Skip to Content

Escolares

GRADUACIÓN 2º BACH

 

O alumnado de oratoria de 2ºESO participa nun pleno escolar no Concello de Narón

 

O venres 3 de marzo, o Concello de Narón celebrou un pleno moi especial, no que alumnos e alumnas do IES As Telleiras, do CPR Jorge Juan e do IES Terra de Trasancos se converteron en concelleiros/as por un día e realizaron varias propostas de enorme interese. Nesta sesión tamén participou a concelleira de Educación, Mercedes Taibo, o secretario Xeral, Afonso de Padro e presidiu a sesión a alcaldesa, Marián Ferreiro.

As propostas do alumnado de Telleiras ían destinadas ao ámbito do lecer, do deporte e dos servizos de transporte público. Agardamos que este encontro e estas propostas sexan tan ben acollidas polo Concello de Narón como entre o alumnado e o profesorado o foi a participación nesta actividade.

Entroido 2023

O venres 17 de febreiro tivo lugar no IES As Telleiras o Festival de Entroido. E como o curso 22-23 está sendo o curso da volta total á normalidade a celebración recuperou as tradicións que converten este día nun dos máis especiais e tamén nun dos máis esperados do ano académico. 

É tradición no centro que o alumnado de 2º de Bacharelato sexa o encargado de organizar esta festa e, da mesma forma, é tamén un clásico que sexan as comparsas do profesorado as que dean inicio ao festival. Tanto alumnado como docentes estiveron á altura do que se esperaba deles. Foi un día de celebración e de diversión que tivo como temática a música da década dos 2000. 

Se queredes ver as catro actuacións inaugurais das comparsas de profes podedes facelo pinchando aquí. Gozade do espectáculo! 

Durante estas datas tamén se celebraron os tradicionais concurso de máscaras e concurso de cartaces de entroido. A seguir podedes ver as obras gañadoras:

 

 

14 DE FEBREIRO: O DÍA DO AMOR

O martes 14 de febreiro para conmemorar o día d@s namorad@os os membros de LGBTelleiras organizaron diversas accións para facer deste día unha celebración o máis inclusiva e diversa posíbel. Así, coa inestimable axuda do departamento de Artes Plásticas elaboraron un buzón e convocaron a todas as persoas a mostrar abertamente o seu amor e /ou o seu agrademento a través dunha carta. 

 

O buzón e un corazón xigante foron colocados no vestíbulo do edificio principal, para deleite de toda a comunidade educativa.  

 

 

Finalmente, a través dun mural en que participou tanto o alumnado como o profesorado do centro, tivemos a oportunidade de depositar mensaxes que celebrasen o amor libre, o amor sen complexos e o amor que parte do respecto mutuo. 

22 DE DECEMBRO: MERCADO DE NADAL, CAMPIONATO DEPORTIVO E CHOCOLATADA

O 22 de decembro foi unha data festiva no IES As Telleiras. O centro estaba engalanado para despedir o primeiro trimestre e darlle a benvida ao Nadal e tanto o alumnado como o resto da comunidade educativa participaron de diversas actividades: 

O alumnado de 1ºESO, 2ºESO e 3ºESO converteu o centro nun auténtico mercado de Nadal facendo das súas aulas auténticos postos ambulantes, onde o alumnado, o profesorado e as famlias adquiriron diversos produtos ou servizos mediante o sistema do troco: libros, xoguetes, videoxogos, quiromancia, xogos populares, apertas...todo estaba ao alcance dun tiquet, que podía ser adquirido participando na recollida solidaria de alimentos ou, no caso do alumnado, achegando produtos para o seu propio posto de Nadal. 

Pola súa banda, o alumnado de 4ºESO, 1ºBACHARELATO e 2º de BACHARELATO participou nun campionato de deportes, nesta ocasión fútbol e baloncesto, que tivo lugar no pavillón: 

E tanto uns coma outros puideron gozar ao longo da mañá e dos tempos de lecer dunha saborosa chocolatada, grazas á colaboración das familias da ANPA e da inestimable axuda de Mabel, a directora de orquestra da cafetería do centro. 

Festival de Nadal e Concurso de Postais

 

10 DE DECEMBRO: DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS HUMANOS

O día 10 de decembro a comunidade internacional celebra o Día dos Dereitos Humanos. Este ano a festividade cadrou en día non lectivo, mais o alumnado estivo traballando arredor desta temática nas semanas anteriores á celebración, reivindicando dun modo artístico algúns dos dereitos fundamentais. 

Os resultados desta iniciativa do EDLG tomaron forma de tapetes para o rato do ordenador e están sendo exhibidos durante esta semana no vestíbulo do centro, xunto cunha explicación dos elementos máis significativos que encerra esta conmemoración, aínda tan necesario nos nosos días. 

 

25N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O 25 de novembro conmemórase o Día Internacional Contra a Violencia Machista. Este ano escollemos como motivo do cartaz para a reivindicación desta data o deseño elaborado por Noa Romero Calvo, alumna de 2º de BACH. 

Durante esta semana o IES as Telleiras realizou unha serie de accións encamiñadas a concienciar o alumnado sobre esta lacra. Ademais da representación da obra teatral Animais de compañía, no centro tiveron lugar outras actividades arredor desta conmemoración: 

Unha exposición bibliográfica na biblioteca:

Un mural reivindicativo e participativo elaborado polo alumnado de educación plástica e visual 

 

Un muro contra a violencia machista cedido polo Concello de Narón e acompañado dunha exposición de zapatos vermellos, símbolo da reinvidicación que fixo viral Gioconda Belli a través do seu libro No país das mulleres

 

Unha exposición de textos literarios por parte do Equipo de Dinamización da Lingua Galega

 E un taller de chapas con diversos motivos arredor do 25N: 

Representación teatral da obra "Animais de compañía", a cargo de Farándula Velutina

Con motivo das accións que desde o centro se levan a cabo para a conmemoración do Día Internacional contra a Violencia Machista o día 25 de novembro, o martes tivo lugar unha obra de teatro á que asistiu todo o alumnado da ESO e o de 1º de Bacharelato. 

A obra representada foi "Animais de Compañía" do grupo de teatro Farándula Velutina. 

Distribuir contido


by Dr. Radut