formativa enfocada no sector culinario e turístico.

O alumnado deste centro ten a oportunidade de aplicar os coñecementos adquiridos no desenvolvemento de produtos tan orixinais como xabóns e aceites derivados de camelia. Actualmente, o Carlos Oroza conta con 352 alumnos e cunha ampla oferta formativa na que destacan ciclos de Cociña e restauración, Panadaría, repostaría e confeitaría, Servizos en restauración, Dirección de cociña, Xestión de aloxamentos turísticos e Guía, información e asistencia turísticas, entre outros.

A recente ampliación das instalacións deste centro, cun novo edificio, é outro dos ámbitos de interese debido ao obxectivo de ampliar a rede de centros integrados nas Illas Baleares.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Galicia presenta por primeira vez na Feira SIMO de Madrid o seu modelo educativo de éxito

Mér, 20/11/2024 - 14:59

Summary: 

A Xunta difunde os seus programas de innovación nun innovador stand propio nesta cita de referencia tecnolóxica para profesionais da educación en España

Román Rodríguez pon en valor o traballo do Goberno autonómico para lograr situar o ensino galego como “un referente a nivel nacional e internacional”

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe a Feira SIMO Educación 2024, un dos eventos máis importantes no ámbito da tecnoloxía para os profesionais do ensino en España con máis de 9.000 visitantes, onde por primeira vez a Xunta instala un stand para amosar o modelo educativo galego de éxito acreditado polos seus resultados.

O representante da Xunta de Galicia, ademais de coñecer toda a oferta tecnolóxica das empresas e entidades participantes e poder dialogar con profesionais e expertos nesta 10ª edición da feira que se celebra en Ifema, tamén mostrou o traballo que se fai desde o Goberno galego en materia de educación. “O sistema educativo galego é un referente a nivel nacional e internacional, algo que indican os principais indicadores comparativos”, sinalou Román Rodríguez.

Galicia atópase entre as comunidades que máis inviste por alumno, foi capaz de reducir a mínimos o abandono escolar e mellorou resultados académicos sendo líderes en ciencia, pensamento creativo e equidade. Así mesmo, é a comunidade que mellor garante a igualdade de oportunidades entre o alumnado, a que ten unha das mellores rateos alumno/profesor, así como o mellor nivel de inglés de todas as comunidades.

Neste sentido, o titular de Educación afirmou que se está a vivir “unha dinámica progresiva, pero non nos podemos conformar, pois debemos avanzar na calidade, na equidade e na igualdade de oportunidades”.

Ágora Dixital, Nova Arquitectura, Polos Creativos...

O expositor da Consellería de Educación, que está atendido por profesionais da Consellería, foi realizado polo Centro de Innovación Educativa e Dixital. Este stand chamou a atención dos asistentes a feira polo emprego da intelixencia artificial, tecnoloxías innovadoras, unha pantalla holográfica e distintos vídeos divulgativos nos que explican os programas de innovación educativa da Xunta, entre os que destacan o Plan de nova arquitectura pedagóxica, os Polos Creativos ou o Plan MEGA de mellora educativa de Galicia. Tamén o traballo que se realiza desde o Centro da Innovación da FP Eduardo Barreiros e a potente rede de centros integrados de Formación Profesional, que posibilita unha matrícula récord.

Ademais, están a realizarse demostracións en directo dos proxectos Galiverso, no que se emprega a realidade virtual con fins pedagóxicos; Ágora Dixital, unha plataforma de recursos dixitais a disposición dos docentes para axudalos a desenvolver o seu labor na aula con propostas de aprendizaxe innovadoras e experimentais, e cREAgal, unha iniciativa que permite avanzar na ensinanza híbrida con materiais dixitais adaptados aos currículos educativos galegos e na que hai recursos gratuítos deseñados por un cento de docentes.

Para completar a participación do Goberno galego nesta feira educativa, representantes da Consellería interveñen en conferencias e mesas redondas que se celebran. É o caso da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, que participa na conferencia Datos e intelixencia artificial en educación, para analizar a importancia destas ferramentas á hora de mellorar a toma de decisións en educación.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Un cento de militares acreditan as súas competencias profesionais ao abeiro dun acordo entre a Consellería de Educación e o Ministerio de Defensa

Mar, 19/11/2024 - 16:00

Summary: 

A directora xeral de FP e os representantes do Ministerio de Defensa en Galicia fan un seguimento deste acordo que abre novas vías profesionais

Idioma Gallego

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión co delegado do Ministerio de Defensa en Galicia, Coronel Bernal Martín, para facer un seguimento do acordo acadado hai un ano entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Ministerio de Defensa co fin de facilitar ao persoal militar o recoñecemento das competencias profesionais adquiridas a través da súa experiencia laboral ou por vías non formativas.

Grazas a este acordo, arredor dun cento militares e reservistas de Especial Dispoñibilidade puideron acreditar as súas competencias profesionais para un total de 183 unidades de ámbitos como a vixilancia e seguridade privada, amarre de porto e monoboias, actividades auxiliares de mantemento de máquinas, equipos e instalacións de buque, servizos administrativos ou condución de vehículos pesados.

A directora xeral explicou que o recoñecemento oficial das competencias adquiridas polas persoas que prestaron servizos militares mellorará as súas condicións laborais, abrindo novas posibilidades de inserción profesional e facilitando a súa adaptación ao mercado laboral civil. En Galicia, os centros de referencia para estas acreditacións son os centros integrados de FP CIFP Politécnico de Santiago de Compostela, CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP Fraga do Eume (Pontedeume), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol) e o CIFP A Xunqueira (Pontevedra).

Precisamente o impulso da acreditación de competencias profesionais é un dos sete eixos nos que se basea a Estratexia de FP Galicia 2030, onde se fai fincapé, entre outros, na colaboración co tecido socioeconómico a través das entidades empresariais e profesionais para actualizar e adaptar a oferta a esas necesidades e mellorar a empregabilidade e a formación dos traballadores.

