Skip to Content

contador gratis para blog

blogue deadmin

Intervención de Ramón Caride no Serán do Cole de Cea

SERÁN DO COLE DE CEA 25 Maio 2018

Intervención de Ramón Caride Ogando

Boa tarde, antes de nada, moitas grazas por permitirme participar nestes actos, a pesar de que eu nin canto nin toco instrumento ningún tan ben coma calquera dos outros e das outras participantes

É para min un privilexio estar aquí. Aínda que, como saberedes, eu non fun alumno deste cole. Eu fun dos últimos rapaces deste concello en estudar, até os dez anos, nunha escola unitaria, en concreto na da parroquia de Pereda, terra da miña familia materna. A miña primeira mestra, e seguramente a máis decisiva na miña vida, foi María Esther Cortés, a quen sempre lle estarei agradecido.

E non menos agradecemento lle debo agora ao claustro de profesores deste Colexio Virxe da Saleta, por ter iniciado as celebracións destes 50 anos, no pasado mes de Xaneiro, dándolle o meu nome á súa fermosa biblioteca. Eu nunca imaxinara semellante cousa, e aínda menos en Cea, onde case perdera as esperanzas. Até tal punto é verdade isto, que cando no xa algo lonxano ano 1992, como algúns dos que estades aquí lembraredes, acadei o premio Blanco-Amor de novela, o diario La Región publicou unha noticia co seguinte titular: "EL Concello de Cea felicitará a Ramón Caride Ogando por la concesión del Premio Blanco Amor", e como a tal felicitación aínda non me chegou a día de hoxe, nin sequera se me ocurríu protestar polo retraso. E non se pode dicir que semellante adiamento se deba ás mudanzas no grupo de governo municipal, porque tampouco as mudanzas foron tantas.

Pero non desesperemos...

En calquera caso, que lle adiquen a un unha biblioteca é unha alegría, pero tamén unha responsabilidade agradable, e un estímulo impagable. Escribir é un traballo solitario, e ás veces ingrato. O resultado adoita ser incerto, e as dúbidas nunca rematan. Escribir é dalgún xeito como falar, pero ás veces non sabes se falas con alguén, se falas diante dun espello ou se só estás a falar diante dunha parede que che devolve o eco das túas palabras. Gastas horas e gastas enerxía, e non sempre o resultado é o esperado. Logo de tanto traballo e de tantas voltas, a maioría dos escritores ou escritoras dependen do azar ou dos caprichos dun editor, non sempre xustificados, por canto a oferta de manuscritos en calquera sistema literario supera con moito á demanda de libros polo mercado.

Supoño que un dos meus méritos, en todo caso, é ser nativo de Cea, aínda que ninguén escolle onde quere nacer porque isto nunca se dá a escoller; é unha cuestión puramente aleatoria. Aínda así, nacín, ou nacéronme, en Cea e son escritor. Non hai tantos escritores en Cea coma panadeiras, pero hai artistas e escritores abondo para nomear calquera biblioteca, que tampouco hai tantas coma fornos; así que dar o propio nome á deste Cole e ser obxecto de semellante homenaxe e de tanto agarimo e esforzo como puxestes nestes actos, sempre será un mérito inmerecido, mália os moitos anos que levamos zugando na memoria e nas verbas aprendidas en Cea, nos medos e nos anseios da primeira infancia, revividos unha vez e outra, mesmo sen un mesmo decatarse, nunha morea de libros e de soños.

Pero en realidade teño para min que quen recibe unha homenaxe non pasa de ser un punto de referencia, un pretexto necesario para que moita xente con ganas de traballar e de facer cousas positivas, se xunte e traballe en común. Neste caso a responsabilidade do homenaxeado e dobremente gozosa, e a débeda cos colegas ensinantes deste centro, aínda máis impagable. O cole de Cea, coma outros da contorna polos que andiven estes meses, é unha referencia de amor á tradición, respecto á lingua, actualización tecnolóxica e de métodos, entusiasmo e capacidade de experimentar, cousas das que tan necesitados andamos os galegos e as galegas, e que por sorte, non faltan no ensino público, tan maltratado en moitas ocasións polos que nos governan, ou ás veces nos desgovernan.

