POLA DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO GALEGO!


 


O Claustro de profesores do IES Alfoz-Valadouro decidiu,  na sesión ordinaria celebrada o día 07 de outubro de 2011, non realizar durante o presente curso escolar ningunha actividade extraescolar (só se realizarán as actividades complementarias en horario escolar), como medida de protesta pola situación de recortes que se están a levar a cabo actualmente no ensino público. As razóns que nos motivan a tomar esta decisión son as seguintes:


1.- Estanse producindo recortes no ensino público mentres se aumentan as subvencións ó ensino privado.


2.- Reducíronse no presente curso drasticamente os cadros de persoal (aproximadamente 800 profesores en Infantil e Primaria e 400 en Secundaria), co cal moitas materias deixan de ser impartidas por especialistas.


3.- Increméntase o horario lectivo con funcións que non son propias do profesorado, por exemplo as gardas de transporte (o que supón chegar ó centro á hora que lle conveña á empresa de transporte). Ademais este incremento do horario lectivo dificulta que o alumnado poida desfrutar doutras actividades importantes (festivais, biblioteca, recursos TIC,  etc.).


Ó noso entender, todo o exposto entra en contradición coas afirmacións da Xunta na súa páxina web, onde di que “A Consellería garante a axeitada atención docente a todo o alumnado galego, prestando especial atención e apoio aos estudantes con necesidades específicas de atención educativa-pedagoxía terapéutica ou audición e linguaxe, entre outras-, así como o mantemento da calidade do ensino”. E polo tanto manifestamos o noso descontento a través deste escrito para que tanto os alumnos como os seus pais poidan estar informados da decisión adoptada.