Skip to Content

Novas

A Xunta amplía a oferta de FP en todas as familias profesionais e en todas as áreas territoriais, con 1.799 grupos de clase que funcionarán o vindeiro curso

Novas eduxunta - Mér, 2024-06-05 13:36

Summary: 

Román Rodríguez presenta unha oferta “ampla, variada e de calidade” con 46.714 prazas de novo ingreso froito do diálogo co sistema socioeconómico

As prazas medran en 24 das 25 familias profesionais que se poden cursar en Galicia, con incrementos que superan o 20% en catro delas e o 10% noutras 11

As familias de Informática e comunicacións, Hostalaría e turismo e Comercio e márketing suman máis 400 prazas de crecemento con respecto ao actual curso

O titular de Educación asegura que “todo aquel que o desexe, pode atopar un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades de cada persoa”

Idioma Gallego

A Xunta amplía a Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia na práctica totalidade das familias profesionais así como en todas as áreas territoriais, o que blinda una oferta “ampla, variada e de calidade” cun total de 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas “en base ao diálogo entre a comunidade educativa os sectores socioeconómicos”.

 

Así o salientou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a presentación da oferta formativa para o curso 2024-25 por comarcas e especialidades, nun acto celebrado no Centro Integrado de FP, CIFP Compostela, en Santiago, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

 

O titular de Educación subliñou que con esta “cifra récord”, que medra nun 11% con respecto ao actual curso e que supón a conformación de 1.799 grupos de clase, búscase “que todo aquel que o desexe, atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”.

 

Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.

 

Segundo Román Rodríguez, esta oferta reforzada contribuirá a “blindar a igualdade de oportunidades como sinal de identidade” do sistema educativo galego do cal forma parte a Formación Profesional.

 

Familias profesionais e territorios

No que atinxe ás familias profesionais, as prazas increméntanse en 24 das 25 que existen en Galicia, das cales catro delas medran por riba do 20% e outras 11 delas fano por riba do 10%. Como exemplo deste crecemento cómpre destacar a familia de Industrias extractivas (+46,67%), Edificación e Obra civil (+29,27%), Instalación e mantemento (+22,50%) e Seguridade e medio ambiente (+20,75%).

 

Se atendemos ás cifras absolutas, hai dez familias profesionais que incrementan o seu número en máis de 200 prazas con respecto a este ano. Entre elas destacan as familias Informática e comunicacións (que suman 534 prazas máis sobre as xa existentes), Hostalaría e turismo (483 máis) e Comercio e márketing (442 máis).

 

Impulso do rural

Se atendemos aos datos territorializados, a oferta medra en todas as áreas de Galicia, consolidándose a tendencia á alza nas zonas metropolitanas maiormente poboadas, con Vigo á cabeza, que aglutina o 22% da oferta total da comunidade autónoma, e a área da Coruña que aumenta as prazas nun 12,74% ata acadar as case 9.500.

 

Non obstante, faise fincapé no reforzo da oferta nas áreas rurais onde, en palabras de Román Rodríguez, “a FP actúa como vector de desenvolvemento, axuda a fixar poboación, a crear postos de traballo, a crear riqueza e a facer país”. Non en balde, o vindeiro curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, o que representa un 11,5% máis (789 prazas máis) ca no actual curso e máis que nunca.

 

Entre eles cómpre destacar títulos como Produción agroecolóxica (Arzúa e Ribadeo), Soldadura e caldereiría (Cee, A Pontenova e As Pontes), Química e saúde ambiental (Burela) ou Deseño e amoblamento (A Estrada e Melide), entre un amplo abano de oferta.

 

Alta especialización

Outro dos eidos destacados en canto a impulso para o vindeiro curso son as titulacións de alta especialización que son exclusivas de Galicia e que, segundo explicou o conselleiro, “atenden ao reto de avanzar nun sistema de FP de alta cualificación atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo co deseño de titulacións ad hoc.

 

O vindeiro curso poderanse estudar un total de 24 titulacións de alta especialización configuradas como dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos, 13 delas de nova implantación. Hai un total de 623 prazas (un 52% máis que no actual curso) que se reparten en 27 grupos de aula por toda Galicia.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

A Xunta reúnese en Bruxelas con distintas institucións comunitarias para aproveitar as oportunidades que ofrece Europa no eido da I+D+i

Novas eduxunta - Mér, 2024-06-05 12:32

Summary: 

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantén un encontro de traballo con responsables da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea e do Consello Europeo de Investigación (ERC nas súas siglas en inglés)

No transcurso da xornada vese tamén coa dirección da Fundación Galicia Europa, coa que colabora en materia de políticas e programas europeos no ámbito da I+D+i

Idioma Gallego

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, mantivo hoxe en Bruxelas varias reunións de traballo con representantes de distintas institucións europeas para coñecer as oportunidades que ofrecen as novas iniciativas e fondos europeos ao ecosistema galego de I+D+i e posicionar a Galicia como un referente en distintos ámbitos como a biotecnoloxía, deep tech ou os programas de captación e retención de talento como Oportunius.

 

A primeira hora da mañá, a representante da Xunta de Galicia mantivo un encontro con Jorge Molina Villanueva e con Giuseppina Luvara, da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea. Neste marco, Carmen Cotelo interesouse pola nova iniciativa da Comisión para impulsar a biotecnoloxía e a biofabricación, polo seu potencial para impulsar sectores como o farmacéutico, o sanitario, o alimentario ou o industrial e a súa contribución a unha Unión Europea máis competitiva e resiliente. Así mesmo, a directora de GAIN expuxo as prioridades de Galicia neste ámbito incluídas na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 21-25, que ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como Comunidade referente en biotecnoloxía.