Impulso do emprendemento

Por outra banda, a directora xeral de FP tamén se reuniu esta mañá con representantes de seis asociacións e entidades empresariais de Galicia para avanzar no aproveitamento de sinerxías entre o ámbito educativo e o tecido produtivo.

Na xuntanza avaliouse o seguimento do programa Atrévete, enmarcado no Plan Eduemprende, co fin de seguir fortalecendo o apoio a iniciativas de emprendemento do alumnado, fomentando a creación de proxectos innovadores e viables, o desenvolvemento de proxectos conxuntos de innovación e transferencia tecnolóxica. Tamén se abordou o impulso da FP Dual Intensiva, dos procedementos de acreditación de competencias profesionais e a orientación vocacional e profesional adecuada, unha ferramenta fundamental para axudar aos estudantes a tomar decisións informadas e acertadas respecto ao seu futuro profesional.

Na reunión de traballo participaron as asociacións de empresarios de Sabón-Arteixo, de Ribeira, Sete Pontes, Polígono de San Cibrao e de Pontevedra, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal e a Área empresarial do Tambre.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Xunta beneficia a 84 centros da provincia de Ourense

Lun, 18/11/2024 - 16:27

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita a biblioteca escolar do Colexio CEIP Virxe de Covadonga

Destaca o papel fundamental da biblioteca para reforzar a comprensión lectora, un dos obxectivos prioritarios do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o CEIP Virxe de Covadonga, un dos 84 centros educativos da provincia de Ourense que participan no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe). A través deste plan, a Xunta de Galicia apoia as bibliotecas escolares como espazos estratéxicos para mellorar a calidade do ensino mediante a aportación de  recursos tanto para ferramentas de aprendizaxe e recursos para material didáctico.

Neste curso 2024/2025 o Plambe incorpora catro novos centros, que recibirán formación específica e apoio técnico a través da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Ademais, os 80 centros que renovan a súa participación contarán con axudas para ampliar os fondos bibliográficos, modernizar o mobiliario e equipamentos ou sufragar gastos de mantemento e xestión das súas bibliotecas. 

 O obxectivo principal deste programa é transformar as bibliotecas escolares en espazos dinámicos e innovadores, promovendo tanto a comprensión lectora como o hábito lector. A renovación dos recursos busca, ademais, fomentar a creatividade, ampliar as oportunidades de aprendizaxe e consolidar a biblioteca como un apoio esencial para o desenvolvemento das competencias do alumnado. 

 

Centro

Concello

 

Centro

Concello

CEIP Padre Feijo

Allariz

 

CEIP Plurilingüe Irmáns Vilar

Ourense

IES de Allariz

Allariz

 

CEIP Plurilingüe

Ourense

CEIP Plurilingüe Ramón

Amoeiro

 

CIFP A Carbaleira-Marcos

Ourense

Otero Pedrayo

Amoeiro

 

CIFP Portovelo

Ourense

CEIP Virxe de Guadalupe

Avión

 

CEIP Amadeo Rodríguez Baroso

Ourense

CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas

Bande

 

CEIP Manuel Sueiro

Ourense

CEIP Filomena Dato *

Barbadás

 

IES As Lagoas

Ourense

CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro

Barbadás

 

CEIP Plurilingüe de Seixalbo

Ourense

CEIP Ramón Otero Pedrayo

Barco de Valdeoras, O

 

CPI Plurilingüe José García García

Ourense

CEIP Plurilingüe Julio

Barco de Valdeoras, O

 

CEIP Plurilingüe Albino Núñez

Ourense

CEIP de Fenosa

Barco de Valdeoras, O

 

CEE Miño

Ourense

IES Lauro Olmo

Barco de Valdeoras, O

 

CEIP A Ponte

Ourense

CEIP Guriarán Canalejas

Barco de Valdeoras, O

 

CEIP Mariñamansa *

Ourense

IES Marta guisela

Barco de Valdeoras, O

 

CIFP AFarixa *

Ourense

CEIP Plurilingüe Condesa

Barco de Valdeoras, O

 

IES O Couto

Ourense

CEIP Nosa Señora de Xuvencos

Boborás

 

CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey

Pereiro de Aguiar, O

CEIP Pena Corneira

Carbaleda de Avia

 

IES Xermán Ancochea Quevedo

Pobra de Trives, A

IES Nº1

Carballiño, O

 

CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso

Pobra de Trives, A

CEIP San Marcos

Cartele

 

CEIP PlurilingüeCarlos Cid Aregui

Rairiz de Veiga

CEIP Plurilingüe Raúl Fernández

Castrelo do Val

 

CEIP Plurilingüe Ribadavia

Ribadavia

IES Celanova Celso Emilio Fereiro

Celanova

 

CRA Amencer

Ribadavia

CEIP Plurilingüe Curros Enríquez

Celanova

 

IES O Ribeiro

Ribadavia

CEIP Carmen García Carasco

Cenlle

 

IES Cosme López Rodríguez

Rúa,A

CPI Antonio Faílde

Coles

 

CEIP Manuel Respino

Rúa,A

CEIP Santa María A Real

Entrimo

 

CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño

Rubiá

CPI Plurilingüe Laureano Prieto

Gudiña, A

 

CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira

San Amaro

CEIP Virxeda Penada  Sela

Irixo, O

 

CPI Virxe da Saleta

SanCristovo

CEIP O Castiñeiro *

Laza

 

CEIP Saco e Arce

Toén

CEIP Plurilingüedo Xurés

Lobios

 

IES García-Barbón

Verín

CPI Teras de  Maside

Maside

 

CEIP Princesa de España

Verín

CEIP AugustoAssía

Mezquita,A

 

IES Castro de Baronceli

Verín

CEIP Plurilingüe de Luíntra

Nogueira de Ramuín

 

CEIP Plurilingüe Amaro Refojo

Verín

CEIP de Oímbra

Oímbra

 

CEIPBibei

Viana do Bolo

CEIP Virxe de Covadonga

Ourense

 

IESCarlosCasares

Viana do Bolo

IES 12 de Outubro

Ourense

 

CEIP Plurilingüe de Vilar deB ario

Vilar de Bario

IES Ramón Otero Pedrayo

Ourense

 

CEIP Rosalía de Castro

Xinzo de Limia

CEIP Curros Enríquez

Ourense

 

CEIP Carlos Casares

Xinzo de Limia

CEIP Vista hermosa

Ourense

 

CEIP Padre Crespo

Xunqueira de Ambía

*Centros de nova incorporación este curso

Recoñecemento ao traballo educativo do CEIP Virxe de Covadonga

Durante a visita, Judith Fernández puxo en valor o compromiso da comunidade educativa do CEIP Virxe de Covadonga co desenvolvemento da súa biblioteca escolar. “Este centro exemplifica como as bibliotecas poden ser motores de transformación educativa, participando en programas da Xunta como o Plambe, a Biblioteca Creativa e Lectura e Familias”, indicou. 

