Skip to Content

Ambientes outubro

 

 

Benvidos/as un curso máis ao blog de infantil!

Desde que comezou o curso demos a benvida a novos compañeiros e compañeiras de 3 anos e aprendimos a relacionarnos todos xuntos!as :)

Estamos completamente adaptados ás novas rutinas!!

 

En Outubro comezamos o traballo por ambientes, que tanto nos gusta

No ambiente de mates, lecto e ciencias este mes traballamos de xeito manipulativo a chegada do outono.

Na badexa sensorial xogamos a facer trasvases con lentellas e pasta de dinosaurio. Na zona científica puidemos observar coas lupas os elementos de outono e da natureza, pesalos, crear libremente e manipular para apreciar todas as súas formas e texturas.

Tamén puidemos crear na zona de lectoescritura os trazos na badexa de area, na mesa de luz ou crear os nomes dos dinosaurios con letras móbiles.

Na zona de lóxica contamos animáis, castañas, creamos figuras co Tangram e construimos cos policubos.

 

No ambiente de luces e sombras demos comezo o curso xogando con numerosos recursos.

Contamos co retroproxector e elementos do outono para plasmar na parede, tamén unha mesa de luz chea de café, landras, cucharas, pinceis, pinzas… coas que realizar diferentes manipulacións.

No espazo da luz negra contamos con materiais e xogos de construción especiais que brillan na escuridade e por último non podían faltar as cabanas que tanto nos gustan con xogos para buscar e adiviñar palabras e elementos do outono coa axuda das lanternas. Sen dúbida non nos aburrimos nadiña!

No ambiente de xogo simbólico e construcións, xa que nos atopamos no outono, estivemos a experimentar con dous minimundos ambientados nesta época, formados con herba, madeira, cogomelos, piñas e variedade de animais. Por outra banda, na zona de construción, creamos moitas edificacións ficticias con material de refugallo, como: tubos, anacos de madeira, pedras, cortizas… e logo empregamos outros recursos como: os policubos, pezas de madeira e plástico…Para rematar, na zona de xogo simbólico, non podía faltar o xogo na cociña, os bonecos, os coches e moitos disfraces, deixando renda solta a nosa imaxinación!

 

E rematando, no ambiente sensorial e artístico organizamos diferentes propostas vinculadas en gran parte coa estación do outono. Contamos cun espazo de pezas soltas (corchos, anacos de madeira, depresores de diferentes tamaños e grosores, chapas, pedras, piñas…) no que probar e experimentar coas diferentes posibilidades destes materiais. Tamén dispoñemos dunha zona na que poder pintar coas cores do outono e follas variadas que poder estampar; así como outro espazo destinado a construir coa axuda de arxila, paus, landras, noces e castañas. Xa fóra da aula empregamos a tuff-tray para experimentar cos sentidos, realizar trasvases, empregar os coladores e, en definitiva, para espertar a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas.

 


 

Ata a próxima, un saúdo!

 

 



page | by Dr. Radut