Festas, conmemoracións e saídas

DURMIR FÓRA DA CASA

Desde fai uns anos, na escola de Sarandón, andivemos dándolle voltas á cabeza para ter un tempo máis para estar xuntos e viaxar. Así foi medrando a proposta de “Durmir fóra da casa”. Que as familias da escola viaxáramos xuntas dous días e quedarse unha noite a durmir nun albergue, os cartos non dan para máis. Coma quén non quere a cousa, xa van alá varios anos compartindo viaxes, paisaxes, xogos, xantares, ceas e almorzos, conversas e noites a “durmir fóra da casa” familias e escola.

Este curso 2023-24, decidimos viaxar cara o norte, e alá fomos a mañán de chuvia do sábado 8 de xuño cara a Mariña lucense. Despois de cruzar a Terra Chá e o Xistral baixamos o val do Landro e entramos en Viveiro.

A primeira visita, foi á igrexa de San Francisco e ó museo da Semana Santa, alí agardábanos Pipo, que foi o noso guía e mestre impartindo unha clase cas explicacións sobre o propio templo e abriu unha cofradía para contarnos as características e singularidades da Semana Santa en Viveiro.

Despois voltamos ó autobús para seguir estrada cara o Alberge Xuvenil Area, que ía ser a nosa residencia os dous días, sito na praia de Area en Viveiro. Alí asignamos habitacións por familias e procedemos a repartir o xantar que trouxeramos desde Sarandón. Primeiro xantar xuntos e conversas arredor do desexo que mellorase o tempo e tomamos a decisión de, despois de acomodar as habitacións e dun paseo de recoñecemento do entorno, subir ó autobús e ir cara o occidente.

Desta vez foi cara Estaca de Bares, fixemos parada e camiñamos á carón do faro ata a punta do cabo, contemplando fascinados a costa e admirando os acantilados mentres ondas, gaivotas e cativos mesturaban os sóns co horizonte. A continuación subimos ó autobús cara Ó Barqueiro, desde a altura do asento, e ca barreira dos eucaliptos, vimos a fermosura da ría, paramos e camiñamos polo pobo e polo porto.

A continuación, no autobús fixemos camiño de volta cara a vila de Viveiro, alí baixo a ollada fixa da estatua de Nicomedes Pastor Díaz, a pé paseamos as rúas e prazas coroadas de galerias, cruzamos a Porta de Carlos V e rematamos nun parque infantil, no que randieiras, tobogáns, escaleiras, pontes descubriron as nosas habilidades de equilibrio, salto e rapidez. Todo era pouco ata que Martiño caeu.

Un inchazón nunha perna dou a voz de alerta e Jose co seu coche levou a Martiño e seus pais, Belen e Fernando, o Centro Médico de Viveiro, mentras nós iamos no autobús para o Albergue a cear. Pouco despois soubemos que foran enviados ò Hospital da Mariña en Burela, e pola medianoite avísannos que son derivados ó Hospital de Santiago. Noite de tensión, nervos e preocupación por Martiño e seus pais. 

Nesta noite de “Durmir fóra da casa”, tódalas conversas tiñan como tema central a Martiño, e a conveniencia de levar sempre nunha excursión da escola un coche particular para poder atender o máis axiña posible as posibles incidencias da viaxe.

Amenceu nubrado e mentras almorzamos fomos dándolle voltas a que faciamos pola mañán e decidimos tomar rumbo cara o oriente. Subimos no autobús e emprendemos viaxe a visitar o complexo industrial de Sargadelos. Contemplamos admirados as construccións e a obra de Isaac Díaz Pardo e amigos, por ser domingo os edificios estaban pechados. Camiñamos pola beirarrúa ata as vellas edificacións do antigo complexo industrial de Ibañez, e andivemos o Paseo dos Namorados. Sargadelos integración de industria e paisaxe.

Voltamos no autobús ó Albergue ca esperanza de darnos un baño na praia de Area antes de xantar, e foi cando soubemos que Martiño xa estaba na casa e non quedara no Hospital. Houbo máis animados para o partido de fútbol que para o baño, pero algúns mollaron os pés e Mari e o mestre atrevéronse a darse un baño nas augas do Cantábrico.

Xantamos con calma, recollemos e lavamos entre todas e todos o que usamos no comedor e na cociña do Albergue, cadaquén recolleu a súa habitación e voltamos a encher as maletas porque había que iniciar o camiño de volta. Camiño de volta que ía ter unha parada. Despois de cargar tódolas equipaxes e viaxeiros fomos marchando de Area, cruzamos Viveiro e á carón do Landro fomos indo cara Chavín, baixamos do autobús e fixemos unha camiñata ata a Fraga da Retorta, e alí estaba “O Avó” un eucalipto de grandes dimensións rodeado de moitos máis que no desentoaban a súa par. Un entorno de auga e vexetación exuberante que falan da calidade da terra e o microclima das Terras do Landro.

Merendamos ó pé do autobús e, desta vez si, fixemos sen parar o camiño de volta a Sarandón. Chegamos ás 21,30 horas o campo da festa e xa había avós e familiares agardando por nós para que lles contaramos na casa como fora a viaxe a Viveiro.

Atrás foron quedando paisaxes, vivencias, xogos, sustos e conversas compartidas xuntos, familias e escola, nais, pais, nenas, nenos, chofer e mestre porque quixemos “Durmir fóra da casa”.

Xa estamos pensando, onde será a seguinte?

 

Antonio Vázquez Turnes, mestre de Sarandón. Xuño de 2024

 

 

CALENDARIO

PLAMBE

EDLG

Robótica Educativa

Eventos

« Novembro 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
123
45678910
11121314151617
18192021222324
252627282930

Iniciar sesión