Skip to Content

2021/22

Ficha 6: Cultivando habilidades

Na primeira parte da sesión, a modo de representación por parte de parellas de alumnos, amosáronse distintas situacións respecto ao consentimento e facilitouse un debate enriquecedor entre o alumnado.

Por último, o visionado do video no que se explica o consentimento sexual explicado con te, permitiu facer as últimas reflexións respecto ao consentimiento.

Engádese un foto da sesión: foto

Ficha 5: A relación dos sexos a través de tecnoloxía

A través dun documento con varios enunciados relaivos as relacións a través das redes sociais, desenvouse un debate na clase, acabando co visionado dun video sobre o tema.

Fotos da actividade: foto1 e foto2.

Ficha 4: O modelo do amor romántico

A visualización duns curtametraxes e a entrega dun pdf ao alumnado, permitiu desenvolver o traballo desta ficha cuarta.

Algunhas fotos da sesión: foto1, foto2 e foto3.

Ficha 2: A educación sexual

O alumnado dos tres grupos, de forma anónima, escribiu as súas dúbidas e preguntas acerca da sexualidade en papeis en branco. Algúns optaron por escribir as dúas palabras máis suxerentes co tema da sexualidade.

Foto do Antes (caixa onde botaron os seus papeis) e foto do Despois (caixa aberta para facer o análise das cuestións e palabras).

Fotos tamén relacionadas co desenvolvemento desta Ficha 2: foto1, foto2 e foto3.

Visita ao Lycée Porte Océane (Le Havre, Francia)

Dende este ano, o centro  desenvolve un programa europeo Erasmus + titulado: Excelencia a través da inclusión: aproveitando a diversidade social no ecosistema escolar. Neste contexto, as profesoras Pilar Tobar, Cristina Brión e o profesor Xaime Varela participaron entre o 2 e o 6 de maio nunha mobilidade en Le Havre (Francia) para coñecer in situ a realidade pedagóxica deste país.

Foron acollidos no Lycée Porte Océane situado no corazón desta importante cidade portuaria normanda que foi arrasada durante a II Guerra Mundial e inmediatamente reconstruída. Neste centro, similar ao noso canto ao número de alumnado, ofrécese o Bac générale, o professionel e o technologique; amais de tres BTS ou estudos de formación profesional. Daquela, durante cinco días, o profesorado estivo totalmente mergullado na praxe docente e pedagóxica francesa e coñeceu, de primeira man, o seu sistema académico a fin de observar que aspectos anovadores poderían ser integrados no noso centro e, deste xeito, repercutir na mellora da calidade formativa. 

Le HavreLe HavreLe Havre

Le HavreLe Havre

Visita ao Agrupamento de Escolas de Barcelos en Portugal

Os profesores deste centro, Cristina María López Graça, María del Carmen Rey Sobral, Luis Mateo Sáez Abuín e María Villar Nieto visitaron entre os días 28 de febreiro e 4 de marzo de 2022 o Agrupamento de Escolas de Barcelos en Portugal. Esta mobilidade enmárcase dentro das actividades que o centro desenvolve no programa europeo Erasmus + que solicitou este curso por primeira vez: Excelencia a través da inclusión: aproveitando a diversidade social no ecosistema escolar.

Os profesores fixeron unha estancia de observación, que consistiu en:

  • Intercambiar experiencias que permitan optimizar a idoneidade dos contidos formativos impartidos no noso centro.
  • Analizar o sistema educativo de Portugal.
  • Identificar actuacións, estratexias ou metodoloxías formativas innovadoras e exitosas.
  • Adquirir competencias para dar resposta ás necesidades de estudantes procedentes de entornos desfavorecidos e promover a tolerancia ante a diversidad na aula e a inclusión de colectivos desfavorecidos.
  • Coñecer o proceso de dixitalización da ensinanza en Portugal.

Visita a Barcelos

Ver máis fotos

Visita: Saída a Sotavento

O pasado 16 de novembro, o alumnado de 4ºESO de Ciencias Aplicadas, Cultura Científica e Tecnoloxía visitou o Parque Eólico Experimental de Sotavento, en Xermade (Lugo).

Logo de recibir unha explicación xeral da historia e sentido do Parque, o alumnado dividiuse en dous grupos para percorrer as instalacións acompañados polo persoal, que foi explicando polo miúdo todo canto alí se viu.

Entre outras cousas, o alumnado puido ver os elementos que se aloxan na góndola dun aeroxerador e incluso asomarse ao interior do fuste dun aeroxerador en funcionamento.

