CUARTA ETAPA: TRIACASTELA - SARRIA

O pasado 20 de decembro de 2021, a piques de rematar o anoe o primeiro trimestre, fixemos a nosa terceira etapa do Camiño de Santiago: o tramo Triacastela – Sarria, vía San Xil. Foi unha andaina agradable porque hai moito verde co que encher  a vista.

Iniciamos o percurso aí polas once, porque entre chegar, xuntar a xente, coller o xantar e agardar por algún que outro profesor que chegaba tarde, non houbo xeito de estar listos antes. Logo de chegar a Triacastela, fomos ver a igrexa parroquial de Santiago. É unha igrexa relativamente grande e ten unha torre moi impresionante, cos tres castelos que dan nome á poboación gravados no seu corpo. E coma tantas veces, o adro está cheo de sepulturas e lápidas con inscricións.

Esquecéusenos carimbar ó comezo da etapa. Nunca o fixeramos: non houbo xeito de volver atopar un lugar onde poñer o selo. Non había establecementos que fixesen isto posíbel ata que practicamente chegamos a Sarria.

Houbo algunhas costas, sobre todo ó principio, pero nada comparábel o que temos xa feito en etapas anteriores. Iso si, mollamos un pouco os pés. Os pobos eran pequenos e hai turistas e mesmos peregrinos que se laian do cheiro, pero… Que se lle vai facer! Hai que se adaptar ó medio!

Nun dos pobos chegamos a unha casiña coas portas abertas, con certo aire a terra de hippies. Ofrecían comida de diferentes tipos a cambio dunhas moedas. Nesta casa todo estaba ornado con cunchas de vieira, como corresponde a un lugar de paso de peregrinos. E eu sei dalgunha compañeira -non digo quen-, que pensou que non facía nada malo se tomaba emprestada unha para si. Máis adiante vimos tamén outra casa peculiar, na que se vía un labirinto feito na eira a base de pedriñas.

Para calmar o becho da fame, que xa nos empezaba a amolar, cantamos todo o repertorio do concurso de Nadal. Din que quen canta, os seus males espanta, e nese momento, o noso mal máis sobranceiro era a fame que tiñamos. Un parente de Laura que ía en coche e parou para nos falar fixo que a sensación de molestia aumentase nos nosos estómagos cando nos dixo que ía á feira a Sarria para tomar unha tapiña de polbo na feira. En fin. E nós de bocata.

Rematamos por xantar nun piñeiral. Gustounos moito o sitio. Estabamos ben resgardados do frío e cun bo colchón de batume que fixo a comida máis entrañábel e cómoda. Non digo que baixo o toldo dunha pulpeira non se estea mellor, pero hai que valorar as cousas que se consiguen sen andar a ensarillarse en soños imposíbeis.

O día semellaba querer pingar un pouco, pero chegamos a Sarria sen nos mollar. Tomamos un refresco, conseguimos o noso carimbo e pasamos a tarde polo pobo, visitando os seus monumentos e a estatua de Afonso IX. O home, sentado no seu trono de pedra de gran, semellaba tristeiro. Pode ser que non estea satisfeito de que o teñan esculpido tan feo. Demos voltas e voltas ata que Manolo chegou co bus para recollernos e levarnos de volta para casa.

Sofía Carrete