Esta mañá saímos de visita á MeixoEira para facer entrega da nosa guía "Descubrindo os sabores de Moaña". Decidimos facerlle este agasallo por todo o que nos axudaron co noso proxecto da saúde. Moitas grazas!
Este foi o noso produto final de todo o proxecto de saúde que estivemos realizando ao longo do curso 2022-2023: DESCUBRINDO OS SABORES DE MOAÑA, unha guía sobre produtos locais, ecolóxicos e de proximidade. Clika na imaxe para poder ver o traballo!
A familia de Mariña veu ao cole para ensinarnos unha canción sobre a RCP Básica. Moitas grazas!
Presentámosvos o videoclip que fixemos polo Día das Letras Galegas, onde os nenos e nenas traballan na nosa horta ao ritmo de "Sementar, sementarei", de Astarot. Agardamos que vos guste!
Para conmemorar o Día Mundial da Saúde recibimos a visita de Carla, enfermeira no centro de diálise Os Carballos, en Vigo. Carla explicounos dúas rutinas de hixiene moi importantes: o lavado de mans e o cepillado de dentes. Aquí vos deixamos un vídeo que resume a súa visita. Moitas grazas Carla por todo o que aprendemos!
O pasado 1 de abril celebrouse o Día das Artes Galegas e, aínda que este ano estaba adicado a Martín Códax, no cole non quixemos deixar pasar a oportunidade de coñecer os traballos de Joseba Muruzábal. Joseba Muruzábal é un artista que se adica a pintar murais nas fachadas das casas ou dos edificios, homenaxeando sempre ás mulleres rurais da nosa terra.
Entre todos os nenos e nenas eliximos a obra "Carmen, a muller bivalvo", que garda estreita relación coa nosa vila e coas mariscadoras. Cada un encargouse de pintar un "anaco" de obra para realizar un mural conxunto, que foi exposto na biblioteca.
Por outra banda, a aula de 5 anos fixo a súa propia interpretación do cadro na aula de Artellando. Así de bonito lles quedou!
Os nenos e nenas das diferentes aulas realizamos uns audiocontos co obxectivo de converter a nosa biblioteca nun espazo máis inclusivo, con contos que sexan accesibles ao alumnado e a súa diversidade. Os contos elixidos son sobre a temática do noso proxecto CON Saúde. "O coelliño branco", "A horta de Simón" e "¡Esa fruta es mía!" foron os contos elixidos para realizar esta actividade.
Aquí podedes ver o making-off e o resultado final:
Pola Semana da Prensa os nenos e nenas fixeron unha revista dixital con consellos para poder levar unha vida máis saudable. Preme na imaxe para ver o traballo realizado
O noso centro participa na campaña do Concello de Moaña "21 días en galego". Este ano sumámonos a esta iniciativa coñecendo o nome das froitas e das verduras en galego. O que máis nos gustou? Comer as froitas!
Os nenos e nenas de 5 anos levamos todo o trimestre empregando diferentes xogos de mesa para aprender máis sobre os alimentos. Ademais, poñemos en práctica diferentes habilidades como a motricidade fina, a atención, a espera de turnos ou vocabulario relacionado co proxecto.
Co "Hungry Monster" teñen que alimentar ao monstro cos diferentes alimentos que teñen no prato.
Co "La rueda de los alimentos" clasificamos os alimentos segundo o grupo ao que pertencen.
Co "Where is the cheese" temos que ser os máis rápidos collendo os alimentos e os utensilios de cociña.
Que ben o pasamos!
Polo Día Internacional da Muller Traballadora pedimos a colaboración de todas as familias do centro para que nos enviasen fotografías de diferentes mulleres da súa familia en traballos relacionados coa saúde: alimentación, investigación, deportes, mediciña... Os nenos e nenas foron poñendo as súas fotografías; e a clase de 5 anos escribiu oficios relacionados coa saúde física e mental: profesora de ioga, enfermeira, atleta, froiteira, carniceira... Ao rematar expúsose na biblioteca para todas aquelas familias que quixeran puideran ver o traballo realizado.
Para saber máis sobre os produtos locais e de proximidade, os nenos e nenas realizaron unha visita á praza de abastos onde puideron ver de primeira man, os peixes e mariscos que se pescan na nosa ría. Ademais, tamén aproveitamos para visitar os diferentes postos de carnizaría, froitaría e panadería. Despois, merendamos e xogamos no parque aproveitando o bo tempo!
