Charla para o alumnado de Psicoloxía: "Funcionamiento ejecutivo y emocional en Trastorno Obsesivo Compulsivo. Cuando las emociones llevan la voz cantante."
O 30 de novembro de 2018 o alumnado da materia de Psicoloxía de 2BACH recibiu unha charla impartida pola psicóloga e doctoranda María Tubío que grazas á súa claridade, cercanía e bo facer foi quen de achegar dun xeito preciso un amplo cadro no cal poder entender o que o TOC é, e como este pode afectar á vida das persoas que o sofren.
Todos os obxectivos que foron fixados para a actividade quedaron plenamente logrados xa que o alumnado comprendeu a complexidade de definir o que é un trastorno mental e saber sobre a súa orixe (máis aínda se temos en conta que a señora Tubío está a facer a tese dentro do grupo de investigación de Xenómica da USC que dirixe Ángel Carracedo). Tamén foi abordada con enorme empatía e delicadeza a dimensión social do trastorno e as tremendas consecuencias que pode conlevar o TOC, en determinados casos, a aquelas persoas que o padecen.
A conferenciante manifestou, logo da charla, a boa actitude do alumnado perante a información que lles ofreceu, tanto dende o punto de vista dos contidos como do respecto polo propio trastorno e as súas manifestacións. Tamén sinalou, como algo moi positivo, o interese demostrado coas súas pertinentes preguntas que puxeron de manifesto que non só estiveron a prestar atención senón que estiveron a reflexionar sobre o que se lles estaba a explicar.
Moitas gracias María, unha vez máis por vir ao Xelmírez II a colaborar coa formación do noso alumnado. Noraboa pola charla!