Festas, conmemoracións e saídas

CPInclúe

Buscando invasoras con Amabul

Xa estamos rematando este curso e que mellor que facelo coas familias e descubrindo máis sobre as plantas invasoras, temática que traballamos nas escolas nos tres trimestres.

Mágoa non poder facer a ruta polo río Ulla para axudar na erradicación de prantas invasoras pero a choiva foi a encargada de facernos cambiar de plans.

Con todo iso, chegamos á nave da estación de Santa Cruz, en lugar de quedar cos nosos amigos de Amabul na área recreativa de Agronovo. Alí fixemos grupos para participar en distintos talleres. Un dos talleres consistía nun xogo no que tiñamos que adiviñar que plantas hai invasoras en Galicia e cales non. De seguido seguíamos a aprender mási dobre esta temática mentres xogamos á oca e as preguntas das casiñas eran sobre este tipo de prantas.

Outro dos talleres consistía nun conto no que coñecíamosun pouco máis sobe a fauna e flora do río Ulla e a importancia de saber arrancar as invasoras, en especial a Tradescantia Fluminensis. Antes de cambiar de taller, escollemos unha das prantas e decorámola con pinturas e texturas naturais.

De seguido pasamos a outro taller no que exercemos de detectives e identificamos as invasoras que nos agocharon. Tamén puidemos ver in situ, varios tipos de invasoras e deste xeito non favorecer a súa proliferación.

Xa para rematar a quenda dos talleres, ensináronnos a identificar diferentes sons de paxaros que podemos escoitar na zona. Traballamos en equipo para formar un puzzle con plantas invasoras especiais, moi coñecidas. Para poñer máis emoción ao xogo, quen conseguía levar uns ovos na culler, sen caer, cosneguía pezas para rematar o puzzle.

Deste xeito, rematamos as actividades programadas para a mañán. E así, chegou o momento de comer coas familias, un xantar organizado pola nosa querida ANPA e co que compartimos ata que os membros da asociación Amabul nos fixeron outro xogo, no que volvemos a facer equipos e neste xogo tamén puideron participar os papás, mamás, avós, avoas e quen quixera sumarse. Para rematar, que mellor xeito de facelo bailando,un xogo que propuxo a profe Andrea e que ven sendo unha danza rusa que ten por título A troika.

Foi un día no que convivimos, xogamos, corrimos, rimos e aprendemos a importancia da conservación do medio. Dado que o mal tempo non nos deixou percorrer a beira do río para extraer plantas invasoras, queda pendente esta actividade de cara ao vindeiro curso. Entrementres, convidamos a todas as familias a facer esta andaina e, cos expertos que tedes nas casas, arrincar algunha destas especies invasoras que tan ben coñece o noso alumnado.

Dende o claustro de profesores, agradecemos a vosa implicación e participación nestas actividades que organizamos, sempre pensando nos benestar dos/as máis peques e para que aprendan dun xeito lúdico, inculcándolles a importancia da contorna, do coidado da natureza e da relación entre iguais e co todos os membros da comunidade educativa.

Só nos queda agradecervos o voso apoio, desexarvos un feliz verán e mellor descanso. Moita sorte aos que abandonan o barco do noso CRA e para os que recibimos e mesmo quedan con nós de cara ao vindeiro curso, xa poñemos a maquinaria a funcionar con novas aventuras... AGARDÁMOSVOS!!

Encontro Interxeracional nas escolas de Vedra

Estamos moi agradecidos e felices, coa visita que nos fixeron José. Elvira e Ana que grazas o departamento de servizo sociais do Concello de Vedra, chegaron ás nosas escolas para facernos viaxar no tempo, co seu saber.

Comezamos o encontro nas tres escolas: S Xián, S Fins e Sarandón con unha canción que preparamos coa profe de música, Elena. Deste xeito, bailamos ao ritmo do xogo da carrasquiña e de seguido sentámonos para coñecer e ver todo o que nos trouxeron ata as nosas escolas.

