Etapa Camiño de Santiago: Melide - Salceda

Non levo xa nin a conta das etapas que levamos neste Camiño de Santiago. Coma fixemos a de Palas a Melide cos italianos e portugueses que viñeron no Erasmus, e logo aínda andamos un pouco máis con eles ata Santiago, embarúllaseme todo nos miolos e xa non sei nin en que día estou.

Coma ten que ser, hoxe chegamos ó colexio ben en puntiño, a iso das nove e corenta e cinco minutos. E nada máis chegar, decateime que esquecera na casa a autorización… QUE DESASTRE!! Empezamos ben o día, si ho.

E aínda foi mellor cando iamos ó comedor recoller os bocadillos: estaba pechado. Cando llo dixemos a Javi, non daba creto; medio botou as mans a cabeza. Logo púxose a pensar e despois de lle dar un pouco á cachola, Javi decatouse de que esquecera o pequeno detalle de avisar a María Xosé de que tiñamos hoxe etapa. Que home! Menos mal que quen o coñeza ben, sabe que ten solucións para todo. E o que se lle ocorreu foi invitarnos a un bocadillo en Arzúa, cousa que nos alegrou bastante.

En fin, subamos ó bus que marchamos de viaxe. Papamos preto de dúas horas no bus para chegar a Melide, así que baixamos con ganas, porque os ósos estaban a se adormecer.

Desta volta non fomos moitos: Carla, Uxía, eu, Jesús, David, Julián, Leti, e por suposto, os dous de sempre: Javi e Marisa. E coma sempre, comezamos andar cando eran as once e media ou un pouquiño máis.

Carla e máis eu descorremos por varias veces o xogo de lles cambiar o sentido as palabras, co que fixemos o traxecto e a hora da comida moito máis entretidas. Por exemplo, unha gominola pasou a ser unha “monoguila”, unha vaca unha “cava”, e así… Mentres tanto, a pobre Laura estana na súa cama vendo Netflix porque collera unha catarreira de medo o día que foramos medir igrexas.

Xa chegada a hora do xantar, Carla queríase tirar nun contenedor costa abaixo para chegar antes. Un pouco máis adiante selamos e tomamos algo, e tamén collemos unhas flores brancas, moi bonitas e moi sinxelas. Javi debía telas aborrecidas, porque non le fixeron moita graza. E de seguido atopamos un posto de comida para peregrinos. A verdade, era un pouco careiro. Aínda así, Javi mercou dúas mandarinas. Sesenta céntimos, que lle costou cada unha. Eu levaba de boa gana unhas gominolas, pero o prezo botaba para atrás: tres “monoguilas”, un euro. Ven sendo como o chiste do 2x1: “pagas dos y te llevas una”. Interesante.

Continúo. Con gana de comer andamos por Arzúa adiante na procura dun establecemento axeitado. Que se para arriba, que se para abaixo, que para a dereita… Ó cabo demos cun bar que servía bocadillos, e alí comemos. A verdade, que teño que dicir que de todas as etapas do Camiño, este xantar foi o que máis me prestou.

E todo ía ben. Xa era pola tarde. E de súpeto comezou a me mancar unha costela. Tiven que reclamar a axuda de Marisa e o apoio moral de Javi. E así puiden ir tirando e chegar ata Salceda sen que me dese de conta.

E alá vai outra fora!