BIBLIOTELLEIRAS
XUÑO 2020
PROTOCOLO DE ACTUACIÓN NA BIBLIOTECA POR MOR DA COVID-19
Resolución, do 22-05-2020, da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, pola que se reinicia a actividade lectiva presencial no curso 2019-2020, se determinan as instrucións para o que resta do presente curso e se adoptan medidas de prevención e hixiene para a reapertura parcial nos centros de ensino non universitario dependentes da Consellería.
13. Uso da biblioteca
13.1 A biblioteca terá un aforo máximo de 15 alumnos. Excepcionalmente, se é posible polo tamaño da mesma, o equipo directivo pode ampliar ou reducir o aforo sempre que se cumpran as condicións de seguridade axeitadas e a distancia do alumnado.
O responsable de biblioteca, xunto coa dirección, establecerá un protocolo de acceso á biblioteca, se fose posible mediante petición previa. O alumnado debe hixienizar as mans antes e despois da estancia na sala.
13.2 O equipo de biblioteca sinalizará as mesas e outros postos de traballo que poden ser utilizados de xeito que se manteña a distancia de seguridade e se optimicen os postos dispoñibles.
Ao rematar, os usuarios da biblioteca hixienizarán os postos que teñan ocupado.
13.3 O préstamo de libros ou outro material realizarase de xeito habitual aínda que o devolto deberá permanecer en caixas identificativas e illadas como mínimo 14 días antes de volver aos andeis. Evitarase o uso de xogos de mesa e materiais semellantes cando implique un uso compartido mentres dure a situación excepcional.
13.4. Aplícanse na biblioteca as restantes normas de uso e funcionamento das aulas ordinarias.
A Bibliotelleiras e a Dirección do centro informan da adopción de medidas que garantan que no curso 2020-21 a nosa biblioteca sexa un lugar seguro e libre de riscos para os seus usuarios e usuarias.
Medidas relacionadas co acceso e o uso dos espazos (salas de préstamos, salas de lectura, sala de ordenadores):
- Seguiranse en todo momento as normas de seguridade e hixiene establecidas.
· Debe facerse uso de máscaras.
· Respectarase a distancia de dous metros de seguridade.
- Os usuari@s utilizarán as entradas e saídas debidamente sinalizadas.
- A biblioteca dispón de xel hidroalcohólico; deberá usarse ao entrar e saír.
Medidas relacionadas coa devolución de libros en préstamo:
O protocolo de devolución dos libros en préstamo consta dos seguintes pasos:
1.- Na conserxería do centro xa están dispoñibles as bolsas de plástico nas que se introducirán os libros.
2.- Os libros irán debidamente sinalizados.
3.- A continuación os libros depositaranse en caixas illadas nas dependencias da biblioteca. Alí pasarán 14 días de corentena, de acordo coas instrucións marcadas polas autoridades sanitarias, antes de volver aos andeis e quedar dispoñibles.
Rogamos a todos os usuarios e, en particular, ao alumnado e familias, que non esquezan devolver os libros en préstamo á Bibliotelleiras cando as condicións sanitarias o permitan, para que se complete a súa devolución definitiva coa súa introdución no programa MEIGA de Bibliotecas Escolares de Galicia.
É tarefa de toda a comunidade educativa ser responsable do control e coidado dos libros en préstamo; trátase de exemplares que deben manterse en condicións óptimas para o vindeiro curso. Neste sentido, cómpre sinalar a importancia de que todos os libros prestados regresen ao noso fondo bibliotecario, ao tempo que se traballan as competencias sociais e cívicas do alumnado.
Agradecemos de antemán a colaboración de todos e todas.
Equipo da Bibliotelleiras