Un dos momentos máis interesantes da visita foi a entrada na vivenda bioclimática demostrativa, na que observar diversas técnicas de aforro enerxético, dende o propio deseño pasivo da vivenda (orientación, muros trombe, reaproveitamento de pluviais, etc.), ata a incorporación de instalacións enerxéticas eficientes (caldeira de biomasa, bomba de calor, etc.).

Sen dúbida, unha saída ben aproveitada. Grazas ao persoal de Sotavento.

Sotavento

Sotavento

Sotavento

Programación Grego curso 2021-22

Programación do departamento de Grego para o curso 2021-22

Programación de Latín 2021-22

IX Maratón de Astropartículas

O IX Maratón de Astropartículas celebrarase en Santiago de Compostela entre os días 13 e 15 de outubro de 2021. O proxecto, financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía ( FECYT), pretende divulgar todas as cuestións e investigacións actuais relacionadas co Universo, o seu principio, os seus constituíntes, a materia escura ou os raios cósmicos que nos chegan continuamente desde o espazo exterior. Son temas de actualidade que pretenden achegar a física e promover as vocacións científicas entre xovenes desde os 13 anos ata os 18 anos.

Este maratón está organizado polos seguintes profesores e profesoras: Enrique Cao Rodríguez, Jorge Castro Mon, Xosé Dobarro, Jesús Fidalgo, Víctor Gómez González, Belén López, Jose Luís Martín Iglesias y Rosa Quintela Sende dos institutos: IES Antonio Fraguas, IES Arcebispo Xelmírez I, IES Arcebispo Xelmírez II e IES Rosalía de Castro e Mª Dolores Rodríguez Frías da Universidade de Alcalá, e contará cos seguintes relatores:

  • Gonzalo  Parente. Universidade de Santiago de Compostela
  • Luís do  Peral. Universidade de Alcalá
  • Ramón Iglesias. Observatorio  Javalambre, Teruel
  • Xosefina  Ling. Universidade de Santiago de Compostela
  • Verónica Villa. Universidade de Santiago de Compostela
  • Victor Tilve Rúa. Profesor de FP
  • Mª Dolores Rodríguez Frías. Universidade de Alcalá

Cartel da actividade

Xornada do proxecto TEMP Phereclos en Lugo

O alumnado do club de ciencia, participante no proxecto TEMP Phereclos, participou na xornada organizada en Lugo polo decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE) do campus da USC nesta cidade, así como o equipo a cargo da organización global deste proxecto, Mercedes Novo, Wajih Al-Soufi e Marta Veiga.

O alumnado puido asistir a tres conferencias, presentar as súas ideas para os proxectos finais, nas que a ciencia e a tecnoloxía serían empregadas para a resolución de problemas reais, visitar a empresa AMSLab, o IES Lucus Augusti, instituto histórico de Galicia, e o máis antigo da Comunidade Autónoma, e asistir a actividades de ciencia nunha noite de investigadores no centro sociocultural O Vello Cárcere.

A xornada resultou sumamente completa!

Para máis información, visita o noso blog: https://cienciaxelmirezii.wordpress.com/2021/09/27/o-alumnado-do-club-de-ciencia-completa-o-proxecto-temp-phereclos-cunha-xornada-no-campus-da-usc-en-lugo/.

Estudantes de Portugal, Santiago e Lugo coñecen o Campus de Lugo da USC grazas ao proxecto europeo Phereclos

XuvenCiencia e a facultade de ADE luguesas súmanse á Universidade de Porto. Os adolescentes achegaranse aos centros universitarios e á cidade, participarán nun obradoiro en emprendemento tecnolóxico, conversarán con CEO de start-up e visitarán as instalacións da empresa tecnolóxica AMSLab

 

Sesenta estudantes preuniversitarios da localidade portuguesa de Valongo —duns 90.000 habitantes no distrito do Porto—, Santiago e Lugo participarán en actividades formativas incluídas no proxecto europeo Phereclos organizadas pola  facultade de ADE do Campus de Lugo da USC en colaboración con XuvenCiencia e a Universidade de Porto. Esta visita do alumnado portugués á cidade de Lugo, os días 23, 24 e 25 de setembro, completa o intercambio de estudantes iniciado a principios de setembro coa visita do alumnado galego a Universidade de Porto. 

Un grupo de 22 alumnos/as procedentes da Escola Profissional de Valongo (Profival), acompañado por dous docentes, chegará á Lugo o xoves 23. En primeiro lugar achegaranse á facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC (16.30 horas) e recibirán o saúdo do decano, Francisco Fraga. No percorrido polas instalacións e os laboratorios achegaranse ás tres titulacións de grao –Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Nutrición Humana e Dietética e Bioquímica— que se imparten no centro. O programa inclúe tamén unha vista á facultade de Veterinaria, onde serán recibidos polo decano, Gonzalo Fernández, e terán a posibilidade de coñecer a Aula de Habilidades Clínicas e o Hospital Veterinario Rof Codina. A xornada do xoves rematará xa no centro da cidade, cunha visita á sede do Museo Pedagóxico de Galicia que alberga o instituto Lucus Augusti, tamén participante neste intercambio preuniversitario promovido dentro do proxecto Phereclos.

