O IES A Sangriña realizará, entre os días 10 e 11 de abril, a Avaliación de Diagnóstico programada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa | Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o seu alumnado de 2º de Educación Secundaria Obrigatoria.
Desde o centro, aproveitamos para lembrar ás familias do noso alumnado que a corrección deste tipo de probas é totalmente anónima e que baixo ningún concepto poderán afectar ás cualificacións dos seus fillos e fillas en ningunha das materias das que os e as estudantes serán avaliados.
Realizaranse probas de Lingua Galega e Literatura, Lingua Castelá e Literatura, Inglés e Matemáticas. Destes materiais existirán adaptacións habilitadas para o alumnado con protocolos derivados de necesidades especiais de aprendizaxe.
Se ben é certo que os centros si serán avaliados e recibirán un informe sobre o seu desempeño, hai que lembrar tamén que está totalmente prohibido por lei a elaboración de clasificacións de centros baseadas nesta información. Os devanditos informes deberán ser empregados polos centros para deseñar aquelas medidas de mellora que, en consecuencia, se estimen oportunas.