QUINTA ETAPA: SARRIA - PORTOMARÍN

  O día 24 de xaneiro de 2022 fixemos a nosa cuarta etapa do Camiño de Santiago: Sarria – Portoma-rín. Chegamos ó cole, collemos os bocadillos de cadaquén, e fomos recorrendo polo camiño os profes que faltaban. Entre pitos e frautas rematamos por chegar a Sarria ás once e media, despois dunha viaxe chea de vistas bonitas.

 Realmente, cando baixamos do bus, ía un chisco de frío e había unha xeada realmente interesante.

 Comezamos a andar. Non levabamos nin dez minutos de camiño, cando Marisa comezou a recitar o seu retrouso favorito: “Fotos, fotos, fotos! Sacade fotos e fotos!” E como se fose a resposta ó seu ensalmo, apareceu ante nós un castiñeiro dunhas dimensións descomunais, un becho que debía ter uns cen anos de idade e que semellaba querer obstaculizar o noso avance.

 Un pouco máis adiante coñecemos uns cabalos que ollaban un pouco abraiados o noso paso. Sico e Nuria déronlles de comer unhas poucas herbas e conseguiron así que os animais quedasen contentos coa nosa visita. E por animais non era: cruzámonos con gatos, ovellas, vacas, vacas cachenas, cans, e outros cuadrúpedos. Uns máis agresivos que outros.

 Achegábase a hora de xantar, e Laura e máis eu andabamos co becho da fame a nos rondar intensamente. Para distraernos un pouco Laura inventou unha canción que eu recitei da mellor maneira posíbel. Dicía así:

 Javi e Marisa non nos deixan parar

 Porque din que é moi cedo para xantar.

 Conseguido o noso obxectivo -repoñer forzas-, andamos moito mellor. Non negamos que os bombóns que repartiu Jesús co gallo de seu aniversario foron un estupendo complemento. E por enriba, ó puco paramos nun bar a beber. E foi entón cando na miña vida apareceu a Coca-Cola.

 Pois si. Para beber pedín no bar unha Coca-Cola. E debía ter gas da risa. E fíxome un efecto inmediato. Conclusión: non houbo que nos aturase… Diante de nós ían Marisa e Leti, e ó meu ver, alucinaron moito pero moito comigo e con Laura, polas peripecias que se nos viñan á man. Tanto é así que fixemos unha canción nova. Non é rimase moito, pero…

 Leti e Marisa nos afastan de si

 Porque facemos parvadas sen fin.

 Todo semellaba máis bonito que nunca. No que se refire a prado, herba e paisaxe, que podo dicir? Soamente se me veñen ó maxín as palabras que dixo daquela David: “A herba é hermosa, hermosa, e a paisaxe é hermosísima!”

 E tanto que andamos, que CHEGAMOS. Obxectivo conseguido. Estamos en Portomarín. E xa chegados, e aínda agardando por Manolo, nos apareceron unhas tremendas ganas dun refrixerio. Iso si, despois de que Javi -coma sempre- contase algo -ou moito- da historia de igrexa de San Xoán, como a data de fundacións, a decoración interior e exterior… E moitas máis curiosidades. E ademais, cando fas unha etapa, é estupendo chegar sen chagas nas patas.

 Sofía Carrete