A directora xeral tamén eloxiou o labor de alumnos e docentes, tanto na xestión da biblioteca como na dinamización do club de lectura. Estes proxectos permiten mellorar a inclusión, reforzar a comprensión lectora, empregar distintas fontes de información e potenciar as competencias clave do alumnado. A biblioteca, ademais, está a converterse nun espazo de referencia para toda a comunidade educativa, facilitando o acceso á lectura e contribuíndo a alcanzar maiores éxitos académicos. 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Máis de 178.000 alumnos de 670 centros participarán este curso nos 45 programas educativos da Xunta integrados no Plan Proxecta

Sáb, 16/11/2024 - 14:19

Summary: 

A iniciativa comprende as iniciativas didácticas que ofertan as consellerías do Goberno galego en colaboración con outras institucións

No seu desenvolvemento implicaranse máis de 7.700 docentes

Idioma Gallego

Máis de 178.000 alumnos de 670 centros participarán este curso nos 45 programas educativos integrados no Plan Proxecta. Liderado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, este plan comprende as diferentes iniciativas didácticas que ofertan as consellerías da Xunta en colaboración, nalgúns casos, con outras institucións.

A oferta de actividades, que complementa os currículos, está relacionada cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, a normalización lingüística e os dereitos da infancia ou a mobilidade. No seu desenvolvemento implicaranse tamén máis de 7.700 docentes de todos os niveis educativos non universitarios.

Un ano máis, os programas con máis número de centros integrados son Proxectos de vida activa e deportiva, o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado, seguido de Nutriescolas, unha iniciativa para que o alumnado adquira e consolide hábitos alimentarios adecuados e desenvolva as competencias necesarias para facer eleccións saudables no futuro.

O número de centros integrados en cada programa recóllese na seguinte táboa:

Programas

Centros participantes

Proxectos de vida activa e deportiva (PVAD)

380

Nutriescolas

139

Donas de si

77

ProxectoTERRA

45

Correspondentes xuvenís

44

MeteoEscolas

42

Por 365 días de respecto e igualdade

41

Apuntámonos a non beber

39

Vexo veo Xacobeo

31

Quérote+

30

Recíclate con Sogama

28

Consumópolis

27

Clases sen fume

27

Parlamento Xove

26

Proxecto Ríos

25

Proxecto de innovación en dinamización lingüística

25

Educación patrimonial

24

Mobilidade sostible e segura

24

Aprendo programando

22

Mestres gandeiros

20

Nós tamén creamos!

20

Paisaxe e Sustentabilidade

18

Proxecto didáctico Antonio Fraguas

17

Protexe os animais

16

Galicons-net

15

Voluntariado miúdo: Móvete!

14

Naturézate

13

Salvavidas

13

Rapazas emprendedoras nas TIC

11

Fotografía en curso

10

Protexe o teu medio

8

Fitofaladoiro

8

Educación en dereitos da infancia e cidadanía global

8

Escola Verde

7

Xente con Don

7

Rede de Centros Escolares Solidarios

7

Rede de Eco Hortas Escolares

6

Pasaporte solidario

6

Contame un conto

6

O monte vivo

5

Activistas polo mundo que queremos

4

Sementando coeducación dende o rural: os coidados como xermolo para a sustentabilidade da vida

3

Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional

3

Cinema en curso

3

Moitavista na Escola

1

 

O Plan Proxecta ten como finalidade ser unha referencia para o fomento da innovación educativa mediante a metodoloxía centrada na realización de proxectos nos centros de ensino. Foméntase así o desenvolvemento de habilidades básicas e transversais entre o alumnado arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible promovidos polas Nacións Unidas na Axenda 2030.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta dota o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires dun Polo Creativo coma o que teñen os centros educativos galegos

Ven, 15/11/2024 - 16:32

Summary: 

O conselleiro de Educación, que inaugurou o espazo, sinala que esta dotación contribúe a achegar a estes alumnos á realidade académica galega

Destaca o apoio do Goberno galego ao proxecto educativo do centro, que leva décadas contribuíndo á difusión da nosa cultura na diáspora

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de inaugurar o Polo Creativo do Colexio Santiago Apóstolo, o centro educativo da diáspora galega en Arxentina. A nova dotación foi achegada pola Xunta de Galicia “para achegar aos alumnos deste centro á realidade académica dos colexios e institutos galegos, favorecendo que avancen en cuestións fundamentais para a súa vida diaria como a resolución de retos a través da creatividade e o traballo en equipo”, destacou o conselleiro.

O material enviado polo Goberno galego ao Colexio Santiago Apóstolo inclúe, ao igual ca o presente nos centros galegos, equipamento especializado de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción e téxtil e informática, con kits adaptados aos diferentes niveis educativos.

Deste xeito, o Polo Creativo do colexio bonaerense conta con equipos de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas microbit, microcontroladores, sistemas domóticos, circuítos de papel, escaneado e impresión 3D, tabletas, xogos de construción de pezas encaixables e sistemas para a creación de audiovisuais, entre outros.

Os Polos Creativos son espazos educativos innovadores a través dos que se fomenta a creatividade, a resolución de problemas en diversos campos do saber e o desenvolvemento de competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas. Funcionan como  un centro de actividades no que se traballa en equipo a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores, entre outras.

