Inicio do procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso 2021/2022.
Fase de reserva de prazas en centros de adscrición
De conformidade coa disposición adicional primeira da Orde do 12 de marzo de 2013 que regula o procedemento de admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos, o día 11 de xaneiro de 2021 iniciáronse os trámites do procedemento, coa reserva de praza nun centro de adscrición para alumnado que cambia de etapa.
- A consulta das listaxes de alumnado admitido, que se publicarán antes do día 28 de febreiro, debe realizarse no centro no que está matriculado no presente curso ou na aplicación admisionalumnado.
Normativa de aplicación
- ORDE do 18 de decembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- ORDE do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- ORDE do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- DECRETO 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas de segundo ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
A orde do 18 de decembro de 2020 establece modificacións nos prazos do
proceso. Os máis salientables dos previstos nesta orde para a tramitación dos
procedementos de admisión e de matrícula do alumnado son os que se indican a
seguir e, en todo caso, enténdense referidos ao ano natural:
1. Reserva de praza no centro de orixe: do 11 de xaneiro ao 8 de febreiro.
2. Data do sorteo público para efectos de desempate: última semana de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.
3. Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo.
4. Presentación da solicitude de admisión: 1-22 de marzo.
5. Presentación da documentación acreditativa dos criterios de baremo: 10 días hábiles contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.
6. Publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas: antes do 25 de abril.
7. Publicación das listaxes definitivas de persoas admitidas e non admitidas: antes do 15 de maio.
8. Formalización da matrícula en educación infantil e primaria: 20-30 de xuño.
Se non se formaliza a matricula, pérdese a vacante adxudicada e pérdese a praza escolar do centro educativo no que estaba matriculado o alumno/a anteriormente.
As familias poden consultar o estado de tramitación das súas solicitudes:
-A través da aplicación “admisiónalumnado” (htpp: www.edu.xunta.es/admisionalumnado)
-Utilizando o código de solicitude e o número de DNI da persoa solicitante.
SOLICITUDE DE ADMISIÓN.
O vindeiro luns 1 de marzo, comeza o prazo para a presentación de solicitudes de admisión para o curso 2021/2022. Ao ser sábado o día 20, o prazo rematará o luns 22.
Debido á COVID-19, este curso hai que seguir unhas medidas de prevención, recollidas no Plan de actuación do centro:
- Só se poder acceder ao edificio da escola con cita previa.
Para evitar aglomeracións, aquelas persoas que queiran recoller impresos ou entregar solicitude presencialmente, deben pedir cita, chamando ao teléfono 886110152 de 9:20 a 10:00 h.
Non se atenderá a ninguén que non teña cita previa.
- O acceso está sinalizado, de xeito que éntrase por unha porta e sáese por outra, seguindo un circuíto para evitar contactos entre as persoas que entran e as que saen.
-Para acceder á escola, débense realizar a hixienización de zapatos, mans e toma de temperatura, coma o resto da comunidade educativa.
Na entrada do despacho, existe felpudo hixienizante e dispensador de xel hidroalcohólico. A toma de temperatura farase por un membro do equipo docente.
- Debe vir unha única persoa e non traer aos nenos/as.
Documentación necesaria para a solicitude de admisión.
1. A SOLICITUDE: será única e terá carácter vinculante.
O impreso de solicitude pode descargarse na aplicación admisiónalumnado
(https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado),
No caso de non poder ou non querer descargala, pódese recoller no centro, seguindo as medidas indicadas.
Igualmente, pódese cubrir a solicitude e tramitar a presentación a través da aplicación ou presencialmente (instrucións na aplicación). Sempre anexando a documentación necesaria.
Se se opta pola entrega presencial, imprescindible pedir cita e seguir as instrucións citadas.
Irá dirixida á dirección dos centros públicos e presentarase no centro indicado en primeiro lugar.
Cada solicitude poderá conter unha relación de ata seis centros, por orde de preferencia.
A solicitude debe cubrirse totalmente, sen enmendas ou correcións.
A solicitude poderá asinala calquera das persoas titulares da patria potestade, cando se refiran a fillas/os comúns dun matrimonio non separado legalmente nin divorciado ou dunha parella de feito debidamente inscrita no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia. Nos demais casos requírese a sinatura das dúas persoas titulares, agás que a patria potestade estea atribuída a unha delas con carácter exclusivo, ou en situacións de violencia de xénero.
2. A solicitude de admisión deberá ir acompañada da documentación acreditativa do requisito de idade: Fotocopia do LIBRO DE FAMILIA/DNI (presentar o orixinal para poder compulsar a copia).
