Etapa Camiño de Santiago: Portomarín - Palas de Rei

Outro día, outra etapa no camiño.

Coma sempre, todos reunidos no cole. Nós, os compañeiros, fomos recoller os bocadillos que nos preparara María Xosé para renovar enerxías cando chegasen as dúas en punto da tarde.

No autobús fixemos o percorrido de recollida… De recollida de profesores, cadaquén no seu punto de saída, como nas casiñas do parchís: uns estaban xa en Pedrafita, outros en Becerreá, e a maioría en Lugo.

Cando chegamos a Portomarín xa tiñamos boa gana de nos por en pé, logo de unha hora e pico de viaxe. Selamos a saída no primeiro bar que vemos, coma sempre, e Leti, Marisa e Gemma viñeron tamén connosco, aínda que con diferente obxectivo, unha cousa máis rica e máis quente: o café das once e media. Vese que estas tres non poden comezar o Camiño se non se encafetan antes.

Había unha néboa… Ó primeiro, ata me colleu o frío nas orellas. Era coma se entrase polas costelas e se apertase a ti con todo o agarimo do mundo… Do mundo conxelado, claro.

Aínda que co tempo o sol comezou a quecer, levaba tal frío enriba que lle tiven que pedir uns calcetíns a Laura. Non para os pés, non: para as mans, para que me servisen de manoplas! Que risas nos botamos! Ata fixemos un miniteatro de Epi e Blas ou Zipi e Zape. En fin…

Chegaron as dúas. Deveciamos por tomar os nosos bocadillos. E moitas voltas nos fixeron dar os profesores… Todo era dicir: un pouco máis, un puco máis… Ó final comemos no medio de ningunha parte, entre unha estrada e un piñeiral.

Pero aínda que ben comidos, aínda faltaba un algo que botabamos de menos. Era ese momentiño de parar nun bar para tomar algo. Coma din Marisa e Leti, a miña famosa Coca Cola. E soamente ó final, moi ó final, atopamos con moito gusto o bar. Fixérase de rogar.

Podemos salientar o desencontro desmemoriado entre Javi e a súa pucha. E que esta etapa non me foi coma a anterior. Foi moito peor, con puntos nas costelas e dor na planta dos pés. E así, uns mellor que outros, chegamos ó remate do día diante da igrexa de Palas de Rei. Porque, queiras que non queiras, alá vai outra.