HOMENAXEANDO A NEIRA VILAS
Un ano máis, en Novembro, quixemos homenaxear ao noso querido Neira Vilas, un amigo que nos visitou nas nosas escolas e a quen visitamos nós tamén.
Este mes sempre é especial, xa que foi cando naceu e tamén no mes que nos despedimos de el. Por iso, sempre facemos algo moi especial para telo presente.
Nesta ocasión decidimos traballar varias das súas poesías e tamén as da súa dona, Anisia Miranda. A continuación, pareceunos ben ilustralas e plasmar a nosa imaxinación en lenzos, para logo facer unha exposición con todos eles e que os puidérades gozar.
Cada escola escolleu a técnica a empregar e como as nosas familias sempre colaboran en canta cousa nos propoñemos, ata houbo mamás artistas que nos axudaron nesta iniciativa.
Como a nosa cabeza non para, quixemos que cos nosos traballos, puidéramos axudar a alguén e deste xeito, puxémonos en contacto cos servizos sociais dos nosos Concellos. Falando coas traballadoras sociais, estiveron de acordo en que lle entregásemos productos non perecedeiros, para poder axudar a algunha familia dos nosos concellos.
Deste xeito durante 2 fins de semana a exposición puido visitarse, primeiro en Gres e logo Lestedo. Cadaquén trouxo o que considerou e o recaudado levámosllo a Boqueixón e Vedra para que llo fixeran chegar a quen consideraran.
Premendo na seguinte imaxe, poderedes ver o proceso desta iniciativa. Pola nosa parte, non podemos estar máis orgullosas, orgullosos e agradecidos/as polo resultado final.
Unha vez máis, grazas familias pola vosa colaboración!!