Remato pois, dando as grazas de corazón. Aínda que sexa cuns meses de retraso, o certo é que tardei menos, así e todo, do que tardou o Concello. Xa son parte deste Centro que sempre será o meu, e considérome moi afortunado de podelo proclamar. Xa sabedes onde me tedes, para o que precisedes, compañeiras e compñeiros. QUE SIGA A FESTA!

Outro Misterio No Cole de Cea

Os misterios non paran no noso cole!

Se o pasaches ben con #MisterioNoColedeCea prepárate a vivir unha nova e emocionante aventura con #OutroMisterioNoColedeCea.
Leva a #Xiana a coñecer á #RataRita e axúdalle a atopar a saída do cole.

Lembra que o xogo está nun arquivo "exe" e é posible que o teu antivirus ou o teu sistema operativo dean algún aviso, pero trátase dun arquivo totalmente confiable.
#xogos #games #misterio #coledecea

DESCARGA

Grazas, grazas, grazas.

O Cole de Cea quere agradecer a colaboración de todas as persoas e colectivos implicados na celebración do noso #50aniversario:

Grazas a todas as familias e veciñanza dos concellos por ceder as súas fotos para a expo #FotoMemoria.

Grazas ao Concello de Cea e ao Concello de Piñor por colaborar na produción artística dos eventos do aniversario, en colaboración coa ANPA CEPI.

A todo o profesorado e persoal do centro que está a colaborar na realización da exposición e do documental, así como na organización dos dous eventos.

Aos establecementos: Kanela Drink, Bar Paxariño, Farmacia Hilda, Sol y Luna, Perruquería Marisol e Bar Ojea por axudar á difusión do evento “O Reencontro” e pola venda de tickets e camisetas.

Ao noso antigo alumnado e profesorado e a toda a comunidade educativa actual polo entusiasmo e o amor que manifestan pola nosa escola. Sodes a alma do cole de Cea.

A todas as persoas que puxeron cara e voz no documental "1 día, 50 anos" para contar a historia do noso centro educativo.

Ademais, dende o centro queremos informar de que o importe íntegro dos tickets para a festa do Reencontro destinarase ao aluguer da carpa, ao servicio de catering e ao menú.

Misterio no Cole de Cea - O noso primeiro videoxogo

ATENCIÓN ATENCIÓN!! XA TEMOS XOGO DO Cole de Cea

Temos a honra de vos anunciar que o cole de Cea estrea o seu primeiro videoxogo!
#MisterionoColedeCea

Xa podes descargalo e xogar no teu PC.

Tan só clica na seguinte ligazón e descarga o arquivo executable. DESCARGA

Ignora as advertencias que fai google, o arquivo é totalmente confiable.

 Descomprímeo nunha carpeta e.. a xogar!

O reencontro. 50 anos despois

 Xa temos programa para a nosa festa de aniversario.
12.30h  Visita á expo “FotoMemoria” do Cole de Cea.
Lugar: 1º andar do edificio histórico.
12.30h Visita ao centro.
14.00h Estrea do documental “1 día, 50 anos”
14.30h Xantar Popular.
Lugar: Carpa no patio de primaria.
Menú: Polbo á feira, carne ao caldeiro, sobremesa, viño, café e chupitos. Catering: A morena
Ao remate do xantar intervención de antigo alumnado
e festa amenizada polo Dúo Sabrosito.

A nosa festa de aniversario é posible grazas á colaboración do Concello de Cea e do Concello de Piñor.

VERSOS_AO_LOMBO

VERSOS_AO_LOMBO

A Biblioteca Ramón Caride, do Cole de Cea, convoca o concurso "VERSOS_AO_LOMBO" para conmemorar o Día do Libro, que se celebra o 23 de abril.