Apoio ao centro

Esta nova contribución ao Colexio Santiago Apóstolo súmase ao apoio da Xunta de Galicia a este centro, tanto a través do profesorado como de materiais. De feito, o pasado ano inaugurouse a obra de renovación e ampliación do sexto andar do colexio,  acondicionado para acoller novos servizos educativos como a biblioteca, salas de lectura e de informática e laboratorio de física e química, ademais de espazos de almacén e departamentos para os profesores. O Goberno galego achegou dotación para os laboratorios, pantallas dixitais e ordenadores, entre outras ferramentas, para estes novos espazos.

“O Colexio Santiago Apóstolo é unha parte fundamental da que é a maior comunidade galega no estranxeiro, a de Arxentina. Para o Goberno galego é moi importante apoiar o proxecto educativo deste centro, que leva décadas contribuíndo á difusión da cultura galega e dos valores da nosa identidade”, salientou Román Rodríguez.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A UNED súmase ao programa STEMBach, que a Xunta reforza con máis recursos para alumnado e docentes

Ven, 15/11/2024 - 14:04

Summary: 

A directora xeral de Innovación Educativa dá a benvida aos 53 centros que este curso participan en STEMBach, programa no que xa titularon máis de 1.000 estudantes

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deu hoxe a benvida aos participantes no encontro de centros STEMBach, cita onde se presentaron as principais novidades do programa para este curso escolar. Entre as melloras introducidas pola Xunta destacan a creación dunha nova Rede STEMBach para ofrecer apoio tanto ao alumnado como ao profesorado e a incorporación da UNED, que se suma ás tres universidades galegas no recoñecemento de créditos ECTS aos estudantes deste Bacharelato de excelencia.

Este ano, incorporase oito novos centros ata acadar un total de 53 que ofrecen STEMBach, unha acción que se implantou por primeira vez no curso 2018/2019 e no que xa se titularon máis de 1.000 estudantes. O programa enmárcase na Estratexia de educación dixital 2030, que busca consolidar os bos resultados de Galicia en áreas como as ciencias, onde, segundo o último informe PISA, o estudantado galego destaca como o mellor preparado en todo o Estado.

Con esta finalidade, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sinalou que a nova Rede STEMBach estará configurada “como unha estrutura de apoio e reforzo con propostas que fomenten a colaboración para mellorar o rendemento do alumnado nas materias STEM”, co fin de intensificar a formación científica, fomentar a colaboración coas universidades e impulsar as vocacións científico-tecnolóxicas.

Beneficios para os estudantes

No que atinxe ao alumnado, existen varios beneficios: recóllese no seu expediente oficialmente o feito de ter cursado esta ensinanza e teñen prioridade para participar en determinadas accións específicas das universidades, ademais de visibilidade do seu traballo en feiras científicas, entre outros. Neste senso, hoxe ábrese a convocatoria para premiar proxectos de investigación dos estudantes de STEMBach no curso 2024/25, que serán defendidos e expostos polo alumnado nun acto público ao final do curso.

En canto ao recoñecemento de créditos ECTS universitarios, os estudantes que superen o STEMBach e se matriculen nunha das universidades participantes verán recoñecido o seu mérito cun máximo de 6 créditos ECTS de libre configuración ao longo da súa traxectoria universitaria. A participación no Programa Mentoring STEMbach de cada universidade será un requisito para obter estes créditos. Para iso, ademais da colaboración coas tres universidades públicas galegas, a Consellería incorpora tamén a este proxecto o Consorcio Universitario Centro Asociado á UNED en Lugo.

Máis apoio aos docentes implicados

No que respecta ao profesorado, poderán usar as instalacións do Centro de Innovación Educativa e Dixital, que ten a súa sede no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, para desenvolver proxectos, recursos especializados en STEM e un repositorio compartido de charlas, publicacións científicas e licenzas para formación continua. Igualmente, o programa promoverá encontros entre profesorado e alumnado do STEMBach para intercambiar experiencias e apoio mutuo e crearase un espazo virtual onde compartir recursos, guías de estratexias docentes e repositorios de charlas e actividades.

A directora xeral agradeceu o traballo dos docentes e a colaboración das universidades en STEMBach para “desenvolver competencias fundamentais como a creatividade, o emprendemento, a resolución de problemas e o traballo en equipo, elementos esenciais para a formación do alumnado”. Tamén destacou a importancia de “crear un contexto que fomente a excelencia académica e o interese pola investigación científica”.

Contacto coa Universidade en Bacharelato

O STEMBach ten unha duración de dous cursos académicos e enfócase a alumnado de calquera modalidade de Bacharelato. No segundo curso, desenvolven un proxecto de investigación, relacionado cos ámbitos de coñecemento das materias cursadas, co-dirixido por docentes de departamentos universitarios ou entidades de investigación.

Así mesmo, estes estudantes cursan unha materia de afondamento extracurricular relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado. A maiores, realiza actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades centradas na investigación ou profesionais de recoñecida competencia neste eido, como conferencias, obradoiros ou proxectos.

CENTRO

CONCELLO

        PROVINCIA DA CORUÑA

 

CPR Plurilingüe Alca *

Ames

CPR Plurilingüe Ntra. Sra. Del Carmen

Betanzos

IES Brión

Brión

IES Afonso X O Sabio

Cambre

IES Punta Candieira *

Cedeira

CPR Plurilingüe Compañía de María

A Coruña

CPR Plurilingüe Liceo La Paz

A Coruña

CPR Plurilingüe La Grande Obra de Atocha

A Coruña

IES Salvador de Madariaga

A Coruña

IES Plurilingüe Eusebio da Guarda

A Coruña

CPR Plurilingüe Cristo Rey *

A Coruña

IES A Sardiñeira *

A Coruña

IES Agra do Orzán

A Coruña

CPR Plurilingüe Rías Altas

Culleredo

CPR Tirso de Molina

Ferrol

IES Sofía Casanova

Ferrol

IES Concepción Arenal

Ferrol

IES María Casares

Oleiros

IES de Ortigueira

Ortigueira

CPR Plurilingüe Compañía de María

Santiago de Compostela

IES Plurilingüe Rosalía de Castro

Santiago de Compostela

IES Lamas de Abade

Santiago de Compostela

IES Arcebispo Xelmírez II

Santiago de Compostela

IES de Cacheiras *

Teo

        PROVINCIA DE LUGO

 