O martes visitamos a MeixoEira, unha cooperativa de Moaña que se adica a elaborar queixos con leite das súas cabras, na súa granxa que teñen na Fraga. Xa recibiron varios premios a nivel mundial pola calidade dos seus queixos e non queriamos deixar pasar a oportunidade de facerlles unha visita a súa pequena tenda que, por sorte, está moi cerca do noso cole.
Días previos fixemos unha lista da compra, xa que o noso obxectivo era realizar unha merenda ecolóxica: froita e queixo. E como non, un pouquiño de pan para acompañar! Cando chegamos alí contáronnos o que facían e os alimentos que vendían, e agasalláronnos cuns botes de iogur de cabra que estaban boísimos!
Neste vídeo podedes ver o ben que o pasamos:
Para festexar o entroido disfrazámonos de verduras: millo, brécol e cenoria. Fixemos unha gran festa coas familias e desfilamos pola beirarrúa para que todo o barrio do Con nos escoitara coas nosas maracas cheas de legumes. Grazas familias pola vosa colaboración!!!
Baixar ao merendar ao parque sempre é unha boa opción para mover o noso corpo e facer exercicio. E non me extraña coa de escaleiras que hai para subir de volta!!
Despedímonos neste trimestre felicitando as festas a toda a comunidade educativa do Con con estas postais do nadal con mooooita saúde! Cada neno e nena elixiu a súa postura de ioga preferida para desexar unhas FELICES FESTAS!
Neste primeiro trimestre adicamos unha sesión dos venres a realizar unhas merendas saudables onde os nenos e nenas eran os protagonistas da actividade, realizando por si mesmos tódolos pasos: cortar, esmagar, untar...
Durante o primeiro trimestre fixemos uns obradoiros multiniveis de contacontos. Os contos, como non, estaban relacionados cos alimentos!
Que mellor maneira para traballar a alimentación que facendo unha recollida de alimentos solidarios polo Nadal! Aproveitamos a ocasión para que fosen os propios nenos e nenas os que creasen o cartel da recollida. Despois, decidimos os lugares máis próximos ao cole e de interese para os nenos e nenas (panadería, tenda de golosinas, papelería...) para realizar unha pequena excursión e pegar alí os carteis.
Para conmemorar este día tan importante, traballamos a saúde mental coa adaptación do conto "Soy solo mía" de Raquel Díaz Reguera, empregando na nosa biblioteca a técnica do Stop Motion e as voces de tódolos nenos e nenas da EEI do Con. Este foi o resultado:
Para traballar a saúde física, os nenos e nenas empregaron o seu propio corpo para dicir non á violencia de xénero:
O 20 de novembro celebrouse o Día Universal da Infancia. Empregamos o croma que temos na nosa biblioteca para facer este vídeo sobre os dereitos dos nenos e nenas, centrándonos en último lugar no dereito a saúde, xa que é o que está relacionado co noso PDI.
Aproveitando o noso proxecto de alimentación, quixemos sacar o noso lado máis solidario e intercambiar comida para cans e gatos a cambio de libros da biblioteca expurgados.
O pasado mes de setembro os nenos e nenas desfrutaron dunha sesión de vendimia, onde puderon tocar, ulir e probar as uvas, froita moi característica desta estación.
Arrancamos este curso cun novo proxecto onde a saúde mental e física estarán moi presentes: CON SAÚDE é o título do Proxecto Documental Integrado para este curso 2022-2023. Pretendemos que os nenos e as nenas coñezan a importancia que ten a saúde nas persoas, non só a física, senon tamén a mental. Profundaremos na alimentación saudable, o exercicio físico, a horta ecolóxica e os produtos de proximidade; así como tamén o mindfulness, o ioga, as prácticas de bo trato e o respecto aos demais.
ASÍ COMEZA O NOSO PDI
Un día apareceu na porta da nosa escola un espantallo...
Buscaba un nome... Así que as familias axudáronnos a poñerlle un. Pouco a pouco foi enchéndose de palla e cobrando vida. Este foi o resultado:
O 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, inauguramos a biblioteca para este curso escolar cunha sesión de ioga e unha mensaxe moi importante do Tío Laranxo.
Unha vez que escoitamos a mensaxe saímos correndo ao patio cuberto para poder comprobar a sorpresa do Tío Laranxo!