Ensináronnos distintos xogos de cado eran máis novos, como o da "silla da reina", que algunha mestra ben recordaba. Tamén xogamos con unhas gomas a facer formas, según as colleras. Así, saía primeiro a serra de S Xosé, de seguido, o berce do neno Xesús e logo, según se collera a goma ou corda, saían distintos apeiros de lebranza. Nun segundo momento sentámonos en roda para ver monecas que facían coas súas mans, con carozos, mazorcas de millo e ata coas barbas do millo...iso si que é imaxinación!!!

Antes de rematar, Ana ensinounos as impresionantes flores que fai con medias e alambre. Con toda a paciencia, explicounos como se unían os pétalos, como se lle poñían os pistilos e en definitva, como se facían, tendo unha calse de coñecemento do medio sen contar.

Na escola de Sarandón, tamén tivemos unha visista moi especial: os bisavós de Luca e o avó de Blanca, Rivelino.

Entraron e dixémoslle "Bienvenidos", aplaudiron e presentámonos e dixémoslle de que familia éramos. O avó de Blanca contounos que o seu nome é Pepe pero que lle chamaban Rivelino porque cando era mozo xogaba ao fútbol e había un xogador con ese nome.

Lola e Luis contáronnos que cando ían á escola, as nenas estaba na Pedreira e os nenos en Ligarei. Había en cadansúa máis de 40. Rivelino contounos que xa veu á escola de Sarandón.

Moi atentos escoitamos como cando eran nenos e nena, tiñan poucos libros e escribían en pedra de pizarra cun pizarriño e borraban con cuspe. Ata Luis nos fixo unha demostración. Tamén escribían con pluma na libreta e mollaban en tinteiro.

Faláronnos de como xogaban Lola explicounos algún deles, como o xogo do pano, da mariola... Luis trouxo as pezas para xogar á estornela ou billarda e saimos ao campo da festa para probar de primeira man.

Grazas por agasallarnos co voso saber e estar. Por sorprendernos con tantos xogos e vivencias.

Agardamos que todos e todas marcharan das nosas escolas con gañas de volver porque a nós sóubonos a pouco e de cara ao vidneiro ano, voltaremos chamar á porta de Mamen para facer de estes intercambios unha cita fixada no tempo. Moita saúde a sorte!!

Encontro Interxeracional cos maiores de Boqueixón

Si ben, os nenos e nenas de Camporrapado xa visitaran e tiveran un encontro cos maiores da residencia de Codeso e xa volo contamos nunha publicación, nesta ocasión e con motivo do día da familia, celebramos nas escolas unha xuntanza cos maiores do lugar. Foi a quenda das escolas de Boqueixón: Lestedo, Camporrapado e Sergude as cales tiveron a vista das casas do maior de Vigo e Loureda, dos participantes no Programa de prevención de dependencia do Concello de Boqueixón, que viñeron acompañadps de María de servizos sociais e tamén de algúns avo, avoa, bisavo e bisavoa do alumnado.

Na escola de Camporrapado, o alumnado fixo unha explicación sobre especies invasoras e ensináronlles a xogar cos xogos cooperativos de invasoras. Bailaron o xogo da carrasquiña traballado coa profe Elena. Debuxaron e ensináronlles a horta.

Na escola de Lestedo, escoitaron anécdotas da súa infancia, observaron fotografías e libros antigos e, en definitiva, o alumnado coñeceu como era a vida antes. 

En Sergude, recibiron aos participantes do encontro cun xogo na ruleta, cada número correspondía a cousas que fan habitualmente no cole ou cousas que os nenos pensaban que podían facer (ou non) nas escolas de antes, conversaron sobre os temas que saían na ruleta. Despois de aprender moitas cousas da escola de antes sairon ao patio a xogar á carrasquiña e outros xogos de roda tradicionais que nos ensinaron as señoras.

