Durante toda a semana, o IES de BARRO levou a cabo a campaña de consumo de "froita na escola"
Os alumnos degustaron nos recreos, diferentes froitas cada día.
A MANDARINA Que é?
A mandarina (Citrus x tangerina) é o froito do mandarineiro.
Pertence ao grupo dos cítricos, froitos chamados hesperidios, con polpa formada por un considerable número de cuarteiróns cheos de zume, con moita vitamina C. A mandarina é a froita cítrica máis parecida á laranxa, aínda que de menor tamaño, sabor máis aromático e con maior facilidade para lle quitar a pel. Por iso se considera una das froitas máis apreciadas.
Os cítricos proceden de Oriente, China e India, desde onde se estenderon por todo o mundo. No século X, os árabes introdúcenos en España, onde en principio se apreciaron polo seu carácter ornamental. Foi no século XV cando se empezaron a valorar como árbores froiteiras. Adaptáronse moi ben ao clima levantino, aínda que non houbo plantacións regulares ata finais do século XVIII. O cultivo da mandarina comeza no ano 1858.
A MAZÁ Que é?
A mazá (Pyrus malus) é o froito da maceira. A pel pode ser de cor verde, amarela ou avermellada, e a polpa, fariñeira ou crocante, presenta un sabor que varía entre o agre e o doce. Contén no seu interior varias sementes de cor marrón escura. A mazá foi un froito simbólico ao longo da historia. Cítase na Biblia como o froito prohibido. Sen coñecer a súa composición, a sabedoría popular sempre lle atribuíu virtudes saudables. Crese que xa existía na prehistoria, tal e como o demostran restos arqueolóxicos que se atoparon en escavacións neolíticas. No século XII a. C., a maceira era cultivada nos fértiles vales do Nilo en tempos do faraón Ramsés III. A mazá foi introducida na península Ibérica polos romanos e os árabes. E no século XVI, os conquistadores españois estenderon o seu cultivo ao Novo Mundo. E cen anos despois, desde Iberoamérica, a maceira emigrou a América do Norte e, posteriormente, a África setentrional e Australia.
A PERA Que é?
A pera (Pyrus commnunis) é o froito carnoso con forma oval ou redondeada da pereira, árbore da familia das rosáceas. Os seus froitos, as peras, son de forma cónica, redonda ou globosa, e máis ou menos estilizadas dependendo da variedade. A cor da pel que predomina é a verde, pero son numerosas as diversas tonalidades que se mesturan con este, como a amarela, a parda e, en ocasións, a avermellada. A polpa é case sempre branca e nalgúns casos lixeiramente amarelenta, de sabor doce –en maior ou menor grao segundo a variedade, e moi substanciosa. Dependendo da madureza da pera, esta ofrecerá diferentes características de sabor, dozura, acidez e suavidade ou aspereza. En escavacións arqueolóxicas atopáronse vestixios desta árbore que datan de 3000 anos a. C. En estado silvestre, achábase nas zonas mornas de Europa e Asia Central. Os responsables da difusión e mellora do seu cultivo foron os romanos, os que desenvolveron novas variedades deste froito mediante técnicas de enxerto. De feito, Plinio deixou testemuño escrito da súa importancia na antiga Roma, describindo 38 variedades de pera.
O PLÁTANO Que é?
O plátano (Musa acuminata) é unha froita tropical procedente da árbore que recibe o mesmo nome, banano ou plataneiro, planta monocotiledónea pertencente á familia das musáceas e ao xénero Musa. As condicións óptimas para o seu cultivo son boa luminosidade, bastante humidade e unha temperatura aproximada de 25 ºC. O período desde a sementeira da planta nai ata a emisión do acio é de 10-12 meses. Unha vez que emite o acio, lévanse a cabo tres procesos: amarre ou atado, embolsado e desflorado.
• Amarre ou atado: para evitar a caída da planta debida ao peso do acio. • Embolsado: consiste na colocación dunha funda de plástico para evitar insectos e rozamentos no campo e no transporte. Ademais, conséguese unha froita máis limpa.
• Desflorado: o proceso de desflorado consiste en quitar, unha a unha e de forma manual, a flor feminina (de onde nace o plátano) que queda ao final de cada froita e que os consumidores poden apreciar como unha zona negra ao final de cada peza. O froito ten forma alongada ou lixeiramente curvada, de 100-200 gramos de peso. A pel é grosa, de cor amarela e doada de pelar, e a polpa é branca ou amarelenta e carnosa. Aínda que en numerosas ocasións se citou América Central como o lugar de orixe do plátano, a maioría dos autores opinan que esta froita é orixinaria do sueste asiático, concretamente da India, e é coñecida no Mediterráneo despois da conquista dos árabes no ano 650 d. C. A especie chegou a Canarias no século XV e desde alí foi levada a América no ano 1516.