Skip to Content

SAIDAS DO ALUMNADO DE BACHARELATO E CICLO MEDIO FÓRA DO RECINTO ESCOLAR DURANTE OS RECREOS

Dada a situación da pandemia que estamos a vivir, e dado o escaso espazo con que conta o noso centro fóra das aulas e nos seus exteriores, que permita garantir a distancia mínima de seguridade do noso alumnado nos períodos de recreo, o Consello Escolar do IES Arcebispo Xelmírez I acorda, amparándose na competencia que se lle outorga no artigo 44, apartado o) do Regulamento orgánico dos Institutos de educación secundaria (Decreto 324/1996, do 26 de xullo, DOG 09-08-96)

1. Permitir que o alumnado de Bacharelato e Ciclo Medio poida saír fóra do recinto escolar durante os recreos.

2. Para que un/ha alumno/a menor de idade poida saír do centro nos recreos, será imprescindíbel a Autorización por escrito das persoas proxenitoras / titoras legais do menor, así como a sinatura por parte do alumno ou alumna dun Contrato de Convivencia no que se comprometa a cumprir fóra do recinto escolar coas Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia vixentes dentro do centro, así como as medidas de seguridade sanitaria e a puntualidade estrita no regreso ás aulas.

3. O alumnado maior de idade deberá cumprimentar por escrito o Contrato de Convivencia.

4. A Dirección do instituto convocará unha reunión telemática cos pais, nais, titores/as legais para explicar os pormenores desta medida.

5. A Dirección do centro solicitará a súa colaboración ás autoridades municipais e á Policía Nacional para a posta en práctica da medida.

6. O profesorado de garda nos períodos de recreo velará para que as entradas e saídas do instituto se realicen con total normalidade.

7. A presente medida queda incorporada ás Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia do instituto.



page | by Dr. Radut