Con data do 19 de abril do 2017 publicase no DOGA (Nº75) a ORDE do 3 de abril de 2017 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado, e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial para o ano 2017.
Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de nais e pais do alumnado, así como as asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As axudas van destinadas tanto á realización de actividades como a sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.