Lecturas 2ª avaliación
Sara, unha moza de dezaseis anos, narra de forma apaixonada os acontecementos que durante unhas vacacións de verán na casa da avoa foron un auténtico terremoto na súa vida e lle axudarán, dende entón, a enfrontala dunha forma distinta. No cuarto que ocupa sentirá o inquedante desacougo dunha presencia fantasmal. Alí atopará, tamén, un fato de cartas e fotos, unha libreta de caligrafía apretada e unha selecta biblioteca que a levarán a descubrir unha inesquecible historia de amor e desamor entre dous mestres republicanos, que se produciu durante a Guerra Civil e os amargos anos da posguerra. Noite de voraces sombras, a nova novela de Agustín Fernández Paz, aborda un tema que hoxe está en primeiro plano, como é a recuperación das vidas e dos ideais que quedaron rotos trala guerra civil e a posguerra, así como a necesidade de que as novas xeracións descubran esa realidade, porque non se poderá construír nada auténtico sobre a desmemoria. Ademais disto, Noite de voraces sombras aborda outras cuestións de non menor importancia: como a presencia permanente do misterio nas nosas vidas, encarnado na trama nunha extraña presencia fantasmal no cuarto da protagonista; e da ambigüidade como xeito de enfrontarse aos acontecementos, que obriga ao lector a dubidar entre se todo é real ou se todo é froito da subxectividade da protagonista. Nesta obra Agustín Fernández Paz aborda a recuperación das vidas e dos ideais que quedaron rotos trala guerra civil e a amarga posguerra. Unha emocionante novela, onde os sentimentos ocupan un papel moi relevante, sobre a memoria de tantos soños rotos pola guerra, polo exilio e pola distancia.
|
|
Erros e Tánatos é un libro magnífico que, con moita claridade narrativa, atrapa ao lector coas súas boas historias, historias e acontecementos que se suceden medrando e creando unha grande tensión narrativa que remata nun final sorprendente, un final que explora os territorios do Tánatos por culpa dos Erros do azar. Partindo dunha forma clásica de narrar, Gonzalo Navaza escribiu un libro que divirte, seduce e sorprende. |
|
Sempre vai frío na estación de autobuses. Aquel frío que xea a Amanda, a rapaza de dezanove anos que traballa de limpadora, que todas as noites lle conta a Ánxela, a súa filla dun ano, todo o que alí lle aconteceu. Aquel frío que persegue a Uxío, o rapaz louro, que pasa camiño do adestramento, desacougado tras a perda da moza e o divorcio dos seus pais. Aquel frío que atenaza a Luís, o home do paraugas, o profesor de instituto, afundido na soidade, que agarda polo seu autobús. As vidas dos tres cruzaranse cando Amanda teña que limpar unha pintada nunha das plataformas de chegadas: «WHEN WILL THOSE CLOUDS ALL DISAPPEAR?». |