Skip to Content

Alumnado de 2º de ESO participa no concurso de relato curto Coca-cola

04/06/2014 17:00
Etc/GMT+1

O pasado 4 de abril de 2014 alumnado de 2º ESO do noso centro participou no 54º Concurso Coca-cola Jóvenes Talentos, Premio de relato corto 2013-2014. O certame celebrouse no IES Santa Irene de Vigo ás cinco da tarde, lugar ao que foron acompañados pola súa profesora de Lingua Castelá e Literatura, Isabel Rodríguez Pazos.

A proba consistiu na redacción dun relato breve en lingua castelá sobre un tema establecido pola organización do concurso: Que pasaría se desaparecesen todos os dicionarios do mundo? Entregóuselles previamente un folleto aos concursantes onde aparecía esta suposta noticia en portada. A partir de aí outorgáronselles dúas horas para a realización do relato.

Na foto, o noso alumnado participante: Antía Encisa González, Sara González Rodríguez , Delia Alfonso Lomba, Elsa Vázquez Rodríguez, Néstor Lomba Lomba e Antía Rodríguez Ku.

Alumnado do noso centro gana no Rally Matemático 2014 en Toulouse

24/05/2014 11:00
Etc/GMT+1
Os alumnos de 2° ESO Delia Alfonso, Iria Fernández, Elena García, María González, Marco Patiño, Miguel Torres, Elsa Vázquez e Claudia Vicente, acompañados das súas profesoras de Matemáticas Carmen López -quen os preparou- e Paula Orta, chegaron con moita gana de facer historia á superfinal do II Rally matemático 2014 celebrada neste mes de maio en Toulouse (Francia), e así foi: trouxeron á casa a copa que os acredita como ganadores ex aequo na súa categoría.
Noraboa a todo o equipo!

Máis información na web de Igaciencia, premendo aquí

Bases do VIII Certame de poesía Xela Arias

Artigo no Faro de Vigo sobre o noso alumnado do Rally matemático

O Faro de Vigo do pasado 17 de maio de 2014 dedicoulle un ben merecido espazo ao noso alumnado ganador do Rally matemático e científico de Galicia Sen fronteiras 2014.

Velaquí tendes o enlace para ler a noticia: Ir á noticia.

Conferencia de Pepe Carreiro

16/05/2014 10:15
Etc/GMT+1

Pepe Carreiro veu dar unha conferencia ao noso centro ao
alumnado de 1º e 2º de ESO o pasado venres 16 de maio de 2014. Veu presentar e asinar o seu libro Historia da Lingua Galega. Ademais, deu unha pequena charla sobre como constrúe os seus debuxos e como comezou a súa andanina no mundo da banda deseñada. 

Exposición "Galicia no lombo da balea"

Durante esta semana, o IES A Sangriña acolle a exposición "Galicia no lombo da balea".

Trátase dunha exposición elaborada pola CEMMA (Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños) adicada á caza da balea en Galicia. Ademáis de paneis informativos a exposición contén diversas pezas do esqueleto de diversos mamíferos mariños, instrumentos tradicionais para o manexo das baleas nas factorias, utensilios feitos con osos de balea e dentes, etc.

O venres 16 de maio o alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistirán a unha charla desenvolvida por personal da CEMMA.

 

  

 

 

Conferencia sobre "sobreexplotación pesqueira"

O pasado 9 de maio, alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4º de ESO e 1º de Bacharelato asistiron a unha conferencia impartida por Isabel Riveiro, sobre a sobreexplotación pesqueira.

Isabel Riveiro é doctora en Ciencias do Mar e investigadora no Instituto Español de Oceanografía (IEO). Desenvolve o seu traballo de investigación en ecoloxía de animais peláxicos. Durante a súa ponencia Isabel Riveiro analizou as causas da sobreexplotación dos bancos pesqueiros asociadas principalmente ó exceso de frota pesqueira e o elevado número de descartes, polos que se capturan e desbotan gran cantidade de especies que carecen de interés comercial. Entre as posibles causas a este problema, Isabel Riveiro falou da necesidade de coñecer as poboacións naturais a través dos datos das capturas e das campañas científicas; da necesidade de coñecer a comunidade de seres vivos que cohabitan nun mesmo ecosistema; das medidas legais adoptadas (tallas mínimas, vedas, áreas mariñas protexidas, control de capturas, etc) e da necesidade de sensibilización social.

A conferencia foi organizada gracias á colaboración que o IES A Sangriña ten co Campus do Mar da Universidade de Vigo a través dos contratos programa ó abeiro do Proxecto Oceantica que pretende achegar a investigación científica ó alumnado de secundaria.

Obradoiro pais e nais eficaces

Obradoiro PAIS E NAIS EFICACES no IES A Sangriña. Aberto a pais e nais dos diferentes centros educativos da vila da Guarda. Actividade que se ofrece como unha das liñas de actuación do Contrato-Programa que desenvolve o instituto.

Conferencia de Francisco Castro

28/04/2014 10:15
Etc/GMT+1
O pasado luns, 18 de abril de 2014, o noso alumnado de 4º de ESO tivo o pracer de asistir a unha conferencia do escritor Francisco Castro. Este encontro, que tivo lugar no salón de actos do instituto, centrábase na súa novela O corazón da branca neve, pero autor e alumnado aproveitaron para tratar moitos outros asuntos literarios.
 

Bendito plástico, plástico maldito…

O plástico é unha bendición para as nosas vidas. É o material básico de moitos obxectos de uso cotián, algúns tan importantes coma o instrumental cirúrxico ou pezas clave en vehículos e maquinaria. Pero tamén pode ser causa de moitos males se non somos cautelosos ao desfacérmonos del.

Estes días primaverais damos os nosos primeiros paseos polo esteiro, descalzos á beira da auga, mollando os pés...¡un verdadeiro pracer! Momento idóneo para constatar como, ano tras ano, entre os materiais habituais que arrastra a marea (restos vexetais de todo tipo, cunchas, pedras), cada vez se atopan máis cachos de vidro, bastante perigosos por certo, obxectos de metal e sobre todo de plástico: dende envases e tapóns, pasando por restos de bolsas, ata acendedores, ¡e mesmo unha roda de camión!

Vós, rapaces e mozos, sodes talvez moi novos aínda para comprender que a natureza sempre devolve o que lle damos: se a tratas ben, regálache alimentos e materiais para te vestir, para te acoller, para vivir. Se a maltratas... os plásticos que acaban no mar son inxeridos polos animais e, a través da cadea alimentaria, moitos dos seus compoñentes chegan de volta a nós e acaban nos nosos corpos: bisfenol-A, policlorobifenilos (PCBs), dioxinas; substancias todas elas canceríxenas ou disruptores endocrinos que provocan infertilidade e alteracións graves nos fetos.

Pero non é necesario seguirlle a pista ao plástico por toda a cadea alimentaria para comprobar canto mal estamos facendo. Podes ver unha consecuencia directa da nosa inconsciencia no seguinte vídeo:

Distribuir contido


by Dr. Radut