3. No caso de separación ou divorcio será necesario presentar, xunto coa solicitude de admisión, a fotocopia da RESOLUCIÓN XUDICIAL correspondente para a súa comprobación polo centro educativo (presentar o orixinal para poder compulsar a copia).
4. No caso de denegar a comprobación de datos por parte da administración, achegaránse fotocopias dos DNIs do solicitante e dos membros computables da unidade familiar.
5. Cubrir todos os apartados do baremo polos que poida computar. (instrucións no impreso).
Se houbera máis demandas de solicitudes que vacantes ofertadas, haberá que presentar a DOCUMENTACIÓN ACREDITATIVA DOS CRITERIOS DE BAREMO (10 días hábiles contados a partires dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión).
Non obstante, consultaranse de forma automática a través de admisionalumnado (salvo oposición expresa que conste na solicitude) e non será necesario acreditar os datos relativos a:
• Domicilio fiscal e renda per cápita da unidade familiar
• Condición de familia numerosa
• Discapacidade do alumnado, proxenitores, titores ou irmáns recoñecida pola xunta de Galicia
Na valoración do criterio de irmás ou irmáns matriculados en centros educativos públicos, consideraranse os escolarizados na EEI O Areal e no CEP de Sabarís .
Aos efectos da valoración do criterio de proximidade do centro ao domicilio familiar, a certificación do padrón municipal de habitantes expedida polo órgano competente do concello, será o principal medio de acreditación das circunstancias da unidade familiar: domicilio familiar, membros da familia que conviven nel e data de alta na vivenda. Toda persoa que resida habitualmente nun concello está obrigada por lei a inscribirse no seu padrón.
Para a valoración da renda per cápita da unidade familiar, as persoas interesadas deberán facer constar a cantidade correspondente á base impoñible no caso de declaración conxunta, ou á base impoñible de cada un dos declarantes da unidade familiar, no caso de declaración individual. A tal efecto, constará a cantidade que resulta da suma das casiñas 435 (base impoñible xeral) e 460 (base impoñible do aforro) da correspondente declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do ano 2019; cando non presente a declaración do IRPF, constarán os ingresos segundo os datos tributarios que facilite a Axencia Estatal de Administración Tributaria. Esta cantidade dividirase polo número de membros da unidade familiar referido ao día 28 de febreiro de 2021.
Enténdese por familia monoparental a composta por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas menores ao seu cargo, sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento. Para a valoración do criterio de familia monoparental, a persoa interesada terá que presentar a certificación de recoñecemento da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou pola autoridade competente doutras administracións públicas.
Criterio complementario aprobado polo Consello Escolar do Centro: domicilio na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa (1 punto).
Postos escolares vacantes .
As vacantes existentes no centro, para o curso 2021/2022 son as seguintes:
4º de Educación Infantil (3 anos): 22, máis 3 reservadas para alumnado con neae.
5º de Educación Infantil (4 anos): 5
6º de Educación Infantil (5 anos): 5
Servizos ofertados.
A EEI O Areal conta con tres aulas do segundo ciclo de Educación Infantil:
4º de E. I. – nenos/as de 3 anos
5º de E. I. – nenos/as de 4 anos
6º de E. I. – nenos/as de 5 anos
O equipo docente está composto por:
- 4 mestras especialistas en Educación Infantil,
- 1 mestra especialista en Lingua Inglesa (e unha auxiliar de conversa en lingua inglesa dous días á semana)
- 1 mestra especialista en Audición e Linguaxe
- 1 mestra de relixión católica, ven 3 horas á semana desde o CEIP de Belesar.
- 1 orientadora, ven unha xornada e media á semana desde o CEP de Sabarís.
O horario escolar é de xornada continuada de mañá: de 9:00 h. a 14:00 h. (adaptado, pola Covid-19, en tres quendas: 8:50-13:50, 9:00-14:00. 9:10-14:10 h.)
A EEI O Areal comparte o transporte escolar co CEP de Sabarís.
Por mor da Covid-19, o servizo de comedor, xestionado pola ANPA do CEP de Sabarís, coa colaboración da ANPA da EEI O Areal, está cancelado. Pendente da evolución sanitaria para a súa reanudación.
A ANPA da escola organiza as actividades extraescolares, durante a tarde. Canceladas pola Covid-19. Pendente da evolución sanitaria para a súa reanudación.
A zona de influencia da EEI O Areal é a parroquia de Santa Cristina da Ramallosa, en Baiona, ata a curva do manco.
A EEI O Areal está adscrita ao CEP de Sabarís.