Skip to Content

Axenda 21 Escolar Galega, Dinamización da Biblioteca, Dinamización TIC, Normalización Lingüística, Calidade Educativa, Comisión de Convivencia, O Tesouro dos nosos avós, Xornadas Software Libre, Programas Internacionais e Intercambios, Contratos Programa, Éxito escolar, Grundtvig, Proxecto Abalar, Intercambio de grupos, MAC (Mobilidade Alumnos Comenius), Comenius Bilateral Dinamarca, Pegada Ecolóxica, Erasmus, Comenius multilateral ET2020, Comenius REGIO, Proxecta, Comenius Multilateral Open Street Maps, Erasmus+, Blog Axenda 21, Igualdade

Lemos, recitamos e xogamos nunha nova dimensión

Anxo Iglesias A Sangriña

O pasado luns, 11 de marzo, tivemos o pracer de recibir no noso centro a visita de Anxo Iglesias, gañador do Premio Merlín 2022 polo seu poemario Unha nova dimensión.

O alumnado de 1º da ESO tivo a oportunidade de coñecer as historias que se agochan detrás dalgúns dos poemas do seu libro. Foi unha experiencia estimulante na que tivemos ocasión de afondar no mundo, ás veces complexo, da poesía de xeito lúdico e dinámico, aínda que tamén houbo tempo para as emocións. A poesía como terapia, como experimentación e como nova forma de relacionarse coa realidade, son só algunhas das ensinanzas que levamos connosco despois do seu paso pola Sangriña.

Ademais, tamén puidemos escoitar as creacións do propio alumnado do centro que puxo as “lentes de poeta” durante unhas horas para descubrir que se pode ver o mudo desde unha óptica diferente e crear, como dixo o noso autor, “novas dimensións” máis fermosas e positivas. 

Moitas grazas, Anxo, pola túa presenza no centro. Esperamos poder contar contigo en vindeiras ocasións!

A Sangriña reivindica o feminismo no 8M

8 M IES A Sangriña

Hoxe, 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, unha delegación do Grupo da Igualdade do IES A Sangriña acudiu á convocatoria do Concello da Guarda para reivindicar un mundo máis xusto e igualitario para as mulleres, as mozas e as nenas.

Deixámosvos a continuación o manifesto que alí leron as nosas alumnas:

MANIFESTO 8M 2024

IES A SANGRIÑA

Como diciamos o ano pasado, neste 8 de marzo, día da muller, o alumnado do instituto A Sangriña decidimos seguir erguendo a voz, polas que foron, polas que están e polas que aínda nos queda moito que loitar.

 

Este ano presenciamos situacións que non son dignas do tempo que vivimos. Un bico indigno e roubado a unha das nosas referentes no deporte, puxo de manifesto que a loita continúa e que non podemos darnos por vencidas. Que temos que seguir reivindicando a igualdade de dereitos e oportunidades.

 

O machismo e o sistema patriarcal está presente no noso día a día. Nas aulas seguimos observando que se presta máis atención á palabra deles que á delas. Os rapaces que sacan boas notas é porque son intelixentes, mentres que as nenas sacan boas notas porque son traballadoras. Eles sempre teñen o protagonismo con machiruladas porque se senten cheos de razón e de forza, aínda que o que estean a dicir sexan discursos carentes de toda lóxica ou fundamento. Eses eles dos que falamos non son todos, claro. Avanzamos aínda que haxa unha minoría ruidosa que se faga coa palabra e tente anular o pensamento e o discurso libre e formado.

 

E nós, as mozas e mozos que estamos hoxe aquí, somos as mulleres e homes do mañá. E isto ten que mudar xa! Acabouse!, dixemos no verán. Porque xa chegou a hora de vivirmos en igualdade, sen estereotipos nin prexuízos, cun reparto equitativo do diñeiro, do traballo e das oportunidades. Porque, compañeiras, nais, avoas... xa chegou a hora de rachar co establecido e sermos dunha vez persoas libres en pé de igualdade.

 

Acabouse!

Porque o futuro será feminista ou non será!

Asalto poético rosaliano

Día de Rosalía Sangriña 2024

Hoxe foi 23 de febreiro, Día de Rosalía de Castro. Para celebralo, a grande poeta galega enviou polas aulas e gabinetes do IES A Sangriña un comando de asaltantes poéticxs que marabillou a todxs xs que tivemos a sorte de gozar coa súa arte. Esta fotografía é da súa intervención na xefatura de estudos. Grazas por nos regalar esta mañá de poesía rosaliana en galego.

III Concurso de lettering Rosalía de Castro

Imaxe web IES A Sangriña Lettering Rosalía

Para celebrar a nosa autora máis universal e para que a vosa habilidade co lettering saia ao mundo máis alá dos vosos cadernos de apuntamentos e exercicios... o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto organiza novamente o Concurso de lettering Rosalía de Castro, que vai xa pola súa terceira edición.

Normas de participación:

  1. Escolle un poema de Rosalía de Castro.
  2. Selecciona con que parte del queres traballar.
  3. Fai un lettering nun folio en branco co texto escollido.
  4. Envía o teu traballo ao seguinte e-mail: asangrinha.edlg@gmail.com
  5. Data límite de recepción de traballos: 1 de marzo de 2023.

O premio do concurso consistirá nun vale de 30 € en material de debuxo, escolar, deportivo ou libros que escollerá a persoa gañadora.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut