BIBLIOTELLEIRAS. DECEMBRO 2021. NADAL NAS TELLEIRAS.
Con motivo das festas de Nadal o vestíbulo do noso centro encheuse cunha extraordinaria decoración propia deste tempo, froito do traballo do equipo directivo e do Departamento de Plástica e que foi todo un éxito entre o alumnado.
Así mesmo desde a Vicedirección e a Biblioteca púxose en marcha a iniciativa dun “Concurso de postais do Nadal“ entre o alumnado e que tivo unha resposta moi positiva sobre todo nos niveis de 1º e 2º da ESO.
Os requisitos especificaban que as postais debían ser elaboradas utilizando distintos materiais reciclables, de forma artesá, representando o Nadal (figura, persoa ou obxecto típico destas festas) e incluíndo unha mensaxe de felicitación en lingua galega.
As propostas foron entregadas e recollidas nunha caixa na Bibliotelleiras, colocada a tal efecto; de todas as postais presentadas un xurado formado por profesorado do centro escolleu como gañadoras as tres mellores, cuxas autoras recibiron como premio un agasallo á volta das vacacións de mans da Directora, a Vicedirectora e a Coordinadora da Biblioteca.
O 21 de decembro, día previo ás vacacións, tivo lugar o tradicional “Concurso de Portas de Nadal” nas aulas da ESO (1º, 2º e 3ª); o alumnado dedicou as primeiras horas da mañá a decorar as portas e as aulas con moita imaxinación e creatividade.
Un xurado formado por profesorado e membros da comunidade educativa elixiu as portas gañadoras ao final da xornada.
Estas actividades completáronse con outras como Photocall (sesión de fotos) no patio exterior, baile e karaoke no ximnasio, música no vestíbulo e liga de brilé no pavillón.
O alumnado de 4º da ESO e Bacharelato dedicaron as primeiras horas do día a impartir clases e/ou levar a cabo xogos de aula ( Que son?, Tutti frutti, Alto ou Lapis).