CHARLA DOS RAPACES E RAPAZAS MAIORES SOBRE INCENDIOS PARA A CLASE DE 1º, 2º E 3º DE PRIMARIA

Os rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º tiveron hoxe uns profes moi especiais, os compañeiros de 4º, 5º e 6º de Primaria que explicaron os resultados das enquisas que elaboraron e aplicaron para coñecer as crenzas na zona sobre as causas dos incendios, que sobre todo serían descoidos, queimas de gandeiros/as, pirómanos e causas naturais. Así como as medidas que consideran que se deberían tomar para erradicar os lumes, que serían por orde limpar o monte, educación, maior vixianza, plans forestais e denunciar a quen planta lume.

Despois Rubén falounos do impacto paisaxístico, no ciclo da natureza, no efecto invernadoiro, na auga, etc. Martín explicounos as consecuencias sobre o solo e as súas diferentes capas, especialmente cando se repiten, unha ou varias veces. Nun primeiro momento só afecta á capa superficial pero, cando detrás dos incendios chegan as chuvias que arrastran a terra desprotexida tras o incendio, en sucesivos incendios queda afectado o mantillo e posteriormente chegamos ás capas rochosas.

Carla, de 1º de ESO, explicounos os medios que se empregan para a extinción de incendios: helicópteros, hidroavións, os bombeiros equipados cos seus traxes protectores, batelumes para os lumes no solo e mangueiras dos seus camións-cisterna. Carla tamén nos explicou medidas de prevención: limpeza de montes, non deixar lixo (especialmente vidro), extremar o coidado coas cabichas dos cigarros, etc. e o que debemos facer se detectamos un incendio, recalcando a importancia de chamar o máis rápido posible ao 112. 

No laboratorio Rubén e Martín de 4º de ESO fixéronnos a demostración da repercusión dos sucesivos incendios sobre un terreo, que como xa nos explicaran na clase provoca que no solo desprotexid,o ante a chegada de chuvias, se arrastre a capa superior ata que so quedan as rochas, mentras que nunza zona con vexetación a terra non é arrastrada e o solo absorve a auga da chuvia.
Con tanta información recibida, os rapaces e rapazas de 1º, 2º e 3º puxemos mans á obra co noso mural ao que engadimos en pequenos lumes as consecuencias que podían ter os incendios sobre os diferentes elementos da zona queimada: desaparición de especies, perda de alimentos para os animais e de materias primas, perda de vivendas, contaminación da auga e do aire, etc.