Skip to Content

MARCHA POLA EDUCACIÓN EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

 

 
 

 

 
    Tal como enfatiza o lema da Campaña Mundial pola Educación 2018, “A educación é o camiño cara a paz”. Despois do intenso traballo realizado nas aulas durante este curso académico chegou ao hora de visibilizar as nosas aprendizaxes a través dunha acción de incidencia política que tivo lugar o pasado xoves día 3 de maio de 2018 en Santiago de Compostela. Tras un acto oficial no auditorio ABANCA no que os alumnos e alumnas dos centros galegos participantes na CME amosaron o seu traballo, a mocidade lanzouse as rúas portando pancartas e cantando as súas consignas en dirección á praza da Quintana, onde foron recibidos por varios políticos: o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, Don José Manuel Pinal; a Subdirectora Xeral de Cooperación Exterior, Dona Pilar Romero; a Concelleira santiaguesa de Políticas Sociais, Diversidade e Cooperación, Dona Concepción Fernández e o Concelleiro santiagués de Educación, Cidadanía e Dereitos Humanos, Don Manuel Dios. 
 
    Ainhoa (3º da ESO) e Diego (4º ESO) foron os encargados de ler o Manifesto da Campaña Mundial pola Educación 2018 e posteriormente Sergio Torrado (4º ESO) formulou unha petición aos políticos solicitando o seu compromiso coa escola rural: Nós somos rapaces e rapazas de Monfero, unha pequena aldea do interior da provincia da Coruña. Estamos moi contentos de poder estar aquí representando a todos os mozos e mozas do rural. Sentímonos orgullosos da nosa escola, da nosa aldea, da nosa forma de vida e das nosas costumes. Queremos que os nosos fillos e fillas estuden no CPI Virxe da Cela, igual que o facemos nós e o fixeron os nosos país e nais. Pero sabemos que si os políticos non se toman moi en serio unha intervención no rural para conservalo y adaptalo aos novos tempos, a nosa escola acabará sendo un edificio abandonado, e cando veñamos da cidade a visitar aos nosos maiores, estará baleira igual que as casas e os campos… 
 
    Esperamos que as nosas palabras reivindicando unha educación universal, de calidade e inclusiva deixaran a súa pegada nas conciencias dos nosos políticos e que no futuro presenciemos avances e cambios, que os nosos esforzos teñan a súa recompensa.

 



page | by Dr. Radut