Mobilidade de FP Dual en Azores

Vendo que chega o final da nosa estadía na Illa, decidimos aproveitar este último día con intensidade. Comezamos a mañá coa visita á Reserva Florestal de Recreio das Furnas. Quedamos marabillados coa soltura dos alumnos do IES de Arzúa, Antón e Laura, guiándonos polo viveiro de produción de planta endémica e de madeira, así como polo posto acuícola de cría de troita arcoiris. Tamén nos acompañaron os responsables da súa formación durante a FCT na Illa de São Miguel, Carina Nobrega, Lourdes Peñil, Adriano Pizarro e outros traballadores do servizo florestal, que recalcaron a calidade técnica destes alumnos e manifestaron o seu interese en continuar colaborando coa nosa escola. A continuación, no Centro de Monitorização e Investigação das Furnas, coñecemos a orixe volcánica dos Açores. A seguir, puidemos experimentar de primeira man os efectos de vivir sobre un volcán activo no parque das fumarolas, onde aproveitando esta fonte de calor, cociñaron o cocido que degustamos no xantar. Cando parecía que o día non podía depararnos máis sorpresas, adentrámonos no xardín botánico Terra Nostra. Este parque romántico incorpora unha secuencia de espazos ideados para non deixar ninguén indiferente: o paseo de gingkos bilobas, as coleccións de bromelias e camelias, a sucesión de lagos e lagoas e, especialmente, o estanque de augas ferruxinosas onde puidemos tomar un último baño termal rodeados de maxestosas Araucarias, especie sempre presente nas fincas señorais dos Açores. Chegou a noite e quixemos despedir esta mobilidade cun grupo de alumnos de FP dual nos Açores, cunha cea nunha tasca típica no centro da cidade de Ponta Delgada.

Azores crónica final

Back to top