Foi un placer compartir o tempo con eles e elas, agardamos ter por diante, moitos máis encontros interxeracionais!!

No seguinte vídeo, poderedes ver un resumo do que dou deron de os encontros!!!

Para a vindeira semana poderemos contarvos o encontro interxeracional nas escolas de Vedra e que terán estos días.

 

CELEBRAMOS O DÍA DE EUROPA CO PROXECTO INTERCULTURAL

Outro ano máis, grazas ao voluntariado de Don Bosco en coordinación coa mestra Elena, puidemos levar a cabo novamente este proxecto tan interesante para o centro.

Desta volta acompañáronnos catro países: Grecia, Francia, Italia e Luxemburgo.

Aprendimos moitas cousas destes países e aínda que a fala é distinta, sempre atopamos un nexo de unión entre as diferentes culturas: A MÚSICA

PREMIOS NO SERÁN DAS LETRAS

Este ano, da man de Elena, a mestra de música, o alumnado do CRA presentouse ao concurso SERÁN DAS LETRAS. Participamos en dúas categorías e cal foi a nosa sorpresa que levamos 3 premios e un Accésit.

Por outra parte, dende ao organización deste Serán, a asociación San Campio, agasallou ás/os participantes con un bonito detalle, do que se lle fixo entrega nas escolas.

Moi ben feito rapaces e rapazas, sodes uns CRACS...e parabéns á organización!!

 

 

A CRACKRROZA no S. Cidre

A pasada fin de semana foron as festas de Oural, na honra a S Cidre, unha das parroquias á que pertence a escola de Camporrapado. Nesta ocasión conmemorábase o 50 aniversario desta festa e a celebración foi por todo o alto. 

Sempre nos enche de fachenda o noso profesorado e familias pero é que non pode ser doutro xeito, porque o que se implican na parroquia no seu día a día, só o saben as familias que comparten con ese mestre e mestras, as aventuras que non deixan de propoñer.

Nesta ocasión aplaudimos á profe Mónica e ás familias de este curso e de anteriores que quixeron participar na elaboración da carroza. Ata os residentes da residencia de Codeso, fixeron a súa aportación colaborando na elaboración dos portachuches... Parabéns a todos e todas en xeral e á profe Mónica en particular.

Os mestres e mestras do CRA, falan como ela fixo na presentación do documental que se proxectou o pasado venres, explicando que a escola tense que abrir á parroquia e a parroquia entrar na escola, o que ben sendo a esencia deste CRA. 

A mesma Mónica nos dixo emocionada que o domingo foi o día grande e os compañeiros e compañeiras das demáis carrozas, decidiron que a CRACRROZA era merecedora do primeiro premio por segundo ano consecutivo... o que lle eche de orgullo ser mestra nesta comunidade.

Por moitos anos de S Cidre, de CRACKRROZA e do CRA Boqueixón Vedra "Neira Vilas".

VIVA O S. CIDRE!!!!!

De seguido deixámosvos un resumo do que dou de si esta carroza:

 

 

 

TECNOLOXÍA CON SENTIDIÑO

Desde o Centro Autonómico de Formación e Innovación están a desenvolver a segunda edición do Ciclo de Cultura Científica e vai ser aberta ao público en xeral vinculado á nosa comunidade educativa. A actividade pódese seguir de xeito presencial no Salón de Actos Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ou ben por streaming na canle de YouTube da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades de 18,00 a 19,30 h.

Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, abordaranse varias temáticas que teñen como eixo común da tecnoloxía: uso desta nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros. O obxectivo é ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, baseada en investigacións.

