Orde sobre o uso dos móbiles nos centros educativos
O pasado xoves 4 de xaneiro a Consellería de Educación publicou unha Orde sobre uso dos móbiles e dispositivos electrónicos nos centros educativos. De acordo con este novo protocolo, que entra en vigor o luns 8 de xaneiro, o uso libre dos móbiles e outros dispositivos electrónicos por parte do alumnado está prohibido durante a totalidade da xornada escolar, incluídos os períodos non lectivos (entradas e saídas, tempos de recreo e comedor escolar e períodos dedicados a actividades complementarias e extraescolares). Os móbiles poderán utilizarse unicamente como ferramenta pedagóxica, baixo a supervisión do profesorado, ou por razóns xustificadas e coa debida autorización da dirección (por motivos médicos, por exemplo).