O obxectivo é expresarse artísticamente a través dos títulos dos libros e demais referencias presentes nos nosos fondos. Tes ata o 18 de abril, incluído, para entregar o teu traballo. Esperta a túa creatividade e sorpréndenos participando na túa categoría.


Infantil:

1.       Elabora un debuxo relacionado con algún dos libros que levae en préstamo da biblioteca.

2.       Podes empregarse calquera tipo de técnica (ceras, pinturas, témperas, collage...).

3.       O traballo terá que ser elaborado polo alumnado participante.

Primaria:

1.       Escribe un poema, na plantilla entregada polo titor ou titora, empregando 3 títulos de libros (mínimo) para elaboralo.

2.       Cita as referencias dos libros empregados (número de rexistro, título e autor/a), facéndoas constar na parte posterior da plantilla.

Secundaria:

1.       Elabora un poema empregando os títulos que figuran no lombo dos fondos da nosa biblioteca escolar Ramón Caride.
 
Cita as referencias dos libros empregados (número de rexistro, título e autor/a), facéndoas constar na parte posterior da plantilla.

 

Grazas, Ramón.

 

É un pracer imenso e unha honra especialmente impagábel cumprir hoxe dous anceios reais:

O primeiro é voltar. Voltar á miña escola na abertura dos actos do seu primeiro cincuentenario. 50 anos, son talvez, dúas xeracións de ceeses e piñorenses educados, formados aquí, no actual, familiar e cooperativo CPI “Virxe da Saleta”.

O segundo anhelo é verificar a comemoración que nos convida e poder participar na inauguración da Biblioteca escolar que levará o nome de Ramón Caride, persoa merecente, devoto profesor e  escritor merecedor  de tal dedicatoria, por sobretodo, querermos desde esta comunidade educativa que se cumprise a profecía en terra queimada, na súa terra de nacenza.

Que mellores motivos para oferecer esta Biblioteca a quen nos provocou e continúa a provocarnos soños eléctricos a adultos e cativos, quen nos axuda a apaixonármonos pola lectura de historias e aventuras?

De Ramón Caride Ogando eu sabía algunhas cousas antes de chegar ao Cole de Cea. Coñecíao polos manuais de texto dos rapaces da ESO, tiña lido algún artigo del, así como algúns treitos de Said e Shelila. Soábame a súa fama de escritor premiado e a especial sona de autor infanto-xuvenil, a súa prolífica profusión como autor de máis de 50 títulos de xéneros e subxéneros variados (narrador, poeta, ensaísta, profesor de bioloxía, activista cultural e columnista). Evidentemente, moitas destas cuestións foron ampliadas ao porme a indagar sobre el, pois ao chegar aquí, en setembro de 2016, descubrín a súa procedencia local.

Isto serviu para actualizar datos, ler e propor lecturas, preguntar e reflexionarmos todos cantos aquí estamos sobre a vontade de cumprir o afamado dito “é de ben nacidos ser agradecidos”, porque na vida, débense cumprir as vontades que se acreditan xustas.

E aquí nos atopamos para presentarmos a algúen que ten dito que “botou a infancia nunha aldea na que naceu hai 60 anos, nun microcosmos no que todo había, regulado polo ciclo invariable que marcan as estacións. Un mundo que lle desapareceu de súpeto.”

Ramón Caride Ogando é unha persoa na que se axuntan o gusto polas artes literarias, musicais, cinematográficas, plásticas e daí acéndese un autor lexíbel e intelixíbel, froito abofé da súa profesión docente. É insistente, completo, diverso, criado no rural ao que retorna sempre, recorrentemente, desde a súa perspectiva globalmente solidaria e sa. Foi un neno do lugar de Pulledo, na parroquia de Pedreda, que non estudou neste grupo escolar por cuestións cronolóxicas, o cal, xa de pícaro, soñaba electricamente, desexaba ser astronauta e supoño eu que viaxaría polos povos  do planeta Terra e outros mundos exteriores, e á fin, segue nesa singradura sideral na que viaxa el e nos fai viaxar a nós.