O programa será o seguinte:

  • 4 de abril de de 18:00 a 19:30 h, Héctor Ruíz Martin, investigador e director da International Science Teaching Foundation, impartirá o relatorio Que nos di a investigación sobre o uso da tecnoloxía na aula?.
  • 22 de abril de 18:00 a 19:30 h, Laura Espido Freire será a encargada da intervención Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fio narrativo.
  • 2 de maio de 18:00 a 19:30 h, José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.
  • 16 de maio de 18:00 a 19:30 h, Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro sénior de software de Microsoft, achegaranos unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía e accesibilidade.
  • 28 de maio de 18:00 a 19:30 h, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubriranos como achegar a tecnoloxía a un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.
  • 4 de xuño de 18:00 a 19:30 h, Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.
  • nunha data aínda por fixar en xuño, Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

De visita pola residencia de Codeso

O alumnado de Camporrapado visitou a residencia de Codeso, logo de 7 anos da primeira visita.

Como averiguaron que tiñan horta, compartiron a súa sementeira con el@ e a colleita de leituga. E xa sabemos que a ensalada estaba deliciosa.

Aproveitamos un dos nosos burros entroideiros para levarlles a sorpresa. Identificamos as sementes con carteis. Tamén lles levamos o desfile de carrozas de San Cidre. Case non hai ningún residente da nosa zona, polo que aproveitamos o material do entroido para presentarlles a nosa festas.

Fixemos o desfile cantando unha versión carroceira do tradicional "zúmballe ao caneco". Despois cada nen@ presentou a súa carroza. E de recordo démoslle unha das minifotos da carroza das 50 edicións da festa de @oscheasoficial.

A continuación gozamos un dos nosos contos favoritos "as filloas de Manola", contado pola profe Andrea. Fixemos filloas e compartímolas cos maiores. O que lles gustou repartir as filloas e o que lle souberon a grandes e pequenos.

 Despois de unha boa merendola, á que fomos convidad@s, fixemos unha sesión de psicomotricidade na que traballamos con aros e pelotas. Actividade de gran importancia para a rutina diaria dos residentes para manterse activ@s e saudables.

Unha vez rematada a merenda, visitamos as instalacións: vimos as habitacións onde descubrimos pequenas cousas sobre os e as residentes: hai quen ten unha boneca, porque lle gustan os bebés, quen fai mantas de cores marabillosas, quen adora pintar...

Tamén vimos o cuarto de lavadoras, que as máis peques fascinoulles e a sala de rehabilitación, onde estivemos probando todos os aparatos que puideron.

Marcharon cargados de enerxía e de agasallos, debuxos e un detalle moi chulo para cada nen@.

Mil grazas por recibirnos con tanto agarimo. Esperemos poder repetilo.

E grazas ás familias polo carrexamento, se vós sería inviable.

Ao día seguinte falamos sobre esta experiencia. Estaban moi emocionad@s e fixeron uns debuxos do que máis lles gustou que lles mandaremos para a residencia.

ENTROIDO 2024

Un ano máis desfrutamos do noso entroido dun xeito máis que especial.

Primeiro traballamos moito, moito nas escolas facendo os nosos disfraces coa axuda das familias nuns marabillosos talleres. Este ano a nosa temática foron as festas das nosas parroquias polo que Camporrapao disfrazouse das Carrozas de San Cidrer, Sergude dos Xenerais da Ulla, Lestedo da Festa da Filloa, San Xián dos Xenerais da Ulla, San Fins da Festa da Orella e Sarandón de festa do San Migueliño.

Tivemos a nosa semana cos mandados do burro e cómo non a nosa convivencia de todas as escolas do CRA para a celebración da nosa festa.

Nun principio queriamos desfilar polas rúas de Lestedo pero por mor do mal tempo tivemos que facer o noso desfile no pavillón de Lestedo, eso sí, acompañados pola nosa Anpa e por moooooitas familias que viñeron a celebrar con nós esta grande festa. 

Cantamos as nosas coplas adaptadas ao ritmo de Zúmballe o Caneco que ideamos na clase de Música ca profe Elena e desfilamos ao ritmo do Chuletón do grupo A Requinta da Laxeira, grandes amigos e coñecidos do CRA. Como estamos a participar no Plan Proxecta Móvete+ decidimos que esta canción sería o himno do noso entroido e estivemos a practicar unha sinxela coreografía que acompañase á nosa canción no desfile. Cos nervos e os disfraces non fixemos os movementos pero sí marcamos o paso como na marcha que traballamos na clase de Música.

