Buscando invasoras con Amabul
Xa estamos rematando este curso e que mellor que facelo coas familias e descubrindo máis sobre as plantas invasoras, temática que traballamos nas escolas nos tres trimestres.
Mágoa non poder facer a ruta polo río Ulla para axudar na erradicación de prantas invasoras pero a choiva foi a encargada de facernos cambiar de plans.
Con todo iso, chegamos á nave da estación de Santa Cruz, en lugar de quedar cos nosos amigos de Amabul na área recreativa de Agronovo. Alí fixemos grupos para participar en distintos talleres. Un dos talleres consistía nun xogo no que tiñamos que adiviñar que plantas hai invasoras en Galicia e cales non. De seguido seguíamos a aprender mási dobre esta temática mentres xogamos á oca e as preguntas das casiñas eran sobre este tipo de prantas.
Outro dos talleres consistía nun conto no que coñecíamosun pouco máis sobe a fauna e flora do río Ulla e a importancia de saber arrancar as invasoras, en especial a Tradescantia Fluminensis. Antes de cambiar de taller, escollemos unha das prantas e decorámola con pinturas e texturas naturais.
De seguido pasamos a outro taller no que exercemos de detectives e identificamos as invasoras que nos agocharon. Tamén puidemos ver in situ, varios tipos de invasoras e deste xeito non favorecer a súa proliferación.
Xa para rematar a quenda dos talleres, ensináronnos a identificar diferentes sons de paxaros que podemos escoitar na zona. Traballamos en equipo para formar un puzzle con plantas invasoras especiais, moi coñecidas. Para poñer máis emoción ao xogo, quen conseguía levar uns ovos na culler, sen caer, cosneguía pezas para rematar o puzzle.
Deste xeito, rematamos as actividades programadas para a mañán. E así, chegou o momento de comer coas familias, un xantar organizado pola nosa querida ANPA e co que compartimos ata que os membros da asociación Amabul nos fixeron outro xogo, no que volvemos a facer equipos e neste xogo tamén puideron participar os papás, mamás, avós, avoas e quen quixera sumarse. Para rematar, que mellor xeito de facelo bailando,un xogo que propuxo a profe Andrea e que ven sendo unha danza rusa que ten por título A troika.
Foi un día no que convivimos, xogamos, corrimos, rimos e aprendemos a importancia da conservación do medio. Dado que o mal tempo non nos deixou percorrer a beira do río para extraer plantas invasoras, queda pendente esta actividade de cara ao vindeiro curso. Entrementres, convidamos a todas as familias a facer esta andaina e, cos expertos que tedes nas casas, arrincar algunha destas especies invasoras que tan ben coñece o noso alumnado.
Dende o claustro de profesores, agradecemos a vosa implicación e participación nestas actividades que organizamos, sempre pensando nos benestar dos/as máis peques e para que aprendan dun xeito lúdico, inculcándolles a importancia da contorna, do coidado da natureza e da relación entre iguais e co todos os membros da comunidade educativa.
Só nos queda agradecervos o voso apoio, desexarvos un feliz verán e mellor descanso. Moita sorte aos que abandonan o barco do noso CRA e para os que recibimos e mesmo quedan con nós de cara ao vindeiro curso, xa poñemos a maquinaria a funcionar con novas aventuras... AGARDÁMOSVOS!!