El dise lector de literatura fantástica, e define gran parte do que escribe como fantasía con fundamentos científicos, máis que ciencia-ficción. Coida que quizais estes libros sexan os preferidos das miúdas e miúdos porque estes teñen imaxinación, porque eles queren explorar.

Os seus inicios na literatura son de intencións, vontade de creación lírica de mocidade encravada na paisaxe da verde chuvia, a Cea das panandeiras, os lugares de orixe queren ser todo quanto há no mundo.  Unha poesía aberta á vida, ao mundo, expesou o poeta nacional Manuel María, de aprendizaxe que acaba por queimar no  cerne das labaradas.

En toda persoa de proveito, o percurso do tempo debe significar unha evolución, un avance á frente, unha comprobación experimental, que orienta a Ramón Caride á narrativa, aos relatos escuros, negros dun tempo fendido e incerto. 1992 será o ano do premio Blanco Amor con Soños eléctricos, grande novela de ficción cietífica, o seu pulo, recoñecemento, o que lle abre un horizonte aínda infinito, para encetar a pentaloxía das aventuras de Said e Sheila, que inicia con Perigo vexetal (premio Merlín), e logo Ameaza na Antártida, A negrura do mar, o futuro roubado, até finalizar co Camiño da estadea, que non deixa de ser unha antítese espectral dunha realidade tan palmaria como certa ao consolidar brillantemente unha saga literaria fantástica na nosa terra.

Cea, Oseira, Galiza, o compromiso coa lingua a lume son marcos, contextos e pretextos para falármonos ficcionalmente ou con verdades coma mosteiros, a lume frío azul, da terra queimada real, do rural que esmorece e se abandona en diáspora perpetua. O lume, os camiños, a noite, percorren a sangue o apaixonado proceso de escritura de Caride, que amais tamén mostra o creador preocupado polo actual, como afirmou Vázquez Pintor no prólogo de Sarou/Louzós ”Crónica de sucesos a pé de obra...retratos urxentes de xornalismo que se instala na retina...”

Torna á poesía, máis chegada, con amor, erotismo, xeografías do sal, do placer, do sufrimento humano. Para el cada libro de poemas é froito dun fogonazo. Segue a viaxar, unha viaxe poliédrica, entre a palabra e o retorno, paisaxes internas e alleas, recollidas en As Máscaras de Cronos. Caride dispara directo agora: “a esencia da poesía é o misterio,...a poesía non se explica / revélase / ou non é tal.”

Admira a escrita de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, a Neira Vilas e      A Esmorga de Blanco Amor, influencia que talvez o levase a ser escritor na nosa única lingua propia. E unha recua de plumas internacionais conforman a bagaxe dun ávido lector que se sente afortunado “cando mozas e mozos, eses que len sen prexuízos, gozo, lectores verdadeiramente agradecidos que non están á espreita da fama do autor, lle comentan que unha novela del lles abriu os ollos a novos camiños”. Outravolta os ollos que axexan o tripar dos camiños andados e por andar...Devolve publicamente  a súa gratitude por ter percorrido Galiza e mesmo ter estado no exterior, terse trasladado por centos de quilómetros, conversado con miles de rapazas e rapaces, por colexios e institutos.

Lingua, natureza, ecoloxía, solidariedade, pacifismo, democracia, igualdade, ciencia, país. Exogamia de letras, conviccións e argumentos para unha literatura galega que até os anos 90 tiña estas eivas temáticas e Ramón Caride irrompe coa asunción de todas elas e atinxe a conexión con lectoras e lectores, galegas e galegos, en galego.

Hoxe medran na nosa Biblioteca follas cintilantes, ledas, ceibas e prácidas, en libros inzados de letras con novos relatos que ler para logo contar, a rentes dos amparados Xeranios do Señor Alfonso, ao pé da Sobreira que o destino quixo que plantásemos para representala 50 anos máis.

Obrigados Ramón Caride, grazas por, como che teño lido, “Amar os libros, lelos e facelos”. Ninguén mellor para pór nome á Biblioteca.

