Día Internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi recoñecido pola UNESCO en 1999 en conmemoración aos incidentes acontencidos na celebración do Día do Movemento da Lingua Bengalí en 1952. O galego e o bengalí comparten a palabra 'xanela' co mesmo significado. Así, que aproveitando as verbas de Moncho Iglesias Míguez no artigo Ekuxei, día da lingua materna, o EDLG do noso centro proponvos unha actividade co lema:

"As linguas son xanelas abertas ao respecto pola diversidade cultural e lingüística."

Para isto animámosvos a compartir fotos das vosas xanelas abertas nas redes sociais Twitter e Instagram. Co fin de poder atopar as vosas publicacións, incluíde o seguinte cancelo #linguasxanelas e citade as nosas contas de Twitter @EDLG_Vga ou Instagram @edlg_vga - dependendo da rede social que empreguedes -. Se o preferides, podedes remitirnos as vosas imaxes ao correo electrónico edl@eoivga.org e nós mesmos as publicaremos nas nosas redes sen os datos persoais, isto é, sen o nome e apelidos dos participantes.

Esta iniciativa estará aberta do 21 de febreiro ao 21 de marzo ao alumnado da EOI, ao persoal do centro e a toda persoa interesada de fóra da nosa escola. Ao remate faremos unha composición cunha escolma ou, de ser posible, con todas as imaxes achegadas.

Abride as xanelas das vosas casas!!!

A participación nesta actividade supón a aceptación destas bases. O centro non se fai responsable da autoría das imaxes. E, para dar maior difusión á actividade, o EDLG resérvase o dereito a rechouchiar as publicacións dos participantes a través das súas contas de Twitter e Instagram, e a composición final neste apartado da web do centro.