Todas as escolas estiveron a participar traballando esta coreografía coa marcha como paso base.

Aquí vos deixamos unha pequena mostra do ben que o pasamos e o moito que traballamos.

Un Planeta de PAZ

Un ano máis non deixamos pasar a oportunidade de conmemorar o día da PAZ e a non violencia nas nosas escolas. Nesta ocasión, dende o equipo de Convivencia e Benestar propuxéronos traballar un material de un artista, Unai Quirós, que puxo á nosa disposición unha canción que leva por título "Un Planeta de Paz", tamén incorporaba un conto, con ilustracións de Fano, no que puidemos ver bandeiras de diferentes países e cos que apredemos distintos xeitos de acadar a PAZ. Finalmemte, a semana do 30 de Xaneiro, día oficial desta conmemoración, elaboramos galletas para festexar esta xornada e o día da Pomba da Paz, coa que cantamos a canción e compartimos as galletas. Esta iniciativa levouse a cabo en todas as escolas, aproveitando a clase de Relixión, Atención Educativa e Música. Asemade, na clase de inglés e nas titorías tamén levaron a cabo diferentes actividades para realzar a importancia desta data, dende lectura de contos e selección de libros ata murais conmemorativos.

Obradoiro da ONCE con Cris e Carmen

O 3 de Decembro celébrase o día internacional das persoas con discapacidad, Con motivo desta conmemoración e grazas a Cristina e Carmen, da Fundación ONCE, coñecemos de primeira man, como facer para que unha persoa con déficit visual viva o seu día a día do xeito máis normalizado posible.

Carmen ensinounos como manexar o bastón. Cristina indicounos a mellor forma para guiar a estas persoas e a importancia que ten ter todo recollido ou os perigos que se poden atopar na rúa.

Trouxéronnos diferentes elementos que facilitan o día a día, como unha máquina que recoñece as cores, con tan só acercala á cor. Puidemos ulir rotuladores que nos recordan a algo que sexa de esa cor, como o vermello, que ulía a fresa ou o amarelo, que ulía a limón e así, descubren a cor que ten cada rotulador.

Por outra banda, coñecemos a Braille e o alfabeto que el mesmo inventou e grazas ao que a xente con déficit visual pode ler. Para iso, achegáronnos libros, bonecos cos que aprender este alfabeto, un aparello co que poder escribir e mesmo nos agasallaron co nome de cada neno e nena escrito en braille.

Ademais de desfrutar cos contos, xogamos con un lego en braille e con unha pelota con cascabel que lles axuda a tela localizada, grazas ao son que fai.

Antes de marchar, agasalláronnos con un balón hinchable da ONCE e un bolígrafo.

Como recordo do CRA, levaron todo o noso cariño e agradecemento. A nosa coordinadora de convivencia e benestar, fíxolles entrega dunha bolsa co logo do CRA, elaborada de xeito artesanal por unha artista como é "Lupe, artes decorativas", veciña de Vedra e na que se podía ler o nome de cada unha. Ademáis engadimos unha tarxeta de agradecemento que Carmen leu ante a ilusión de todos e todas.

Non nos cansaremos de agradecer a estas amigas a atención, paciencia e cariño co que chegaron a todas as escolas. Grazas mil!!

HOMENAXEANDO A NEIRA VILAS

Un ano máis, en Novembro, quixemos homenaxear ao noso querido Neira Vilas, un amigo que nos visitou nas nosas escolas e a quen visitamos nós tamén.

Este mes sempre é especial, xa que foi cando naceu e tamén no mes que nos despedimos de el. Por iso, sempre facemos algo moi especial para telo presente.