IES Lucus Augusti

Lugo

IES Nosa Sra. Dos Ollos Grandes

Lugo

IES Francisco Daviña Rey

Monforte de Lemos

       PROVINCIA DE OURENSE

 

CPR Plurilingüe Miraflores

O Pereiro de Aguiar

CPR Plurilingüe Santa María

Ourense

IES Eduardo Blanco Amor

Ourense

IES As Lagoas

Ourense

PROVINCIA DE PONTEVEDRA

 

IES Primeiro de Marzo

Baiona

IES Ramón Cabanillas

Cambados

IES María Soliño

Cangas

IES de Rodeira *

Cangas

IES Plurilingüe Aquis Celenis

Caldas de Reis

IES Ramón Mª Aller Ulloa

Lalín

IES Laxeiro

Lalín

IES Plurilingüe A Paralaia

Moaña

IES As Barxas

Moaña

IES Val Miñor

Nigrán

IES A Xunqueira II

Pontevedra

CPR Santiago Apostol

Soutomaior

IES San Paio

Tui

IES de Valga

Valga

CPR Plurilingüe Compañía de María

Vigo

CPR Plurilingüe Miralba

Vigo

CPR Plurilingüe Las Acacias *

Vigo

IES República Oriental de Uruguay

Vigo

IES Valadares

Vigo

IES Armando Cotarelo Valledor *

Vilagarcía de Arousa

 

*Centros de nova incorporación este curso

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Román Rodríguez sinala o acordo con Arxentina como o primeiro paso para estender o modelo de títulos universitarios compartidos a outros países

Xov, 14/11/2024 - 20:23

Summary: 

O conselleiro de Educación destaca a importancia de seguir internacionalizando a universidade galega e de promover a mobilidade dos seus estudantes

“Nunha sociedade cada vez máis globalizada é fundamental que as administracións traballemos nunha oferta académica que dea resposta a estas necesidades”, afirma

Visita as universidades de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín para pechar acordos con USC, UDC e UVigo

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinalou hoxe os acordos con universidades arxentinas como o primeiro paso para estender o modelo de titulacións de grao, mestrado e doutorado compartidas a outros países. Fíxoo no marco da viaxe institucional ao país americano, na que estes días está a visitar as catro universidades nacionais de prestixio seleccionadas pola Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria para avanzar nos primeiros proxectos compartidos, en concreto as de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a importancia de seguir internacionalizando a universidade galega e de promover a mobilidade dos seus estudantes. Non en balde, os acordos que se están a asinar coas devanditas universidades arxentinas inclúen non só a impartición de titulacións compartidas, senón tamén o intercambio de estudantes, entre outros. 

“Nunha sociedade cada vez máis globalizada é fundamental que as administracións traballemos nunha oferta académica que dea resposta a estas necesidades”, afirmou o conselleiro, sinalando que a internacionalización é un reto compartido coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo e coa Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

“O tecido académico, o económico e o empresarial non teñen fronteiras. Conscientes desta realidade, queremos ampliar esta cooperación universitaria internacional pensando sempre en ofrecer a mellor formación aos estudantes, o que constitúe a nosa prioridade”, dixo. 

Así mesmo, o representante do Goberno galego salientou o abano de oportunidades que este novo modelo de internacionalización vai supoñer para os titulados a nivel laboral, tanto a nivel inserción como para abrir as portas dos mercados laborais de diferentes países.

Na viaxe institucional a Arxentina participan, ademais do conselleiro, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Antonio López e Ricardo Cao; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Eduardo Pereira e Juan José Nieto.

Enriquecer o sistema e avanzar en ciencia

Román Rodríguez destacou tamén a oportunidade que esta iniciativa de colaboración supón para enriquecer os sistemas universitarios dos países que se vaian sumando a ela. Neste sentido, lembrou que o modelo proposto para impartir titulacións compartidas inclúe tamén accións a outros niveis, como o intercambio de persoal docente ou de materiais académicos, así como a celebración conxunta de seminarios e conferencias.

Tamén o impulso de accións conxuntas en materia de investigación, favorecendo tamén a mobilidade dos investigadores entre os países participantes, contribuíndo ao avance da ciencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta destaca no Congreso Enciga a importancia das ensinanzas STEM na formación cidadá do alumnado

Xov, 14/11/2024 - 19:39

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa participa na inauguración do Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, participou esta tarde na inauguración do XXXVII Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (Enciga), onde destacou a importancia das áreas matemática e científico‑tecnolóxicas na formación cidadá do alumnado. Neste sentido, sinalou a utilidade destas ensinanzas para facer fronte aos desafíos da vida diaria, cada vez mais complexos, así como ás noticias falsas no eido científico.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor, ademais, o peso crecente das mulleres e as nenas na ciencia e salientou a aposta da Xunta por diminuír a fenda de xénero nestas disciplinas a través do programas como o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), no que predominan as alumnas.

“Proba deste papel feminino cada vez máis importante nestas áreas é que a xunta directiva de Enciga está conformada integramente por mulleres e a conferencia inaugural deste congreso é impartida por Begoña Vila Costas, enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA”, incidiu a directora xeral.

Obradoiros e conferencias

Desde hoxe ata o vindeiro sábado, o Instituto IES Plurilingüe de Valga acolle as actividades deste congreso, que abranguen desde o intercambio de experiencias e boas prácticas de centros educativos, ata visitas culturais, pasando por obradoiros arredor da Bioloxía, a Xeoloxía, a Física, a Química e as Matemáticas.

