Ligazón á noticia no Boletín da Consellería.
Un grupo de alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES A Sangriña proclamouse campión de España da "d3mobile.es metrology league", unha competición de modelado en 3D de precisión co móbil para estudantes de 4º da ESO e bacharelato, neste curso 2012-2013.
A competición está organizada pola Universidade de Santiago de Compostela a través do grupo de investigación USCAN3D, pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), polo CEM (Centro Español de Metrología) e polo Instituto Geográfico Nacional.
O obxectivo desta competición é espertar no alumnado a súa capacidade investigadora á vez que aprenden a usar novas técnicas e ferramentas relacionadas coas novas tecnoloxías.
Despois dunha dura competición e moitas horas de traballo, dende que no mes de xaneiro de 2013 dera comezo a metrology league, o equipo do IES A Sangriña da Guarda "tecnosang 4.2" logrou acadar a primeira posición no campionato de modelado 3D de precisión co móbil grazas ao bos resultados nas distintas probas. Os integrantes do equipo son Alicia Pereira Márquez, Olaia Ferreira García, Carlos Baz Magallanes e Saúl Ávarez Ferreira, coordinados polo profesor Antonio Lomba Baz.
A competición consiste en utilizar o seu teléfono móbil e un ordenador persoal, xunto cun software específico, para crear modelos tridimensionais a escala de obxectos reais sinxelos. A técnica utilizada para realizar estes modelos recibe o nome de fotogrametría. A realización de modelos tridimensionais con esta técnica utilízase a nivel profesional en distintos ámbitos. É a que usan, por exemplo, para crear as tomas de "ollo de falcón" nos partidos de tenis.
Os integrantes do equipo gañador acompañados polo seu coordinador están convidados a acudir o día 20 de xuño de 2013 a Madrid, ao Centro Español de Meteoroloxía, para asistir ao acto de entrega de premios.
Os membros do equipo gañador queren agradecer os apoios que están tendo na votación popular do vídeo do modelo tridimensional do "icosaedro estrellado". As votacións para decidir o vídeo gañador estarán abertas ata o día 17 de xuño de 2013. Se queredes apoiar a traballo dos alumnos e alumnas do IES A SANGRIÑA, podedes facelo votando polo seu equipo que ten por nome tecnosang 4.2, despois de responder un par de preguntas sinxelas, dende a páxina:
http://www.d3mobile.es/votaciones.php?datos=1
Parabéns a todo o equipo!