Foi mal o primeiro trimestre? Como redirixir o curso para acabalo ben
Foi mal o primeiro trimestre? Como redirixir o curso para acabalo ben
Todos os pais e nais sabemos que a finais do primeiro trimestre de colexio os nenos e nenas atópanse xa esgotados e moi excitados coa chegada do Nadal. A finais de ano o feito de madrugar a cotío, as clases obrigatorias e as actividades extraescolares empezan a pesar sobre eles, e notamos que necesitan unha paréntese.
As celebracións propias de decembro e o feito de saber que as vacacións están xa ao virar a esquina adoitan acrecentar esas ganas de terminar a primeira etapa do curso. Por iso, ás veces, as probas de final de trimestre resultan complicadas pola propia excitación e preparativos das festas e, ao final, os resultados poden non ser os esperados.
Tras o primeiro trimestre, cando os nenos e nenas non alcanzaron os resultados desexados, os pais buscan asesoramento. Adoitan preocuparse, non saben que facer cando os seus fillos/as empezaron regular o curso... en definitiva, queren saber como poden canalizalo.
Como favorecer o ambiente familiar
O primeiro que debemos saber é que o ambiente educativo familiar é fundamental á hora da adaptación do fillo/a ao colexio; quizá esta adaptación aínda non logrou producirse por completo. Como colaborar para iso? Seguiremos unhas sinxelas regras:
- Coñecer ben ao noso/a fillo/a e o momento evolutivo no que se atopa. É necesario que os pais e nais teñan en conta as súas actitudes e o seu carácter, poida que estea a atravesar unha etapa de cambios e cústelle concentrarse.
- Tamén é importante estar atentos a súa contorna: Colexio, deportes e actividades que determinan os seus núcleos de amigos.
- En casa é determinante que aprenda as súas responsabilidades e compromisos previamente definidos dentro da familia.
- O éxito escolar é o resultado dun todo que forma parte dun clima familiar que contribúe a formar a responsabilidade do neno e o seu desexo de superarse.
Motivación e orde no estudo. Como axudar dende a casa?
- Facilitarlles un lugar adecuado para "estudar", se é posible sempre o mesmo, que favoreza a atención e evite o descoido (debe estar recolleito e ordenado).
- Axudarlles a definir o traballo que teñen que facer sen deixalo en mans do capricho ou da improvisación
- Pensar con eles como poden realizalo.
- Comprobar o resultado e se non vale, repetir de novo.
- Evitar as interrupcións de irmáns, amigos ou producidas por chamadas telefónicas frecuentes.
- Seguir moi de preto os progresos e dificultades escolares e axudarlles dentro das nosas posibilidades. Se a pesar de todas estas recomendacións as cousas non marchan ben, debemos buscar axuda. Empezaremos no mesmo colexio e se nel non poden resolvelo consultar cun psicopedagogo ou psicólogo ata chegar ao fondo do problema e poñer os medios adecuados para resolvelo. Non é conveniente rexeitar a realidade e racionalizala pensando que xa mellorará porque neste problema o tempo perdido resulta decisivo.
Fonte: Orienta Galicia