O catro de decembro pasado o IES A Sangriña recibiu a Carta de Mobilidade de Formación Profesional nas Xornadas nacionais de FP organizadas polo SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación) en Madrid. A Carta de Mobilidade de FP é outorgada pola Comisión Europea aos centros de FP que participaron en proxectos europeos de FP con éxito e calidade, despois de formular unha solicitude detallando a estratexia de internacionalización do centro.
Nesta convocatoria, o IES A Sangriña obtivo a mellor cualificación das 20 cartas outorgadas en toda España. A coordinadora do proxecto de FP, Teresa Álvarez Rodríguez, foi a encargada de recoller a acreditación e presentar nas Xornadas do catro de decembro o relatorio sobre “Carta de Mobilidade de FP no IES a Sangriña” relatando os beneficios obtidos pola participación en proxectos europeos.
Esta carta supón o recoñecemento do labor desempeñado polo instituto no ámbito da FP durante todos estes anos en que se realizaron 59 mobilidades, das cales: 45 mobilidades foron de estudantes para cursar a FCT (Formación en Centros de Traballo), 8 mobilidades de estudantes xa titulados para realizar prácticas en empresas e 5 mobilidades de docentes para observar os modelos organizativos das empresas de acollida.