Nesta ocasión decidimos traballar varias das súas poesías e tamén as da súa dona, Anisia Miranda. A continuación, pareceunos ben ilustralas e plasmar a nosa imaxinación en lenzos, para logo facer unha exposición con todos eles e que os puidérades gozar.

Cada escola escolleu a técnica a empregar e como as nosas familias sempre colaboran en canta cousa nos propoñemos, ata houbo mamás artistas que nos axudaron nesta iniciativa.

Como a nosa cabeza non para, quixemos que cos nosos traballos, puidéramos axudar a alguén e deste xeito, puxémonos en contacto cos servizos sociais dos nosos Concellos. Falando coas traballadoras sociais, estiveron de acordo en que lle entregásemos productos non perecedeiros, para poder axudar a algunha familia dos nosos concellos.

Deste xeito durante 2 fins de semana a exposición puido visitarse, primeiro en Gres e logo Lestedo. Cadaquén trouxo o que considerou e o recaudado levámosllo a Boqueixón e Vedra para que llo fixeran chegar a quen consideraran.

Premendo na seguinte imaxe, poderedes ver o proceso desta iniciativa. Pola nosa parte, non podemos estar máis orgullosas, orgullosos e agradecidos/as polo resultado final. 

Unha vez máis, grazas familias pola vosa colaboración!!

 

EXPOSICIÓN SOLIDARIA EN LESTEDO

Este pasado sábado inauguramos a nosa exposición de poemas de Neira Vilas e Anisia Miranda na súa casa, na Fundación Neira Vilas. Esta semana coincide que a Fundación está pechada por vacacións. Poderedes gozar das obras dos nosos/as artistas o sábado 2 e o domingo 3 de decembro, en horario de mañán, no baixo do local do campo da feira, de Lestedo. Agardámosvos!! e lembrade que a entrada é de balde pero convidámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro, que entregaremos aos servizos socias de Boqueixón e Vedra.
Nesta ocasión tamén colabora con nós, a "A.C. Mestre Manuel Gacio", de Lestedo.
Graciñas mil a todos e todas!!

EXPOSICIÓN SOLIDARIA NA FUNDANCIÓN NEIRA VILAS

Chegou Novembro, un mes moi especial, xa que o dedicamos ao escritor que o noso centro leva o seu nome. Nesta ocasión, para conmemoralo, dende o equipo de Normalización Lingüística propuxeron unha actividade ben bonita e solidaria. Puxémonos a ler poesía e cada escola ilustrou en lenzos 2 poemas de "Cantarolas", "Quique na aldea" e "Cantos de sol a sol". Este martes, membros de este equipo, foron ata a Fundación Neira Vilas a preparar a exposición que teredes á vosa disposición este sábado 25, de 15:30 a 19 horas. Como veredes na invitación, a entrada é de balde, pero a modo de entrada solidaria animámosvos a que traiades algún producto non perecedeiro que logo repartiremos cos servizos sociais de Vedra e Boqueixón. A esposición poderase visitar este sábado e de luns 27 a xoves 30, no horario que aparece nesta publicación.

VISITA FORMATIVA

O pasado 2 de novembro contamos cunha visita moi especial no CRA.

Sandra Mussungo e Nunes Chionga, profesores de Angola do Instituto Superior de Ciencias da Educación de Luanda visitaron dúas das nosas escolas: Sergude e San Fins, pois están a facer unha estadía Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela.

Sandra está a facer un doutoramento sobre as prácticas docentes en formación no rural e por iso desde a Facultade de Ciencias da Educación, a través de Zósimo López Pena, docente de Didáctica da Lingua e da Literatura, decidiron mostrarlle as bondades dos CRAs de Galicia polo que nos visitaron como referente de Calidade de traballo no rural.

Foi todo un placer poder contarlles e amosarlles a nosa metodoloxía e forma de traballar. Quedaron moi contentos e encantados co noso traballo...ata nos invitaron a ir a Angola!!!

Distribuir contido

CALENDARIO

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Iniciar sesión