O pasado 3 de novembro celebramos no IES de Barro o noso magosto. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega convocou para ese día un concurso de sobremesas de outono que obtivo moi boa resposta, xa que foron dezaseis as elaboracións presentadas.
Houbo mostras da repostería máis tradicional como a torta da avoa, as chulas, a torta de café ou de chocolate, os biscoitos de chocolate, de iogur ou de cabaza e noces, as madalenas, o brazo de xitano ou o pastel de cabaza; pero tamén outras máis inovadoras como a torta de obleas ou as madalenas de chocolate e laranxa.
Aproveitando a proximidade do Samaín, moitos dos nosos reposteiros reflectírono na decoración: cabazas, ataúdes, pantasmas, lápidas, arañeiras, moitos ollos sanguentos... Con todo, a máis sorprendente resultou a sobremesa gañadora do primeiro premio: un terrorífico cerebro, con arañas incluídas, presentado por Lorena Vázquez, de 4º de ESO.
O segundo premio foi para o saboroso biscoito de chocolate de Lucía Estonllo de 3ºde ESO e o terceiro obtívoo a sobremesa de dúas alumnas de 3º de ESO, Aroa Vicente e Saray Viqueira, que ademais acompañaron a súa torta cun divertido vídeo no que explican todo o proceso de elaboración.
A partir do primeiro recreo toda a comunidade educativa puido gozar dos xogos organizados polo Departamento de Educación Física coa colaboración do alumnado de 4º de ESO: birlos, brilé, carreiras de sacos, carreiras por parellas cos pés atados, lanzamento de aros, lanzamentos de castañas e sogatira.
Aínda que xa despois do segundo recreo puidemos degustar unhas riquísimas castañas asadas no mesmo patio do IES, foi despois de rematados os xogos cando saboreamos todas as sobremesas e recuperamos forzas de cara a fin de semana.