O alumnado da ESO do CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero tivo a oportunidade de descubrir un dos lugares máis importantes a nivel mundial en canto a estudos de evolución humana se refire.
No Centro de Arqueoloxía Experimental (CAREX), descubrimos como se fabricaron as primeiras ferramentas empregadas polos primeiros homínidos que habitaron a serra de Atapuerca, como poden ser os recoñecibles bifaces.
Despois de saír do CAREX, coñecemos de primeira man os impresionantes xacementos de Atapuerca de Sima del Elefante, Complejo Galería e Gran Dolina. Nestes xacementos, xunto coa famosa Sima de los Huesos, foron descubertos os restos máis antigos de homínidos atopados, ata o de agora, no continente Europeo: restos dunha especie aínda descoñecida do xénero Homo, cunha antigüidade de 1.300.000 anos. Nestes xacementos tamén se atopou, e describiu, unha nova especie de homínido, o Homo antecessor (850.000 anos), xunto con restos doutras 3 especies máis: Homo heidelbergensis ou preneandertal (500.000 anos), Homo neanderthalensis (50.000 anos) e Homo sapiens. Ademais tamén se atoparon abundantes restos de industria lítica, xunto a restos de fauna do Pleistoceno: mamuts (Mammuthus sp.), rinocerontes laúdos (Coelodonta antiquitatis), megaloceros (Megaloceros giganteus), uros (Bos primigenius), tigres dientes de sable (Homotherium latidens), osos (Ursus deningeri), e un largo etcétera.
De volta á cidade de Burgos, descubrimos a espectacular catedral de Burgos, primeira catedral gótica da Península Ibérica. Aquí descubrimos algún dos segredos agochados neste fermoso templo, como o famoso Papamoscas, autómata do século XVIII e, por suposto, o sepulcro actual dos restos de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid Campeador. Á saída da catedral, visitamos algúns dos puntos de maior interese do casco histórico de Burgos, como o Arco de Santa María, porta medieval da antiga muralla de Burgos que alberga actualmente unha sala de exposicións, o Paseo do Espolón, a estatua do Cid Campeador ou a Ponte de San Pablo, custodiada polas impoñentes esculturas dos familiares do Cid Campeador.
Ó día seguintes puidemos realizar un auténtico safari polas faunas do Paleolítico xunto ás guías de Paleolítico Vivo. Este espazo natural ofrece a oportunidade de achegarnos ás faunas paleolíticas, pois aquí podemos atopar especies moi primitivas de cabalos salvaxes como son o cabalo Tarpán (Equus ferus ferus) ou o cabalo Przewalskii (Equs ferus przewalskii), o bisonte europeo (Bison bonasus), ou os uros, especie extinta no século XVII.
Os uros son realmente unha especie obtida a partir de cruces de exemplares seleccionados de razas de bóvidos actuais, na procura das características ancestrais dos uros salvaxes prehistóricos (Bos primigenius). O resultado son estes uros que podemos descubrir no recinto de Paleolítico Vivo, que teñen as características dos uros prehistóricos, a diferenza do seu tamaño, pois estes serían notablemente máis pequenos que os orixinais.
Á saída de Paleolítico Vivo, introducímonos nas profundidades da terra, para descubrir as galerías subterráneas da Mina Esperanza, onde se explotaron minerais de ferro, principalmente a hematita (óxido de ferro) e a limonita (hidróxido de ferro). Aquí puidemos descubrir como era a vida dos mineiros que traballaron nesta mina dende 1908 ata 1973.
O broche de ouro desta viaxe foi a visita ó Museo da Evolución Humana (MEH), onde puidemos contemplar algúns dos restos fósiles máis incríbeis procedentes dos xacementos de Atapuerca, e outras rexións do mundo.
A visita a este museo, que expón fósiles orixinais, permite facer un percorrido ao longo da historia da evolución humana, descubrindo incríbeis restos como poden ser o famoso bifaz Excálibur, un enigmático bifaz vermello atopado na Sima de los Huesos, ou o mundialmente coñecido Cranio nº 5, máis coñecido como Miguelón, cranio de Homo heidelbergensis ou preneandertal en excepcional estado de conservación descuberto no ano 1992. O excepcional estado de conservación permitiu descubrir que o individuo ao que pertencen estes restos foi coidado durante varios meses polos seu conxéneres e que faleceu por unha infección de dentes, relacionada cun forte golpe que recibiu no lado esquerdo. O nome de Miguelón, é unha homenaxe ao ciclista Miguel Induráin, que nese verán de 1992 conseguía o seu segundo Tour de Francia consecutivo.