26 de Xaneiro de 2018

Matías Rodríguez da Torre.
Foi profesor de Lingua no Cole de Cea

Información Matrícula Curso 2017/2018

Calendario que se establece para o proceso de admisión do alumnado no curso 2017/2018:

· Reserva de praza para un centro adscrito 1 ao 15 de febreiro.

· Publicación de postos escolares vacantes, antes do 1 de marzo.

· Solicitude de Admisión do 1 ao 20 de marzo.

· Presentación de documentación acreditativa dos criterios de baremo do 22 de marzo ao 5 de abril.

· Publicación de listaxes provisionais de admitidos e non admitidos antes do 25 de abril.

· Publicación de listaxes definitivas de admitidos e non admitidos antes do 15 de maio.

· Formalización de matrícula en Infantil e Primaria do 20 ao 30 de xuño

· Formalización da matricula en ESO e Bacharelato do 25 de xuño ao 10 de xullo

· Prazo extraordinario de formalización de matrícula en ESO e Bacharelato do 1 ao 10 de setembro.

 Información Importante

 1. Os Anexos I (reserva de praza nun centro adscrito) e Anexo II (solictude de admisión) poderánse presentar a través da aplicación informática “admisionalumnado” (https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado)

2. Os alumnos que xa están matriculados neste Centro teñen, automaticamente, a reserva feita para o próximo curso 2017/2018.

3. No caso de solicitar a admisión noutro Centro para o próximo curso, deberá facer a solicitude de admisión en dito Centro no prazo establecido a tal efecto e presentar unha copia de dita solicitude nesta Secretaría.

4. Cada alumno/a só pode presentar una única solicitude no centro no que solicite praza en primeiro lugar.

5. O alumnado ten garantía de permanencia nun centro, e se presenta solicitude noutro distinto ao que está, debe comunicalo ao centro de orixe.

6. O alumnado que ten reservada praza nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro, deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de solicitude de admisión.

7. O Prazo de presentación de solicitude de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

 

8. Despois do prazo de admisión publicaranse as distintas listas de admitidos/as, número de prazas ofertadas e datas para a formalización de matrícula, así como calquera outra información necesaria.

 

Decreto 254/2012, do 13 de decembro: Admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos (DOG)

Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado (DOG)

 

Orde do 25 de xaneiro de 2017 pola que se modifica a Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos...

Os Xeranios do Señor Alfonso

Os Xeranios do Señor Alfonso.

Unha curta moi curta sobre a comprensión, os coidados e o cariño. Co telón de fondo do despoboamento do rural. Dúas xeracións que se atopan, dous mundos que se xuntan e que non se esquecerán xamais. Producida por O Cole de Cea e gañadora do 1º premio #OUFFescola no Ourense International Film Festival - OUFF Deseño e realización dos bonecos: Carlota Álvarez. Animación e decorados: Álex Pico e Carlota Álvarez. Animadores secundarios e decorados: Alejandro Fernández, Raúl Gallego, Alicia Nogueira e Nieves Calviño. Animación Adicional: Susana Freire e Valentín Castellano Atrezzo adicional: Patricia Fernández Axudantes: Adrián González, Gabriel Teixeira, Gabriel Iglesias e Xiana Vázquez. Voces: Marco - Álex Pico Señor Alfonso - Jose Ramón Rodríguez Nai - Nieves Calviño Música: Cuarteto para piano de Robert Schumann. Interpretado por Musicians from Marlboro. Música Trailer: Antonio Saco Agradecemento especial aos nosos amigos Iván e Marcos. Guión: Álex Pico, Carlota Álvarez, Nieves Calviño e Paula V. Carral. Corrección de guión: Paquita Manso Dirección e montaxe: Dávid González Gómez

 

Making off: Os Xeranios do Señor Alfonso.

Na casa de Rosalía

Visitando A Matanza, casa de Rosalía de Castro e o Castro de Baroña na excursión de fin de curso do Clube de Lectura do Cole de Cea.

Visita aquí a galería.

Distribuir contido


by Dr. Radut