Ademais da conferencia inaugural, A exploración espacial: ensinándonos o universo, de Begoña Vila, o profesor titular no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC Xabier Cid será o responsable do relatorio Cern: 70 anos de historia e ciencia. Pola súa banda, a enxeñeira e doutora en Informática e graduada en Matemáticas, investigadora do CITIC, Susana Ladra, amosará en Revolucionando a aula como a intelixencia artificial transforma a educación; mentres que o presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira, impartirá a conferencia Rosalía, a ciencia e a modernidade.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A FP galega avanza na aposta de rachar cos estereotipos na elección dos estudos superiores

Xov, 14/11/2024 - 14:19

Summary: 

A directora xeral de FP participa no encontro ‘Mulleres na empresa actual e futura, liderando na Administración pública’ que organiza o Círculo de Empresarios de Galicia

Idioma Gallego

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe na mesa de debate Directivas liderando na Administración pública do encontro Mulleres na empresa actual e futura, unha xornada sobre o liderado feminino organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que debateu coa directora da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa, Begoña Mesejo, e coa directora territorial de Comercio e ICEX de Galicia, Patricia Pérez, deu a coñecer o seu papel no Goberno galego e puxo en valor o traballo que se está a realizar para rematar coa brecha de xénero na Formación Profesional galega. “É importante animar a mocidade galega a que estude o que de verdade lle guste sen estereotipos asociados as profesións”, sinalou Eugenia Pérez, quen afirmou que a través de campañas, programas e iniciativas estase incrementando a presenza feminina na FP: “Do curso pasado a este, hai un 9% máis de alumnas fronte a un 5% máis de alumnos”.

Este encontro tamén contou coa testemuña de alcaldesas galegas, de cargos directivos de servizos estratéxicos como son a Sanidade, a Universidade e os corpos de seguridade e forzas do Estado, así como cun coloquio entre os participantes e os asistentes para proporcionar as claves de liderar con perspectiva e empatía.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Galicia e Arxentina asinan un acordo para que as súas universidades poidan impartir títulos compartidos

Mér, 13/11/2024 - 12:01

Summary: 

Román Rodríguez preside o acto no que as axencias de calidade universitaria de ambos territorios rubrican un acordo marco para promover esta cooperación

Posibilitará ofertar titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado co obxectivo de impulsar a internacionalización das universidades galegas

Tamén poderán intercambiar persoal, estudantes e impulsar proxectos de investigación e actividades conxuntas, entre outras iniciativas

As tres universidades públicas galegas referendarán acordos de colaboración con catro universidades arxentinas de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos

Idioma Gallego

As universidades públicas galegas e universidades arxentinas poderán impartir titulacións conxuntas de grao, mestrado e doutorado. Farao posible un acordo marco asinado entre ambos territorios, primeiro froito da viaxe de traballo que encabeza o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez. O representante da Xunta de Galicia presidiu ao acto de sinatura entre a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU).

Esta decisión, impulsada desde o Goberno autonómico co consenso das universidades galegas e a supervisión das axencias de calidade de ambos sistemas, promoverá tamén o intercambio de experiencias, metodoloxías e ferramentas entre os sistemas de educación superior a ambas beiras do Atlántico. O director da ACSUG, Eduardo Pereira, e o presidente de CONEAU, Martín Strah, rubricaron esta acción de cooperación.

“A Xunta e as universidades públicas galegas coincidimos no obxectivo de estar máis abertos ao exterior e ser máis internacionais -afirmou o conselleiro-. Nada mellor para comezar esta senda que estar en Arxentina traballando con varias universidades de Bos Aires para abrir oportunidades e que os alumnos arxentinos poidan formarse en Galicia e tamén para que a nosa Comunidade poida enriquecerse co seu talento”.

Definición dos primeiros proxectos

Román Rodríguez puxo en valor a disposición das tres universidades públicas galegas para sumarse a esta iniciativa. De feito, xa están a analizar a oferta académica para poder definir as primeiras titulacións nas que desenvolver esta colaboración.

A Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria propón catro universidades de prestixio para avanzar nos primeiros proxectos compartidos. En concreto, as universidades nacionais de La Plata, Tres de Febrero, de Lomas de Zamora e San Martín. Con este fin, os representantes das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo desprazados a Arxentina referendarán estes días acordos-marco de colaboración coas devanditas institucións académicas arxentinas. A axenda da viaxe inclúe hoxe unha xornada de traballo, con visitas institucionais a La Plata e Lomas de Zamora, mentres que mañá será a quenda de Tres de Febrero e San Martín.

Nestas visitas participan, ademais do propio conselleiro de Educación en representación do Goberno autonómico, os reitores das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, Antonio López e Ricardo Cao; a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo; o secretario xeral de Universidades da Xunta, José Alberto Díez, e o presidente e o director da ACSUG, Eduardo Pereira e Juan José Nieto.

Intercambios e investigación

Ao abeiro destes acordos, ademais da impartición de titulacións conxuntas, as universidades asinantes poderán tamén intercambiar persoal docente, investigador e administrativo, así como estudantes e diversa información académica e materiais.

Por outra banda, estas entidades académicas poderán impulsar proxectos de investigación conxuntos, ademais de conferencias, simposios, cursos e seminarios.

O representante da Xunta quixo agradecer o traballo da ACSUG e de CONEAU para establecer unha base sólida que permita poñer en marcha as primeiras iniciativas neste eido. “Non é doada unha colaboración deste tipo entre dous países que forman parte de continentes diferentes, pero estas dúas entidades de acreditación e supervisión da calidade das titulacións traballarán arreo para facelo realidade”, destacou.

“Con este acordo damos un importante paso para fortalecer as redes de cooperación entre as entidades académicas dos dous países e na estratexia de internacionalización do Sistema Universitario de Galicia que está a impulsar a Xunta”, explicou o conselleiro. “Aproveitaremos as sinerxías existentes entre as dúas partes, froito de décadas de estreita relación, moi vencellada á diáspora galega no país americano”, detallou.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Galicia colócase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo segundo o maior estudo internacional ao respecto

Mér, 13/11/2024 - 12:00

Summary: 

Sitúase como a primeira comunidade autónoma con 564 puntos, 13 máis que a segunda e cinco máis ca o pasado ano 

Obtén 26 puntos máis que a medida de España de 538 puntos, tal e como certifica o informe de EF sobre índice de dominio do inglés

Esta dinámica alcista referenda a aposta da Xunta de Galicia polo impulso da aprendizaxe de idiomas en Galicia

Idioma Gallego

Galicia sitúase líder de España en inglés e no nivel alto do mundo, tal e como o corrobora o estudo máis amplo a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF).

