Os Cantos Tradicionais de Nadal, Ano Novo e Reis

As festas de nadal, que chegan até os reis, están tradicionalmente asociadas á música e, en especial, á música cantada. As rúas de cidades e vilas, os centros comerciais e as tendas, os nosos encontros con familia e amigos, teñen banda sonora nestas datas. Á forza de as ouvirmos constantemente, acabamos por pensar que cancións como Jingle Bells ou Carol of the Drum (nas súas versións inglesa ou en español) son cancións tradicionais, aínda que a súa difusión masiva se deba á expansión da TV e da radio a partir de 1960. É curioso tamén que as versións galegas desas cancións ou non existan ou non sexan coñecidas.

Máis curioso aínda é que a maior parte d@s galeg@s teñamos bastante dificuldade en cantar algunha canción de nadal no noso idioma, e non por causa da nosa falta de habilidade. A próxima quinta 17, a partir das 18h30 vamos coñecer algúns dos cantos que compoñen a tradición musical anterior a 1960. Será na sala de actos coa axuda de Ramón Pinheiro, de aCentral Folque, e Guillerme Ignacio, do grupo Quempallou. A sesión terá unha introdución a estas músicas tradicionais e, por descontado, unha parte musical.