 

A continuación, reuniuse con José Labastida, xefe da unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC). Na xuntanza, abordaron posibles medidas para dinamizar a participación do persoal investigador excelente nesta e noutras convocatorias europeas e para atraer candidatos, finalistas e gañadores das axudas do ERC, ademais das que xa se están a poñer en marcha a través do programa Oportunius, que desde a súa posta en marcha apoiou a 31 investigadores principais.

 

Por último, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantivo tamén un encontro con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, coa que colabora en políticas e programas europeos de I+D+i.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

Cursos de preparación das probas de certificación de inglés dos niveis intermedio B2 e avanzado C1 (ExamPrep) para o curso 2024/25

Novas eduxunta - Mér, 2024-06-05 10:15
Idioma Gallego

Publicouse a Instrución 3/2024 da Dirección Xeral de Formación Profesional sobre a impartición de cursos de preparación das probas de certificación de inglés dos niveis intermedio B2 e avanzado C1 na modalidade de educación a distancia, mediante o programa That’s English! para o curso 2024/25.

Datas de realización e prazos de matrícula:

  • Os cursos do primeiro cuadrimestre comezarán o 23 de setembro e rematarán o 20 de decembro de 2024. O prazo de inscrición abranguerá dende o 9 ao 20 de setembro de 2024.
  • Os cursos do segundo cuadrimestre comezarán o 24 de febreiro e rematarán o 23 de maio de 2025. O prazo de inscrición abranguerá dende o 8 de xaneiro ao 21 de febreiro de 2025.

Máis información: Instrución 3/2024

Tema: 

Escolarización

Ensinanza: 

Ensinanzas de idiomas de réxime especial

Departamento: 

Subdirección Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial e Aprendizaxe Permanente

Colectivo: 

Alumnado

Sección: 

Boletín Portada de boletín
Categorías: Novas

Román Rodríguez destaca o papel de Galicia como referente na Biotecnoloxía ao abeiro da estratexia de consolidación do sector impulsada pola Xunta

Novas eduxunta - Mar, 2024-06-04 20:19

Summary: 

“Fomos unha comunidade pioneira que se adiantou ás tendencias globais neste eido para avanzar na atracción de talento, investimento e actividade empresarial”, di

O conselleiro participa na presentación da segunda edición do Galicia Biodays, que se celebra o 12 e 13 de xuño en Vigo co apoio do Goberno galego

Idioma Gallego

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel de Galicia como referente na biotecnoloxía. Fíxoo na presentación da segunda edición do Galicia Biodays, o foro da industria da Biotecnoloxía e Ciencias da Vida no Espazo Atlántico Europeo, que se celebrará os días 12 e 13 de xuño en Vigo co apoio da Xunta. O encontro está organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

 

O conselleiro puxo en valor a aposta do Goberno galego por un sector “que marca a diferencia tanto en rendemento produtivo como en transformación innovadora”. Neste sentido, lembrou a posta en marcha da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. “Fomos unha comunidade pioneira que soubo adiantarse ás tendencias globais no eido da biotecnoloxía e avanzar así na atracción de talento, de investimento e de actividade empresarial”, afirmou.

 

“Ese compromiso mantense intacto hoxe grazas a Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, que conta cun orzamento de 622M€ do que o investimento público son 430M€”, explicou Román Rodríguez, quen sinalou que xa se teñen captado máis de 200M€ de financiamento público estatal e europeo a través desta folla de ruta.

 

Un sector que medra

Román Rodríguez quixo tamén felicitar a Bioga pola súa contribución á mellora do posicionamento e cohesión do tecido biotecnolóxico galego. “Un sector que sigue medrando en Galicia e que, segundo a enquisa do Instituto Nacional de Estatística, empregou en 2022 a máis de 1200 investigadores e supuxo un gasto en I+D de máis de 127M€”, dixo.

 

Así mesmo, subliñou o impulso do clúster á dinamización do emprendemento e da colaboración entre centros de coñecemento e axentes produtivos, “en concordancia cunha das liñas de acción estratéxicas da Xunta arredor da ciencia, que é precisamente a transferencia do coñecemento ao tecido produtivo”, incidiu.

 

Polo de Innovación

A Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como rexión referente en biotecnoloxía, fomentar a xeración de negocio, e garantir a consolidación empresarial en torno a un Polo de Innovación Biotecnoloxía, que será a panca para o bioemprendemento e a atracción de empresas intensivas en I+D+i.

 

Isto supón estimular o uso da biotecnoloxía en todos os sectores produtivos, fomentando un ecosistema colaborativo baseado na transferencia de coñecemento. Entre os obxectivos específicos está o incremento do capital humano (un 20% no número de investigadores e un 25% no emprego do persoal cualificado) e o 50% do número de empresas biotecnolóxicas en Galicia, entre outros.

 

Desde a súa posta en marcha en 2021 acadáronse numerosos fitos, como a posta en marcha do biopolo do Centro de Fabricación Avanzada Sionlla Biotech, do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, do centro de investigación empresarial Mestrelab ou a ampliación e actualización da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, todos eles co apoio da Xunta de Galicia.

 

Información xeral Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Categorías: Novas

Xov, 1970-01-01 02:00
Distribuir contido


by Dr. Radut