Segundo os datos que veñen de facerse públicos hoxe, a comunidade autónoma galega obtén 564 puntos, o que a coloca no primeiro posto de España e 13 puntos por riba da segunda, que é Madrid (551 puntos), 18 puntos por riba de Cataluña (que está en cuarta posición con 546 puntos) e 19 máis ca País Vasco (en quinta posición con 545 puntos).

Ademais, Galicia colócase no nivel alto da táboa entre os 116 países analizados por EF-EPI, fronte ao nivel medio no que se sitúa España con 538 puntos, e á que lle saca 26 puntos de vantaxe. Tamén está moi por riba (87 puntos máis) da media mundial de 477.

A comparativa co estudo de 2023 tamén arroxa unha dinámica positiva de Galicia, xa que sube cinco puntos e escala da segunda á primeira posición estatal.

Os datos  do estudo de EF-EPI é o resultado da realización de test a 2,1 millóns de persoas de 116 países e rexións de todo o mundo, dos cales o 54% foron mulleres e o 46% homes, cunha idade media de 26 anos.

Estes datos referendan as distintas accións da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP para a aprendizaxe de inglés enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras como é a rede de centros plurilingües, que este ano acada os 511 centros e institutos atendidos por un total de 665 auxiliares de conversa de 24 países de cinco continentes, ou iniciativas como os campamentos de inglés e as estadías no estranxeiro, entre outros.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A FP galega aborda con Telefónica o impulso da formación e a retención do talento en Galicia

Mér, 13/11/2024 - 11:59

Summary: 

A directora xeral de FP reúnese coa representante da firma tecnolóxica para Asturias e Galicia co fin de abordar vías de colaboración en materia de ciberseguridade

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa directora de Telefónica para Asturias e Galicia, Paula Rodríguez, co obxectivo de abrir liñas de colaboración en materia de Formación Profesional e, en concreto, no eido da ciberseguridade, unha das áreas que rexistra unha maior demanda de profesionais cualificados a curto e medio prazo.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor este tipo de encontros na medida en que permiten escoitar “de primeira man” as necesidades do tecido empresarial e, deste xeito, “poder deseñar unha oferta formativa o máis pegada á demanda socioeconómica” ao tempo que “reter talento na nosa comunidade autónoma”.

Eugenia Pérez amosou a intención da Xunta en seguir reforzando a FP galega no eido da ciberseguridade, un compromiso que se reflicte en accións como a ampliación da oferta este curso con 14 másteres e 340 prazas neste eido repartidas en centros educativos das catro provincias. Nesta mesma liña, estase impulsando espazo de alta especialización en ciberseguridade no Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta comproba no CEIP Plurilingüe da Carrasqueira o éxito dos programas de inclusión e innovación educativa

Mér, 13/11/2024 - 11:59

Summary: 

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa coñece no centro algunhas das iniciativas candidatas á convocatoria do programa de impulso a Centros Referentes

Idioma Gallego

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe da Carrasqueira en Vigo, onde salientou o éxito dos programas innovadores que fomentan no centro a educación inclusiva e emocional. Esta visita enmárcase dentro da iniciativa da Xunta de crear unha rede de Centros Referentes, recoñecendo o labor de promoción dunha educación accesible e innovadora.

No percorrido, a representante da Consellería de Educación coñeceu espazos do centro como os patios inclusivos e a aula sensorial, deseñados para proporcionar aos alumnos unha zona adaptada que fomente a convivencia e a saúde emocional. Estas iniciativas son candidatas á convocatoria do programa de impulso de Centros Referentes que ten aberta a Xunta no marco do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia.

A directora xeral subliñou que estas iniciativas son fundamentais para crear un clima escolar positivo e inclusivo, destacando o “compromiso sólido da Xunta coa educación inclusiva e emocional”. Recordou tamén que Galicia conta cun dos sistemas educativos máis inclusivos do país e reiterou que a Consellería está traballando para seguir mellorando nesta dirección.

Ademais, Judith Fernández recordou que a Consellería de Educación está a desenvolver novos instrumentos para fortalecer a inclusión e o benestar emocional nos centros galegos, como unha ferramenta de sondaxe para medir o clima de convivencia, un Plan de Coeducación que fomente a igualdade e a renovación do protocolo de identidade de xénero. Estas medidas reflicten a aposta da Xunta por unha educación que sexa inclusiva e emocionalmente segura para todos os estudantes.

Durante a visita, coñeceu tamén as diversas iniciativas que o centro desenvolve en materia de innovación. Trátase de actividades dirixidas a fomentar a aprendizaxe e o desenvolvemento integral do alumnado, potenciando competencias clave como a comprensión lectora e a competencia matemática, á vez que promoven a igualdade, a convivencia e o benestar emocional.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

Xunta e Universidades inician unha viaxe a Arxentina para avanzar na estratexia de internacionalización

Mar, 12/11/2024 - 20:57

Summary: 

O conselleiro de Educación encabeza a delegación galega que visita desde hoxe o país americano para estreitar lazos e abrir oportunidades de cooperación

Participan tamén os reitores das universidades de Santiago e A Coruña, a secretaria xeral da UVigo e a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

“Compartimos moitos obxectivos comúns e un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo”, afirma Román Rodríguez

A axenda comeza este martes cun encontro coa Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria arxentina e representantes de universidades do país

Idioma Gallego

O Sistema Universitario de Galicia inicia hoxe unha visita institucional a Arxentina que ten como obxectivo establecer novos marcos de colaboración para afondar na súa internacionalización. A Xunta de Galicia e as tres universidades públicas viaxan nunha delegación conxunta encabezada polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cunha ampla axenda de reunións de traballo e intercambio ao longo de tres xornadas.