Precisamente, o alumnado dos institutos lugueses Lucus Augusti e A Nosa Señora dos Ollos Grandes e do IES compostelán Arcebispo Xelmírez II sumarase ao estudantado de Valongo para a sesión que comezará o venres ás 10.00 horas na facultade de ADE do Campus de Lugo da USC. Roberto Bande, decano de ADE, coa colaboración da Porto Business School, é o responsable do deseño dun obradoiro presencial que dará inicio con conversas con CEOs de dúas start-ups. Trátase de Elio López, responsable da compañía luguesa Innogando, de servizos para os gandeiros e de benestar animal, e Leticia Seara, de LexDigo, unha iniciativa no ámbito das Ciencias Sociais.

 Os estudantes aproveitarán este obradoiro presencial na facultade de ADE de Lugo para presentar as ideas de negocio que saíron das actividades previamente realizadas online e durante a viaxe que o estudantado galego do proxecto realizou a Porto os pasados días 2 e 3 de setembro. A continuación poderán aproveitar unha sesión de traballo titulada ‘Canvas como ferramenta de xestión estratéxica’ da man da profesora do Campus de Lugo da USC Begoña Barreiro, experta en creación de empresas.

Despois dun xantar no Campus, todo o grupo, acompañado nesta viaxe a Lugo por un equipo da Reitoría da Universidade de Porto, desprazarase ata o polígono do Ceao para coñecer as instalacións de AMSLab, unha empresa punteira no ámbito das solucións para análises de calidade en ámbitos tan diversos como o téxtil, a alimentación, a veterinaria, a farmacia ou os xoguetes.

Xa a partir das 18.00 horas do venres, o estudantado dos catro institutos poderá sumarse aos obradoiros, demostracións e presentacións organizados no Vello Cárcere de Lugo por XuvenCiencia e a Asociación de Investigador@s AgroMar do Campus de Lugo con motivo da G-Night, a celebración simultánea en toda Europa da Noite das Persoas Investigadoras. Dous destes obradoiros, ‘Experimentos de física’ e ‘Faz un telemóvel do tempo da pedra’, estarán ao cargo de persoal  docente e investigador da Universidade do Porto.

Os adolescentes e o profesorado procedente da Profival de Valongo e da Universidade do Porto aínda terán oportunidade na mañá do sábado 25 de setembro, antes de emprender camiño de regreso cara a Portugal, de camiñar o centro histórico da cidade e os seus tres Patrimonios Mundiais da Humanidade, así como achegarse a algún dos espazos verdes dunha cidade que é capital das Terras do Miño, que conta con declaración de Reserva da Biosfera pola Unesco.

Unha longa colaboración

Este intercambio está coordinado polos responsables do grupo de innovación docente XuvenCiencia, Mercedes Novo Rodríguez e Wajih Al-Soufi; o decano da facultade de ADE do Campus de Lugo da USC, Roberto Bande Ramudo, e Vítor Silva, da reitoría da Universidade de Porto. Grazas ao seu traballo conxunto e á participación dos institutos galegos Ollos Grandes, Lucus Augusti e Xelmírez II e o portugués de Valongo, a Porto Business School e a asociación Escola-ON naceu esta iniciativa galegoportuguesa de emprendemento tecnolóxico. 

O equipo transnacional no que toman parte XuvenCiencia e a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo está liderado pola Universidade do Porto, a través da súa Universidade Júnior, que participa do proxecto PHERECLOS da convocatoria europea Horizon2020. O proxecto PHERECLOS (Partnerships for Pathways to Higher Education and Science Engagement in Regional Clusters of Open Schooling), que se podería traducir como Colaboracións para Camiños cara a unha Educación Superior e Compromiso Científico en Grupos Rexionais de Escolaridade Aberta, está integrado por universidades para nenos e mozos de Austria, Polonia, Dinamarca, Italia, Portugal, Finlandia, Romanía, Reino Unido e Colombia.

XuvenCiencia e a Universidade Júnior de Porto manteñen unha longa colaboración que ten como orixe a pertenza de ambas as institucións á Eucu.net, a rede das universidades europeas para a infancia e a mocidade, e nos exitosos campamentos para público preuniversitario que organizan tanto o grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC como o seu homólogo portugués.

Distribuir contido


by Dr. Radut