Celebrouse o día 19 de abril no Auditorio de Vilagarcía de Arousa o II Encontro de alumnos de música de ensinanza secundaria de Galicia, organizado por ASOMUSICA, no que participaron 15 institutos chegados dende toda Galicia.
O departamento de música do IES A BASELLA considerou importante participar nel, polo que de socialización, estímulo académico e artístico ten nos alumnos a participación nestes eventos. Unha nutrida e cualificada selección de 38 alumnos de todos os cursos onde se dá a materia de música (2º ESO ata 1º BACHARELATO incluídos), participou con gran éxito interpretando O RAPAGALO, un mix dunha creación rapeira con letra das alumnas de cuarto de ESO, Haizea Compañ e Noelia Núñez , que falaba das inquedanzas dos mozos nestes tempos que corren, mixturado cunha adaptación da cantiga tradicional O GALO do mítico grupo de gaitas, OS CAMPANEIROS de Vilagarcía da Arousa, amosando que modernidade e tradición poden darse a man e crear novas linguaxes artísticas (o tema deste ano do encontro era A MÚSICA GALEGA en todas as súas acepcións, variantes, épocas e estilos). Despois da actuación , varios dos centros participantes desprazámonos ao Parque Natural do Carreirón, na Illa de Arousa, para un xantar de pícnic.
Tanto a actuación artística como o comportamento dos participantes na actividade foi impecable e xa estamos todos contando as horas para poder volver participar no terceiro encontro o vindeiro curso. Dende o departamento de música, só felicitar e darlle as grazas aos alumnos participantes , ao centro por apoiar a iniciativa e á profe Uxía Nogueira, que xentilmente nos acompañou na xornada.
Se queredes ver a galería de imaxes pulsade no seguinte collage