Co propósito de fortalecer as relacións entre as universidades do país americano e as galegas e estreitar lazos, participan nesta viaxe os reitores das universidades de Santiago e da Coruña, Antonio López e Ricardo Cao, e a secretaria xeral da Universidade de Vigo, María José Bravo. Xunto a eles, tamén o presidente e o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Juan José Nieto e José Eduardo López, e o secretario xeral de Universidades do Goberno galego, José Alberto Díez.

“A Xunta e as universidades públicas galegas compartimos moitos obxectivos comúns. Un deles é abrir as nosas facultades e centros de estudo a alumnos de todo o mundo e incrementar a calidade das titulacións que ofrecemos”, afirma Román Rodríguez na primeira xornada da viaxe. Por iso, sinala que esta visita “é unha enorme oportunidade para avanzar nesta estratexia de apertura, especialmente ao tratarse dun país irmán como Arxentina ao que estamos unidos por moitas razóns”. Neste senso, o conselleiro agradece a disposición do sistema universitario do país americano para buscar e determinar liñas de colaboración en beneficio mutuo coa USC, a UDC e a UVigo.

Implicación das axencias de calidade

A implicación da ACSUG resulta fundamental, pois previamente ten establecido xa contactos coa súa homóloga arxentina, a Comisión Nacional de Evaluación y Acreditación Universitaria (CONEAU), encargada de seleccionar as universidades do país americano que participan neste cumio. Son as universidades nacionais Tres de Febrero, de La Plata, de Lomas de Zamora e San Martín, que suman máis de 190.000 estudantes, máis de 20.000 docentes e máis de 1.500 titulacións. Trátase así de procurar unha maior internacionalización da educación superior a través do intercambio de experiencias e proxectos entre as institucións académicas de ambos territorios.

Precisamente, a axenda desta viaxe de cooperación comeza este martes cunha reunión de traballo con representantes da CONEAU en Bos Aires, seguida dun panel con expertos do ámbito académico arxentino. Ao longo dos vindeiros días, a delegación galega visitará cada unha das catro universidades americanas de xeito individual.

Arxentina, punto de partida

O feito de escoller Arxentina como punto de partida desta estratexia de internacionalización débese aos vínculos históricos, sociais e institucionais que a ligan con Galicia, ademais de polas similares sensibilidades, o que facilitará o establecemento de relacións educativas en materia de cooperación interuniversitaria. A participación das axencias de calidade universitaria de ambos lugares garante que todas as colaboracións que se poidan establecer se fagan dentro dun marco de máxima excelencia.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A directora xeral de FP aborda coa Federación de Redeiras o impulso da formación no sector

Mar, 12/11/2024 - 15:19

Summary: 

A Consellería de Educación leva emitidos 116 certificados de profesionalidade sobre a confección, a montaxe e o mantemento de artes e aparellos de pesca

Idioma Gallego

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa Federación Galega de Redeiras O Peirao para explorar vías de colaboración para a mellora da formación e a capacitación deste colectivo que se dedica a unha actividade básica do sector marítimo-pesqueiro en Galicia. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP analizou coas representantes desta entidade a posibilidade de impulsar accións formativas específicas para que o sector poida afrontar novos rectos tecnolóxicos e de loxística. 

Cómpre lembrar que a Consellería xa ven mantendo liñas de colaboración con esta federación para a cualificación do colectivo a través da acreditación de competencias profesionais. Froito desta cooperación, nos últimos tres anos emitíronse 116 certificados de profesionalidade para as dúas unidades de competencia desta cualificación, que son as de confeccionar e montar e de manter artes e aparellos de pesca. En Galicia, o centro de referencia para estas unidades da familia Marítimo-Pesqueira é o Centro Integrado de FP CIFP Universidade Laboral de Culleredo. 

Precisamente o impulso da acreditación de competencias profesionais é un dos sete eixos nos que se basea a Estratexia de FP Galicia 2030, onde se fai fincapé, entre outros, na colaboración co tecido socioeconómico a través das entidades empresariais e profesionais para actualizar e adaptar a oferta a esas necesidades e mellorar a empregabilidade e a formación dos traballadores.

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas Consellería

A Xunta incrementa nun 18% o apoio ao Concello de Oroso para ampliar ata os 130 os usuarios do comedor do colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés

Lun, 11/11/2024 - 19:12

Summary: 

O Goberno Galego eleva a máis de 76.000€ a contía do convenio para incrementar en 20 o número de comensais, atendendo á demanda do servizo de comedor

A Xunta mantén o seu compromiso coa conciliación familiar e educativa en Galicia, beneficiando a 14 concellos destes programas de comedor en colaboración

Idioma Gallego

A Xunta de Galicia aprobou unha terceira addenda ao convenio de colaboración co Concello de Oroso para o apoio á xestión do servizo de comedor escolar. Deste xeito, incrementarase nun 18% a contía do convenio, ata os 76.362€ (11.748€ máis), o que permitirá ampliar ata os 130 os usuarios de comedor escolar no Colexio CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés. Esta ampliación de 20 comensais responde á crecente demanda de prazas de comedor, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

Este apoio económico por parte da Xunta de Galicia permitirá ao Concello de Oroso xestionar o servizo de comedor de forma eficaz, incluíndo a contratación dos menús e o coidado do alumnado durante as comidas, mentres que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subvencionará os custos dos menús escolares. O convenio ten vixencia ata o curso 2025/26, incluído.

A Xunta de Galicia colabora na actualidade con 14 concellos de toda a xeografía galega que xestionan comedores escolares, en concreto con Ames, Barreiros, Betanzos, Cangas, Ferrol, Lugo, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Oroso, Sada, Sarria e Vilalba. Un total de 4.809 alumnos benefícianse destes convenios de colaboración cos concellos. Ademais, a Consellería de Educación destina 1,6M€ para axudas ás anpas que xestionan comedores escolares.

Información xeral Ensinanzas de réxime xeral
Categorías: Novas Consellería